O proxecto “Nutriescolas” forma parte da estratexia educativa do Plan de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade (Plan Obesidade Zero en Galicia) da Dirección Xeral de Saúde Pública, e canalízase na escola a través do Plan Proxecta+ de innovación educativa. 

As modalidades de "Nutriescolas" buscan traballar todas as dimensións do feito alimentario dun xeito integral e transversal na comunidade de referencia do alumnado. Responde á necesidade de que o alumnado adquira e consolide hábitos alimentarios adecuados e desenvolva as competencias necesarias para facer eleccións saudables no futuro. Para acadar estes obxectivos, se lles convida a coñecer a contorna alimentaria a través de experiencias sensoriais, a valorar o noso patrimonio alimentario tradicional, a reflexionar sobre a influencia do medio (publicidade, dispoñibilidade de alimentos, industria alimentaria) e as súas consecuencias sobre o estado de saúde, entre outras, co fin de desenvolver un comportamento crítico como consumidores responsables fronte á oferta alimentaria actual.