Mestre Mateo

1.Mestre Mateo Sto dos Croques

O Mestre Mateo (c. 1145 - c. 1217) foi un escultor e arquitecto que deseñou e realizou o Pórtico da Gloria, a cripta e o coro pétreo da catedral de Santiago de Compostela.

A súa obra, sen parangón na cidade de Compostela ata entón, inaugurou o protogótico como estilo artístico e máis tarde sería adoptado por outros arquitectos e escultores da cidade.

Nome completo: Mateo

Datas: c.1145- c.1217

Lugares: Santiago de Compostela-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Arquitectura; Escultura

Grupo asociado: Románico; Catedral de Santiago; Pórtico da Gloria

Ocupación: Arquitectos; Escultores

Lingua:

  1. Biografía

  2. 1.1. Identidade

Na actualidade, a identidade do Mestre Mateo segue manténdose na incógnita; a súa figura atópase nunha miscelánea entre o mito e a fama. Só aparece mencionado nun documento do ano 1168, expedido por desexo de Fernando II e no que consta a sinatura do monarca. Tamén aparece nunha epígrafe gravada no dintel do Pórtico da Gloria.

2.

O resto de fontes nas que se atopan alusións á persoa do Mestre Mateo non son completamente verificábeis, cando non se tratan de interpretacións erróneas como é o caso da obra do benedictino Juan Sobreira Colección diplomática y litológica (fins do s. XVIII), que inclúe un testamento do ano 1161 no que se fai referencia a certas intervencións na obra da Catedral así como da ponte de Cesures, mais non aparece manifesto o nome do Mestre Mateo. López Ferreiro fai referencia na súa obra El Pórtico de la Gloria (1886) a un documento datado do 1189 polo que Diego Mateo e a súa esposa Dulcia venden a Urraca Rodríguez e aos seus irmáns Fernando e Guillermo unha propiedade. Neste figura o nome do Mestre Mateo, aínda que non en calidade de testemuña. Tamén analizado por López Ferreiro, si aparece como tal nun documento de 1192, a doazón que realiza Nicolás Froila ao arcebispo de Santiago dunha parte da igrexa de San Xulián de Amenarias (Almeiras), conservado no Arquivo da Catedral de Santiago, Tumbo C. "En 1188 continúa traballando na catedral. As subscricións posteriores de 1189 e 1192 indican que continúa vivindo en Galicia ou, polo menos, unido a ela1".

En canto á súa nacionalidade, existen diversas hipóteses dentro do mundo intelectual. Manuel Murguía, basándose nun documento de 1155 no que se menciona a un "Magistro Matheo", relaciónao co mestre Raimundo (suposto iniciador da construción da catedral de Lugo) e alude á súa orixe lucense.

A fins do século XIX López Ferreiro tamén pretendeu outorgarlle ao arquitecto unha filiación compostelá. A meirande parte dos historiadores do século XIX coindicen nunha orixe leonesa do Mestre. Emporiso, a historiografía do século XX non logrou achegarse a certezas ou formular novas hipóteses, alimentando así o misterio arredor deste personaxe da historia compostelá. Outros investigadores como E. Bertaux e Vidal Rodríguez consideran que o Mestre Mateo era francés.

O retrato do Mestre Mateo pasou a converterse nunha lenda, nunha admiración moldeada pola cultura galega na que tiveron capital importancia, por un lado, a historiografía contemporánea e a propia tradición popular, que profesou unha admiración pola súa persoa e a obra que levou a cabo tanto no eido artístico coma no relixioso, sempre acompañada dunha característica exaltación místico-relixiosa. Como corolario, xurdiu o culto ao Mestre Mateo e á imaxe do mesmo, representada no parteluz do Pórtico da Gloria, axeonllado e en actitude orante que se transformou no coñecido como o "santo dos croques".


    1. Formación artística

López Iglesias argumenta que o Mestre Mateo estudou en París (Francia), onde recibiu unha formación de índole teolóxica e filosófica, de man, entre outros, do teólogo escolástico e bispo Pedro Lombardo. Dado o contexto franco no que viviu, puido ser testemuña do crecemento de burgos, moitos en torno a mosteiros, como Cluny, Saint-Denis ou Saint Martin de Tours. Parece probábel que, "cerca dos Pirineos, en Rosellón e Languedoc, Mateo puido estudar diversas igrexas, grandes e pequenas, coas súas plantas en cruz, triforios e xirolas ao redor do altar maior, pero tamén tímpanos donde se recreaba o principio dos tempos, a Maxestade de Cristo e o inevitábel Xuizo final2". Uns coñecementos que, dunha forma ou doutra, víronse reflectidos na súa creación artística en Santiago de Compostela.

