A actual ponte construíuse no século XVI, por orde de Pedro Rodríguez de Remberde, que manifestou os seus desexos o 29 de xuño de 1591. A Dita obra foi financiada polo Concello de Monforte.
Na Idade Media xa existía e, de feito, era vital para enlazar certos barrios; segundo certas fontes a ponte sufriu unha modificación no século XIII . Esta ponte era moi importante tanto por atoparse sobre unha ruta mercantil (para o abastecemento da cidade) como por ser paso de camiños de peregrinación.
De feito, esta tiña ambas as funcións, xa que unha variante do Camiño de Santiago pasaba por ela, e á súa vez, era un elemento esencial para a vida diaria da cidade de Monforte. (En Galicia eran poucas as pontes que cubrían ambos os requisitos).
Conserva na súa parte máis próxima ao Mosteiro de Santa Clara unha sorte de signos e marcas que poden significar unha construción na época do románico. Porén, pode que estas pedras fosen reutilizadas para facer a ponte, pertencendo en verdade a construcións máis antigas.
Hai dúbidas sobre por que se construíu a ponte nese momento: unha posibilidade é que fora pola destrución case total da ponte anterior, consecuencia dos intensos temporais que sufrira Galicia durante a segunda metade do século XVI; O outro posible motivo é que a ponte primitiva fose insuficiente para o tránsito que soportaba a diario.