CLASES MAXISTRAIS
Como complemento das actividades programadas para a semana do "IX Festival de Hércules Brass Celanova", están previstas varias clases maxistrais de trompeta, trompa, trombón e tuba; coas que se ofrecen ás persoas participantes pautas de carácter teórico e práctico, que lles permitirán perfeccionar a súa técnica, ampliar o seu repertorio e responder aos interrogantes que se lles presenten no día a día, todas elas impartidas por profesionais de gran recoñecemento e cunha longa traxectoria musical acreditada a nivel nacional e internacional.
Durante catro días as persoas participantes recibirán sesións de técnica en grupo e sesións individuais acordes a cada nivel (todas as clases maxistrais son de carácter presencial). Ademais das clases maxistrais por especialidade, ofreceranse clases de música de cámara e repertorio orquestral a todo o alumnado de nivel avanzado e daranse pautas específicas para a preparación de audicións.
As clases maxistrais están abertas a todo tipo de público interesado en profundar nos coñecementos de calquera das especialidades ofertadas.
Haberá un número máximo de participantes. A selección do alumnado será por rigoroso orde de inscrición co seu correspondente pago da matrícula.
Non se realizará o curso dalgunha especialidade no caso de non existir un mínimo establecido de matrículas ao finalizar o prazo de inscrición.
As persoas participantes que se matriculen no curso recibirán un diploma de asistencia e poderán asistir gratuitamente ás actividades e a todos os concertos ofertados durante o festival.
Obxectivos das clases maxistrais
Fomentar o coñecemento e a apreciación musical das persoas asistentes.
Ampliar e actualizar a formación teórica e práctica das persoas participantes da rexión.
Ofrecer unha ensinanza de carácter profesional proporcionada por mestres e intérpretes, que serven como modelos a seguir no ensino musical.
Dar a coñecer unha rutina diaria de quentamento e progreso técnico de cada instrumento.
Relacionar os coñecementos musicais coas características da escritura e da literatura do instrumento en cada época.
Abordar de maneira interactiva os diferentes aspectos técnicos e artísticos necesarios para unha adecuada interpretación musical.