O profesor Azcárate, resume a obra do Mestre Mateo en que as súas "formas arquitectónicas e escultóricas... supoñen a iniciación da estilística gótica". Este acertado xuízo fundaméntase en que, á marxe da cal fose a súa orixe, coñecía o que se facía en Borgoña así como no entorno de París, en particular Saint-Denis, coñecemento que, quizais, procedía dunha viaxe a Francia, facilitada polas relacións que con esa nación mantiña o cabido da catedral compostelá ou, como escribiu Bertaux, que tivo relación con algún mestre francés dos que viñan á Península3". Autores como G. Gaillard coinciden en que a formación artística do escultor e arquitecto tivo lugar en Francia.

Na súa adolescencia pasou a formar parte do gremio de constructores do Reino de León, o que lle ofreceu a posibilidade de que o rei Fernando II se fixase nas súas dotes escultóricas. Para Domínguez González, o mestre francmasón "posuía un bagaxe intelectual nada desdeñábel; ademáis dos coñecementos indispensábeis do oficio en: xeometría, debuxo, escultura, arquitectura e grabado. [...] O Mestre tiña que ser un bo coñecedor dos estilos anteriores -mozárabe e visigótico-, pero tamén do "novo" e fermoso estilo románico co que se estaban levantando por toda Europa templos4".


  1. Santiago de Compostela: soporte artístico do Mestre Mateo

  2. 2.1. Contexto histórico

A actividade do Mestre Mateo desenvolveuse no marco da Galicia feudal, sendo Compostela un dos destinos de maior peregrinación de toda Europa. A obra apostólica que comezara no 1075 baixo o padroado de Afonso VI atopábase neste momento nun estado de paralización. Neste contexto, é nomeado novo arcebispo da sé Metropolitana de Compostela Pedro Gundestéiz, que fora feito prisioneiro durante case dous anos, nun momento no que Portugal loita -e consegue- o status de reino independente (o que deu lugar á conformación do territorio histórico de Galicia), por manterse fiel á raíña Urraca.

Así mesmo, trátase dun período no que a cultura de Galicia comezou a manifestarse nos escritos, especialmente a través da utilización da lingua galega por parte de poetas provenzais como Raim-Baut de Vaqueiras e Paio Soares de Taveirós. O Camiño de Santiago foi un factor fundamental no senso dinamizador da cultura en Galicia, vector para o tráfico de correntes de pensamento, persoas e mercancías que comunicaba estreitamente a Hispania cristiana con Europa.

A arte será un dos principais escenarios onde de manifestou esta praxe. Os artistas deste momento detentan unha gran formación humanista; "todos eran, á vista do rico e complexo simbolismo transmitido nas súas obras, posuidores de vastos coñecementos que lles facían aparecer como unha especie de "elite" entre unha maioría da poboación carente da máis elemental cultura5". Ademais, estes acostumaban a viaxar por Europa, a miúdo traballando dentro de corporacións gremiais, o que non lle impedía viaxar por Europa nun desexo de adquirir coñecementos e técnicas artísticas. Pero deixar gravada a autoría, o nome do artista, non era unha cuestión fundamental e isto dificulta significativamente o coñecemento destes personaxes.


    1. Encargo e proxecto: o mecenado de Fernando II

En 1168, o rei Fernando II asinou un documento no que lle outorgaba unha doazón ao Mestre Mateo para a construción do Pórtico da Glora: dous marcos de prata semanais, o equivalente a uns 100 marabedís ao ano. Expedido pola Chancelería Real, está escrito en latín e en letra minúscula diplomática. Trátase dun pergamiño de 375x526mm en cuxo centro figura o selo real (ou "signo rodado"), con catro pequenos buratos na parte inferior onde noutro tempo houbo un selo de chumbo. Atópase custodiado no Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela, cidade á que se pretendeu mellorar á par que acrecentar a produción artística. Así reza o seu contido:

"dono e concedo a ti, Mestro Mateo, que tes o primeiro posto e a dirección da obra do mencionado Apóstolo, cada ano e na metade miña da moeda de Santiago, a pensión de dous marcos cada semá que se supla en outra, e o que faltae che valga en cen marabedís cada ano. Este obsequio e don concédocho por todo o tempo da tua vida, para que redunde en mellora da obra de Santiago e da tua propia persoa, e os que isto vexan, coiden e traballen con máis afán en dita obra6".

Con isto quedaba recoñecida a destacábel personalidade do Mestre Mateo para o monarca e por ende para o proxecto en canto tal; un cambio na mentalidade en canto á consideración do artista que o puxo á fronte das obras da Catedral e lle outorgou a pseudónimo de "Arquitecto do Rei". Só corenta e tres anos despois de poñerse á fronte das obras da Catedral, no 1211 consagrouse a igrexa.


    1. Pórtico da Gloria

Dentro do espazo comprendido por un amplo nártex agóchase a obra máis espléndida do Mestre Mateo, a que lle outorgou a fama e o recoñecemento como artista precursor do gótico en Galicia. Na súa estrutura distínguense tres partes: a cripta, o Pórtico e o corpo superior deste. Na primeira o labor do Mestre centrouse en robustecer os piares, substituír os capiteis e as bóvedas de arista existentes por bóvedas de crucería. Tendo en conta o contexto artítico no que se realizou esta obra, destaca o eclecticismo entre funcionalidade e expresión artística.

