ViteArquiva é un arquivo vivo no que se vai rexistrando o que acontece no barrio de Vite, como se vive, como os veciños fan e sinten ese lugar. Aliméntase a través dun proceso de recollida e difusión permanente no que a xente do barrio sexa participe dese "xerar memoria".
Nome: ViteArquiva
Sigla:
Tipo: Arquivo dixital
Datas: 2019
Fundador: Paula Ballesteros; María Masaguer
Sede: Centro Sociocultural de Vite
Dirección: Rúa de Carlos Maside, 7, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña
Coordenadas: 42º53'29"N 8º32'23"O
Páxina Web: https://vitearquiva.com/
Entidade Superior:
Trátase dun proxecto de investigación promovido polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, sobre o patrimonio inmaterial do barrio de Vite. Tiveron apoio do Concello de Santiago, e recibiron o material da Coordenadora do Barrio de Vite.
O proxecto está englobado nunha iniciativa do Incipit que ten como obxectivo desenvolver formas alternativas de xestión patrimonial, poñendo o patrimonio ao servizo das comunidades. Nace da vontade de coñecer e de contar a historia dun barrio desde o propio barrio. Pretende que Vite conserve a súa memoria para, a partir de aí, priorizar as necesidades do barrio. Parte dun proceso colaborativo dos diferentes axentes veciñais, que xunto co INCIPIT levan a cabo unha inmersión na súa historia a través da posta en común das trazas do seu patrimonio, organizándoo de maneira autoxestionada na infraestrutura ViteArquiva. Pretende ser un espazo onde a memoria da veciñanza poida quedar depositada e salvagardada creando así unha infraestrutura social e de coñecementos compartidos e perdurábel no tempo.
En palabras de Paula Ballesteros e Cristina Sánchez, "ViteArquiva son as persoas que fixeron e fan barrio; as que foron conscientes das pegadas que deixan os cambios e as que son conscientes do que queren que esas pegadas fagan na actualidade".
Bibliografía:
Ballesteros Arias, P. e Sánchez Carretero, C. (2023). Vite de Compostela é ViteArquiva. En J. R. Gómez, Vite de Compostela. A comunidade auto-construída, (pp. 11-12). Companha. http://hdl.handle.net/10261/306410
Gómez, J. (30 de abril de 2022). Una investigación del CSIC compara el barrio de Vite, de Santiago, con el de A Mouraria, de Lisboa. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2022/04/30/csic-ve-referente-internacional-patrimonio-memoria-vite/0003_202204S30C7991.htm