Pórtico da Gloria

O Pórtico da Gloria é un dos pórticos da Catedral de Santiago de Compostela. Construido a mediados do século XII polo Mestre Mateo, presenta un estilo protogótico con figuras orixinalmente policromadas, que o convirten nun dos maiores atractivos do templo.

Denominación: Pórtico da Gloria

Tipoloxía: Monumento.

Cronoloxía: Séculos XII - XIII.

Etiquetas: Catedral; Monumento; Ben de Interese Cultural.

Localización: Catedral de Santiago de Compostela.

Coordenadas: 42°52'50"N 8°32'38"W.

Propiedade: Privada.

O Pórtico da Gloria, situado no nártex que precede á entrada da Catedral de Santiago, é unha obra esculpida sobre mármore en alto relevo, levada a cabo polo Mestre Mateo tras un encargo do rei Fernando II no ano 1168. A pesares de que ten trazos de estilo románico, o certo é que tamén conta con algunhas innovacións que permiten identificar a obra dentro dunha sorte de protogótico galego.

Anticipando a entrada á Xerusalén celeste, o pórtico concebiuse como unha obra impactante para o peregrino, tanto polas súas dimensións como polo forte simbolismo escatolóxico do corpo escultórico que compón os seus piares. Isto, na Idade Media, cobra extremada relevancia en comparación ao impacto que pode supoñer visitar o Pórtico a día de hoxe, no que os turistas non están familiarizados coa rica simboloxía medieval. Porén, en pleno séxulo XIII, ao impacto visual da magna obra sumábaselle o impacto espiritual e mesmo psicolóxico que podía causar a inmersión e comprensión dos símbolos nunha sociedade fortemente devota e supersticiosa.

A estrutura do pórtico consiste na superposición de tres niveis:

  • A Cripta, que representa o mundo terreal.

  • O Pórtico, que simboliza a entrada á Xerusalén celeste.

  • A Tribuna, que representa o paso ao divino.

Á súa vez, o pórtico divídese en tres arcos de medio punto que dan entrada a cada unha das tres naves que conforman a planta da catedral. O arco central, que por ser o que conecta coa nave central é o maior dos tres, presenta un tímpano e un parteluz no que se alza a figura do patrón do templo, Santiago Apóstolo.

A iconografía do Pórtico baséase no libro do Apocalipse de San Xoán (representada nas xambas do arco central) e na Segunda Vinda de Cristo (representada no tímpano mediante un pantócrator e rodeado dun tetramorfos cos evanxeos), na que vén a anunciar a chegada do reino celestial. Por outra banda, nas arquivoltas que rodean o tímpano esculpíronse os 24 anciáns do Apocalipse portando diferentes instrumentos musicais, celebrando a gloria celestial arredor da figura de Xesucristo.

Avanzando cara as portas laterais, na esquerda aparece de novo o Salvador xunto con figuras veterotestamentarias, como Adán e Eva, Noé, Moisés e outros dos profetas do Antigo Testamento. Pola súa parte, na dereita aparece descrito o Xuízo Final, no que Xesús e o arcanxo San Miguel imparten sentencia sobre as almas dos salvados e dos condenados.

Os catro piares do Pórtico susténtanse sobre uns basamentos nos que aparecen representados diversos animais, entre os cales destacan un conxunto de seis aguias, un oso ou catro leóns, así como tres cabezas de homes barbados. Hai quen disto saca unha interpretación apocalíptica, coa encarnación das guerras, fame e morte (representadas polas bestas), situacións que só se poden salvar grazas á intelixencia humana (as cabezas humanas).

Tamén se representan imaxes realmente arrepiantes e significativas, como a que aparece no piar onde aparecen os profetas, no que se pode apreciar a figura dun grifo roendo a cabeza dun porco (animal prohibido para os xudeus); ou a representación de varios pecados capitais, como a gula (mediante un glotón que aparece comendo unha empanada ou un home bébedo que está a intentar beber boca abaixo).

Aínda que a pintura das figuras do Pórtico se atopaba moi desgastada desde un mal traballo de Domenico Brucciani en 1866 tratando de facer copias dos relevos en xeso, actualmente o equipo de restauradores de diferentes universidades conseguiron restaurar a policromía orixinal. O proceso durou un total de dez anos.


Bibliografía:

Imaxes:

  1. No machine-readable author provided. Opinador assumed (based on copyright claims)., Interior Catedral Santiago de Compostela, CC BY-SA 3.0.