O Pórtico da Gloria encádrase dentro dunha disposición porticada que lembra o estilo cluniacense de obras como San Filiberto de Tournus; disponse en tres arcos correspondentes a cada unha das tres naves da igrexa. No arco central atópase un conxunto de catro: Deus en maxestade, o tetramorfos, anxos e anciáns. Cristo atópase rodeado dos catro evanxelistas e os seus respectivos retramorfos: Lucas e o touro, Marcos e o león, Mateo e a caixa de impostos, e Juan e a aguia. A carón destes, un séquito de anxos porta os instrumentos da Paixón. Na arquivolta están presentes os vintecatro anciáns que, cos seus instrumentos, anuncian a chegada do Xuízo final.

O parteluz, columna principal, está presidido polo Apóstolo, e baixo el, a árbore de Jesse ou xenealoxía de Xesucristo. Unha representación de mostruos e heroes da Antigüidade alude a un pasaxe do Libro de Daniel. Na parte interior do parteluz está a figura do Mestre Mateo. Os arcos dos laterais están divididos entre Antigo Testamento e o pobo xudeu (esquerdo), xunto cos profetas Isaías, Daniel, Moisés e Xeremías; e Novo Testamento e os xentís (dereito). Nos basamentos dos pilares lucen unhas cabezas zoomorfas, algunhas veces de animais fantásticos (monstros), acompañados de escenas de loita como é a de Sansón que abre as fauces a dous leóns. Estas representacións amosan claros paralelismos con fórmulas francesas e italianas, especialmente pola intencionalidade de representar os vicios e a loita pola virtude.

O labor do Mestre destaca tamén pola súa orixinalidade, especialmente en canto á temática empregada. Emporiso, esta atópase moi condicionada pola interpretación que se lle outorgue: no caso de tratarse dunha representación do Xuízo final non sería un tema innovador; mais, non sería así no caso de tratarse da representación dos tres estados ou igrexas, como apunta López Ferreiro. O que si semella claro é a visión apocalíptica, referenciada nos Libros Sagrados ou nos apócrifos e, por suposto, moi presente na mentalidade colectiva. Trátase dunha obra que supón todo un precedente do gótico, pero que non se encadra enteiramente nel.


  1. Outras obras atribuídas ao Mestre Mateo

Ademais do Pórtico da Gloria, á xenialidade artística do Mestre Mateo sonlle atribuídas outras obras. O claustro da catedral de Santiago, impulsado por Diego Xelmírez no 1131 é, na opinión de López Ferreiro, un dos traballos que Fernando II lle encomenda ao Mestre Mateo en 1168. Nos estudos deste mesmo autor tamén se destaca o Coro, realizado entre 1166 e 1188, período no que o Mestre xa estaba a traballar no Pórtico. Emporiso, figuras como Filgueira Valverde opinan que esta obra foi executada por un dos discípulos de Mateo. A Portada Sur da catedral de Ourense, que mantén significativos paralelismos artísticos co Pórtico compostelán. Outras obras son a igrexa de San Juan de Portomarín e a igrexa de San Lourenzo de Carboeiro.


1SILVA COSTOYAS, Rafael, El Pórtico de la Gloria. Autor e interpretación, Zamora, Colección Follas Novas/ Monte Casino 1999, p. 53

2LÓPEZ IGLESIAS, Francisco, El maestro Mateo, Vigo, Ediciones Nigra Trea 2007, p. 18

3LÓPEZ IGLESIAS, Francisco, El maestro Mateo, Vigo, Ediciones Nigra Trea 2007, pp. 10-11

4DOMÍNGUEZ GONZÁLEZ, Fernando Jesús Mario, Mateo, el escultor del Pórtico de la Gloria, Alicante, Editorial ECU 2010, p. 23

5DOMÍNGUEZ GONZÁLEZ, Fernando Jesús Mario, Mateo, el escultor del Pórtico de la Gloria, Alicante, Editorial ECU 2010 p. 10

6YZQUIERDO PERRÍN, Ramón, El maestro Mateo y el Pórtico de la Gloria en la Catedral de Santiago, León, Edilesa 2010, p. 9

Bibliografía:

  • DOMÍNGUEZ GONZÁLEZ, Fernando Jesús Mario, Mateo, el escultor del Pórtico de la Gloria, Alicante, Editorial ECU 2010

  • LÓPEZ IGLESIAS, Francisco, El maestro Mateo, Vigo, Ediciones Nigra Trea 2007

  • SILVA COSTOYAS, Rafael, El Pórtico de la Gloria. Autor e interpretación, Zamora, Colección Follas Novas/ Monte Casino 1999

  • YZQUIERDO PERRÍN, Ramón, El maestro Mateo y el Pórtico de la Gloria en la Catedral de Santiago, León, Edilesa 2010

  • Manso Porto, Carmen, Maestro Mateo, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico (en red, http://dbe.rah.es/biografias/13613/maestro-mateo ) [consulta 20 de maio de 2020]