Este traballo desenvolvido durante o curso 2017-2018 no IES Sofía Casanova de Ferrol (A Coruña), xorde, en primeiro lugar, pola necesidade de implementar as destrezas de lectura e comunicación oral e coa finalidade de facer do noso alumnado un axente activo das súas opinións e, ao mesmo tempo, respectuoso coas diferentes formas de pensar das súas compañeiras e compañeiros.
Foi deste xeito como atopamos que era necesario explicar ao alumnado do centro o concepto de “xénero” e a necesidade de romper coas concepcións tradicionais de home-muller.
Familia, amistades, sistema educativo e medios de comunicación presentáronsenos como os elementos sobre os que sabiamos que tiñamos que incidir para intentar producir un cambio natural de normas, valores, atributos, funcións e comportamentos.
As sociedades sostéñense sobre unha esixencia básica e común: a das súas relacións entre sexos, e xéneros, home - muller, masculino - feminino e viceversa respectivamente. Crenzas, nocións, principios, mitos e valores son transmitidos –e mantidos– polos elementos sustentadores e transmisores antes citados. Agora ben, do mesmo xeito, sabiamos que as estruturas do pensamento poden ser cambiadas grazas á reflexión que conleva o proceso educativo.
Partindo desta reflexión, xurdiunos a idea de traballar os conceptos de “xénero e diversidade” a través da lectura de obras literarias. Así as cousas, decidimos traballar desde todos os frontes que puidésemos: en primeiro lugar coa lectura na aula, xa que deste xeito involucrabamos o alumnado directamente no proceso; en segundo lugar, compartindo co profesorado do centro lecturas que reflectiran as súas inquedanzas sobre o tema; en terceiro lugar, aproveitamos o notable funcionamento dos clubs de lectura da nosa biblioteca, tanto o formado por alumnos como aquel formado por adultos, e, en derradeiro lugar, utilizamos as inquedanzas dunha parte moi activa das nais e pais para que expuxeran a súa visión do tema.
As tendencias sociais e educativas para este século XXI demandan posicións totalmente renovadoras que capaciten as mozas e os mozos para viviren en conxunto cos novos desafíos e disfrutar dunha sociedade igualitaria en responsabilidades e dereitos. Involucrar non só o alumnado, senón tamén a membros do profesorado e as familias pareceunos necesario para tratar un tema cuxo obxectivo principal é cambiar una concepción errónea que se aplica en todos os campos sociais.
A nosa esperanza, porque cremos no poder da literatura e na súa capacidade transformadora do pensamento individual e social, é que a diversidade e igualidade desde o punto de vista do “xénero” sexa posible e que as diferenzas –sexan do tipo que sexan: raciais, sexuais, familiares, culturais ou intelectuais, entre outras– conformen unha sociedade máis rica.