Neste proxecto audiovisual o alumnado de 2º de ESO traballa coa imaxe en formato equirectangular para transformala nun vídeo en 360º, explorando novas maneiras de crear, mirar e narrar o espazo.
Partimos de imaxes equirectangulares (relación 2:1), que foron editadas co programa libre GIMP, aprendendo a recoñecer este formato, a súa estrutura e as súas particularidades técnicas. A partir deste material, preparouse o contido para a súa visualización como vídeo esférico 360º, permitindo unha experiencia inmersiva.
O traballo en 360º obriga a pensar a imaxe como un todo: non existe un encadre tradicional e cada elemento do espazo cobra importancia. O espectador decide onde mirar, converténdose nun suxeito activo dentro da escena.
A través deste proxecto, o alumnado desenvolveu:
A comprensión do formato equirectangular.
O uso de GIMP como ferramenta de edición dixital.
A capacidade de pensar o espazo de forma global.
A creatividade e o traballo colaborativo.
A iniciación ás linguaxes audiovisuais inmersivas.
Este proxecto combina arte, tecnoloxía e pensamento crítico, achegando ao alumnado a formatos audiovisuais contemporáneos e ao uso do software libre como ferramenta creativa.