Seleccionar de maneira colectiva e argumentada os proxectos de curtametraxe en 360º que se desenvolverán ao longo da unidade didáctica, fomentando a capacidade de síntese, a comunicación oral, o pensamento crítico e a toma de decisións en grupo.
O pitching é unha presentación breve e clara dunha idea audiovisual coa finalidade de convencer a un público (ou xurado) do seu interese e viabilidade.
No ámbito profesional do cine e do audiovisual, os proxectos non se producen sen antes ser defendidos oralmente. Nesta unidade, o alumnado reproducirá ese proceso real de selección.
Traballaremos en grupos pequenos.
Cada grupo desenvolve unha idea inicial de curto en 360º.
Todos os grupos deberán presentar o seu proxecto ante a clase.
Cada grupo preparará unha exposición oral de 2–3 minutos, que deberá incluír:
Título provisional do proxecto
Idea principal
(Que historia se conta ou que experiencia se propón en 360º)
Espazo/es
(Onde se sitúa o espectador? Por que é interesante en 360º?)
Experiencia do espectador/a
(Que verá? Onde deberá mirar? Que sensacións se queren provocar?)
Viabilidade
(Localizacións reais, poucos actores, duración curta, medios dispoñibles)
Non se permiten vídeos nin materiais complexos:
o obxectivo é defender a idea coa palabra.
Cada grupo expón o seu proxecto diante da clase.
O resto do alumnado escoita en silencio e toma notas.
Ao rematar cada presentación pode haber unha breve quenda de preguntas.
Unha vez rematadas todas as presentacións:
Realízase unha avaliación colectiva, guiada polo profesorado.
Os criterios de selección poden ser:
Adecuación ao formato 360º
Orixinalidade da proposta
Claridade da idea
Viabilidade técnica e temporal
Capacidade de traballo en equipo
Segundo o tempo e o grupo:
Selecciónase un proxecto, ou Varios proxectos, que se desenvolverán por quendas ou equipos técnicos diferentes.
Esta fase permite:
Entender como funciona a industria audiovisual real
Desenvolver habilidades de comunicación oral
Aprender a defender ideas con argumentos
Aceptar decisións colectivas e críticas construtivas
Comprender que non todas as ideas se producen, pero todas achegan aprendizaxe
O proxecto ou proxectos seleccionados pasarán á seguinte fase da unidade didáctica:
deseño, planificación e produción da curtametraxe en 360º.