Con motivo do Día Internacional do Desayuno, que se celebra o 13 de febreiro, no noso centro decidimos conmemoralo o pasado xoves 20 de marzo coa II edición da actividade “Almorzo saudable”, enmarcada no programa Nutriescolas dentro do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. Tras o éxito acadado o curso pasado, esta nova edición volveu ter unha acollida moi positiva, sendo unha actividade que gustou moito a todo o alumnado.
Desde primeira hora da mañá, alumnado e profesorado xuntámonos para gozar dun almorzo equilibrado, nun ambiente cheo de alegría. Ademais de degustar alimentos saudables, tivemos a oportunidade de compartir un espazo común no que a música e o baile tamén estiveron moi presentes. Mesmo nos animamos a cantar algún tema do Xabarín, lembrando con agarimo a actuación do curso pasado que tanto lles gustara aos nosos nenos e nenas.
Queremos facer unha mención especial ao alumnado máis maior, que colaborou de maneira exemplar na recollida do material ao remate da actividade, demostrando responsabilidade e compañeirismo. Así mesmo, agradecemos tamén a implicación de todo o profesorado, xa que entre todos e todas fixemos posible a preparación desta convivencia tan enriquecedora.
Foi unha experiencia moi especial que nos permitiu seguir concienciando sobre a importancia dunha alimentación saudable ao tempo que reforzamos os lazos dentro da comunidade educativa. Deixamos un vídeo para que poidades ver o ben que o pasamos!
Este “Almorzo Saudable” consolídase así como unha actividade de referencia no centro, e agardamos poder seguir repetíndoa nos vindeiros cursos, fomentando hábitos de vida saudable e creando momentos compartidos.