HISTORIA

A ponte “Romana”, Ponte Vella ou Ponte Maior de Ourense é unha das pontes mellor conservadas no territorio nacional sendo a de maior tamaño de Galicia e unha das máis sinaladas de España. Ata 1918 foi a única comunicación estable entre as dúas marxes do río Miño.

ORIXE

Considérase unha construción da época do emperador romano Trajano (principios século II d.C.) aínda que polas súas características estructurais estaría máis perto ao reinado de Augusto (mediados século I d.C.).

Formaba parte do ramal da vía XVIII do Itinerario de Antonino, tamén chamada Vía Nova. A situación estratéxica da ponte como nó de comunicacións no centro da Gallaecia aumentou durante os séculos posteriores, contribuíndo ao desenvolvemento da vila.

Da primeira ponte construída só se conservan algúns sillares almofadados na súa base.

Nestes sillares pódese aprezar as marcas do canteiro con caracteres do alfabeto grego.

ÉPOCA MEDIEVAL

Durante o S. XII o arco principal da ponte caeu dando lugar a profundas e interminables reparacións debido aos sucesivos derrubamentos que non finalizaron ata o século XVII.

A primeira reconstrución coñecida data do ano 1228 e foi patrocinada polo bispo Don Lorenzo coa axuda do rei Fernando III. É neste momento cando se lle dá o perfil actual co arco apuntado e as ramplas en ascenso.

Sobre o ano 1300 levántase unha torre defensiva ao lado desta ponte que posiblemente fora rematada en 1382 xogando un papel moi importante na defensa infrutuosa exercida polo nobre macedán Xoán de Novoa en 1386 contra o Duque de Lancaster (John of Gaunt ou Xan de Gante, en galego) quen pretendía a coroa de Castela e contaba co apoio de parte da nobreza galega. Nese ano o Duque instala a súa corte en Ourense para poder pasar o inverno.

Xan de Gante, Duque de Lancaster e pretendente da coroa de Castela

ÉPOCA MODERNA

Sobre o ano 1571 derrubouse a torre defensiva tamén chamada Torre Vella e construiuse unha nova na entrada de Ourense.

No século XVII realízase a última das reformas dirixida por Melchor de Velasco que lle daría o aspecto que coñecemos hoxe en día, de corte medieval pero con elementos romanos orixinais como os arcos de inicio.

Como curiosidade podemos relatar que ao redor do ano 1710 houbo unha enorme carestía no pan de trigo e centeo en todo o Reino. O día 9 de xuño dese mesmo ano o concello tivo a noticia de que en Santiago existía unha enfermidade contaxiosa polo que moita xente escapaba cara Ourense. Por medo a caer enfermos o concello decide poñer gardas de día e de noite na ponte maior, e tamén unhas portas de madeira. Cortan para tal efecto os carballos dos campos do redor, pertencentes á cidade.

En 1754 teñen lugar unha serie de liortas na zona nas que acaban rebentando ditas portas, en 1775 deciden arranxar a desfeita contratando aos arquitectos Pedro Fontenla e Pedro do Mazo pero estes, en lugar de reparar a ponte, xuntan cantos cartos poden e tratan de fuxir. Tras ser apreixados conseguiron escapar de prisión para gran consternación da cidade.

Plano da ponte coa torre defensiva

Reforma da ponte romana realizada por Melchor Velasco

IDADE CONTEMPORÁNEA

En 1837 construíuse unha segunda torre ao lado do Canedo pero unha vez rematada a guerra carlista en 1839, derrubaron ámbalas torres, debida á dificultade que lle supoñía ao tránsito de carruaxes.

Foi declarada, xunto coa Igrexa dos Remedios, monumento histórico por Decreto da Xefatura do Estado do 6 de abril de 1961.

Nesta fotografía aérea vese completa a Ponte Maior cos sete arcos. Tamén a situación da Ponte nos anos 1960, así como a Igrexa dos Remedios á dereita.

Chegados a 1998, concretamente o 12 de agosto, as autoridades, tras varias dúbidas e moitas reformas, decidiron declarala ponte peonil para protexela do intenso e dañino tráfico dos coches.

Nunca máis se poderá ver esta imaxe.

Actualmente esta ponte é o orgullo de todo ourensán e unha das pezas fundamentais da cultura e da historia da cidade.

Imaxes actuais da ponte de día e de noite coa súa iluminación