Voces Ceibes

Voces Ceibes foi un colectivo musical galego que tivo a súa existencia entre 1968 e 1974, nos anos finais da ditadura franquista, e que foi un dos elementos sobranceiros da "nova canción galega".

Nome: Voces Ceibes

Sigla: 

Tipo: Colectivo musical

Datas (Fundación): 1968

Fundador: Benedicto; Xavier del Valle; Guillermo Rojo; Xerardo Moscoso; Vicente Araguas

Sede: 

Dirección:

Coordenadas:

Páxina Web: 

Entidade Superior:

Nos anos 1960 existía un movemento de canción protesta no mundo occidental, e en particular na Península Ibérica, con autores como Lluís Llach, Paco Ibáñez, Mikel Laboa, José Antonio Labordeta ou Raimon, cuxo concerto en Santiago en 1967 sementou a necesidade de dunha nova canción reivindicativa en lingua galega.

Un ano despois, en abril de 1968, nun contexto de efervescencia política en Compostela, a Facultade de Medicina acolle un recital de Benedicto, Vicente Araguas, Xavier González del Valle - que mantiña unha relación epistolar con Raimon-, Xerardo Moscoso e Guillermo Rojo, onde se cantan maioritariamente composicións de Celso Emilio Ferreiro, xunto a composicións propias. En maio, realizouse unha xuntanza en Santiago para organizar un colectivo da canción galega ao xeito dos cataláns Els setze jutges e os vascos Ez Dok Amairu. A ela acudiron, á parte dos anteriores -salvo Guillermo Rojo-, Margariña Valderrama e Alfredo Conde. Déronlle ao colectivo, cuxas características eran o emprego exclusivo da lingua galega e a canción social e belixerante, o nome de Voces Ceibes. Representaban o compromiso de toda unha xeración en torno a unha música que se pretendía galega, preocupada polo idioma e cunha base social fronte á música coetánea máis comercial que representaban Ana Kiro ou Juan Pardo.

En xuño, por mediación de Salvador García Bodaño, chegouse a un acordo coa discográfica catalá Edigsa para publicar o primeiro disco de cada un dos catro compoñentes -Benedicto, Vicente, Xavier e Xerardo-. Chegáronse a poñer no mercado dez singles. A finais de outubro realizaron trece actuacións en diversas localidades galegas. O 1 de decembro úneselles, no Teatro Capitol de Compostela, Miro Casabella, que estudaba en Barcelona, onde tomara contacto coa Nova Cançó catalá e gravara dous EPs, e que soubera do grupo grazas a Manuel María. Chegaron a cantar en Estudio abierto, un programa moi popular de TVE.

Pero en xaneiro de 1969 o goberno declara o estado de excepción, o que supón a participación nos recitais. Ese mesmo ano Xerardo e Miro actúan en París. En 1970 Xavier deixa Voces Ceibes e entra Xaime Barreiro Gil. Benedicto marcha a facer o servizo militar, e Guillermo Rojo deixa tamén o colectivo. A finais de 1970 entra durante breve tempo Tino Álvarez. Na primavera de 1971 deixouno Miro Casabella e entraron Suso Vaamonde e Bibiano. A presenza da policía nos concertos comezaba a ser habitual, e en maio de 1971 actúan no monte da Rocha (Baiona) entre un gran despregamento policial. 

En 1972 participaron na gravación do disco colectivo Cerca de mañana con Lluís Llach, Xavier Ribalta e outros cantautores, que saíu ao mercado fóra de España. Foi naquel tempo que Voces Ceibes entrou na órbita do PCE.

O grupo desapareceu en decembro de 1974, debido ás pelexas internas que levaban tempo afectando ao colectivo, nun momento en que o Movemento Popular da Canción Galega collía forza. Algúns dos seus membros, como Miro Casabella, Benedicto e Bibiano, seguiron no camiño iniciado.

Bibliografía:

Imaxes: