Catedral de Santiago

A Catedral de Santiago de Compostela é un dos tres templos de culto católico máis importantes da Cristiandade, xunto con Roma e Xerusalén.

Erixido sobre os supostos restos do Apóstolo Santiago, a día de hoxe é un dos lugares de peregrinación por excelencia, e a súa relevancia tanto histórica como artística propiciaron a súa declaración como Ben de Interese Cultural e Patrimonio da Humanidade.

Denominación: Catedral de Santiago de Compostela.

Tipoloxía: Edificios relixiosos.

Cronoloxía: Séculos XI - XVIII.

Etiquetas: Catedral; Patrimonio da Humanidade; Ben de Interese Cultural.

Localización: Praza do Obradoiro, s/n.

Coordenadas: 42°52'50"N 8°32'38"W.

Propiedade: Igrexa católica.

Tra-lo descubrimento dos supostos restos do apóstolo Santiago na primeira metade do século IX, vanse a ir realizando diferentes construcións sobre eles, culminando na catedral que podemos disfrutar na actualidade.

Alfonso II vai a construír na primeira metade do século IX unha basílica dunha soa nave sobre os restos, situados nunha cripta, cuxa localización será respetada ata a actualidade. Como esta primeira basílica era moi pequena, foi derrubada. Alfonso III vai a construír outra no seu lugar, esta vez de tres naves, a finais do mesmo século, en época do bispo Sisnando. Tras ser incendiada por Almanzor nunha razia islámica, foi restaurada por Pedro de Mezonzo sobre o ano 1000. A grande afluencia de peregrinos vai determinar a construción dunha basílica románica acorde á importancia dos restos.

Durante a época do bispo Peláez e baixo a man do taller do mestre Bernardo o Vello, construírase o deambulatorio arredor do altar maior. Tra-lo nomeamento de Xelmírez e baixo o taller do mestre Esteban, termínase o deambulatorio e realízase a maioría do cruceiro, que será terminado polo taller do mestre Bernardo o Xoven, que tamén realizará a maioría dos tramos da nave. Finalmente, o taller do mestre Mateo rematará coa nave e realizará o peche occidental, cunha cripta e unha tribuna e, no medio, o Pórtico da Gloria. No ano 1211, Alfonso IX consagra a catedral.

Posteriormente, na Idade Moderna, vanse a levar a cabo diferentes reformas. No Renacemento construiranse o claustro e a escalinata actuais, así coma os púlpitos. No Barroco, partindo das ideas de Vega y Verdugo, realizarase o peche da Quintana, obra de Peña de Toro, o baldaquino e a actual Torre do Reloxo, obras de Domingo de Andrade, e, finalmente, a obra máis coñecida de todas: a fachada do Obradoiro, de Fernando de Casas. Nos albores do Neoclasicismo realízase a actual fachada de Azabechería. Nos últimos séculos realízanse reformas menores.

A catedral é un dos tres epicentros da cristiandade, xunto a Roma e Xerusalén, e a presenza de peregrinos é algo que forma parte do día a día, constituíndose como un hito relixioso e artístico.


Bibliografía:

  • VICENTE, S., Vega y Verdugo, Peña de Toro y la introducción del barroco en Compostela, Santiago de Compostela: Teófilo/Consorcio de Santiago, 2012.

  • VVAA, Historia de Santiago de Compostela, A Coruña: Vía Láctea, 2011.

  • https://catedraldesantiago.online/, (consulta [20/02/2020]).