XOSÉ MIRANDA

Morning Star

Xosé Miranda Ruíz é un recoñecido escritor galego, nado en Lugo en 1955,que trata xéneros moi diversos, como a narración na cal destacan obras súas coma Historia dun paraugas azul (1990), Premio García Barros, Partenoxénese (1995), Premio de narrativa fantástica Xenciana, ou o famoso Morning Star (1998), polo cal levou o Premio Xerais de novela. En poesía, destacamos o seu libro As cidades mergulladas, volume no que está recollida toda a súa obra poética. O escritor, co motivo do Día do Libro, veu o luns 20 de Abril ó noso instituto para dar unha charla sobre a piratería,e, en concreto, sobre o pirata galego Benito Soto o cal é a raíz, a base, da súa novela Morning Star. Tras finalizar a charla, sobre as cinco e media da tarde, saímos: o escritor, tres profesoras e máis eu do instituto para sentar nunha cafetería de enfronte onde facerlle,con máis tranquilidade,a entrevista, a cal mostro a continuación…

-Como todo escritor, vostede tamén terá uns inicios e, polo tanto, unha inspiración para selo…Cal foi a súa?

Debo dicir en primeiro lugar que eu, antes de ser escritor fun profesor, pero non un profesor coma os de agora, senón coma os de antes, deses que aínda que estudaras para unha carreira, coma bioloxía no meu caso, acababas dando clase de todo. Pero bueno, si, eu comecei a escribir… pois xa dende neno, con pouca idade escribía versos; isto debíase a que cando ías ingresar no colexio, debías pasar o exame de ingreso e para iso había un mestre que te axudaba moito e iso dábache unha preparación, e logo tamén porque na miña casa sempre había contos e contábanse moitas historias; precisamente por ese mesmo motivo eu comecei a ter interese polo mundo da piratería e polos piratas, no meu caso, por Benito Soto.

-Entón leva na literatura

Pois xa ves, dende sempre, dende que escribín os meus primeiros versos, pero debo dicir que entrar entras no mundo literario cando publicas o teu primeiro libro; no meu caso, por exemplo, foi unha novela e logo os versos; nese sentido é mellor esperar, porque para min fora máis sinxelo publicar os versos e entrar antes nese mundo, xa que a novela esixe máis madurez.

-Hai moitos escritores que din que escriben por inspiración e outros polo traballo duro, constante, que opina vostede?

Eu penso que son necesarias as dúas cousas, porque se non tes nada dentro non vas a escribir nada por moito traballo duro que lle metas.

-É fácil escribir para a xuventude?

Difícil, moi difícil, porque os nenos, aínda que os maiores creamos que por seren pequenos non se dan conta das cousas e por iso pensamos que son parvos, en realidade son moi intelixentes e moi críticos e esixentes. Se fas ben o traballo de escritor e escribes un bo libro, non hai diferenza en facelo para un adulto que facelo para un neno.

-Como é a sensación de poñerse a falar diante dun montón de alumnos? Porque aínda sendo profesor, os nenos ós que fala son descoñecidos…

Pois un ten vantaxe por iso, porque son profesor, e ademais diso, eu creo que ten aínda máis vantaxes que desvantaxes, porque un pode falar do que quere e non do que che din uns libros de ensinanza e porque tamén fai posible a participación dos nenos e que estes falen do que queren tamén, do que lles gusta e non do que teñen que estudar por obriga.

-En relación coa lectura na vida dos nenos… Que opina vostede das porcentaxes que falan sobre o hábito de ler nun neno? E segundo vostede, que é o que lles falta ós nenos para non facelo?

En primeiro lugar eu penso que os nenos len moito máis que antes, porque aínda que a media de nenos lectores é máis baixa do que debería, hoxe en día os nenos len máis que antes xa que, no meu tempo, casa tódolos nenos, por non dicir todos, eran analfabetos debido a que moitos xa non ían á escola porque debían traballar: coidando as vacas, axudando na casa… en definitiva, non podían aprender porque non tiñan oportunidades. E agora pasa todo o contrario; os nenos teñen millóns de oportunidades pero desaproveitadas e isto é debido a dous motivos: o primeiro polo noso sistema educativo, que comete graves erros e que ultimamente falla moito, e o segundo motivo polos grandes competidores que temos agora para os escritores e que frean a capacidade de atención dos nenos nos libros: o lixo de televisión que temos agora, os videoxogos… E, debido a isto, nos nenos prodúcese un sentimento de soidade e tristeza, porque na miña época, polo menos, aínda que non sabiamos moito, podiamos xogar nas rúas tranquilamente.

-Relacionado agora co galego na ensinanza, cal é a súa opinión?

Eu, por encima de todo, reivindico o bilingüismo, cantas máis linguas se falen mellor. Debemos falar cantas linguas poidamos; se podemos aprender castelá e galego e inglés, pois moi ben, por que iamos desprezar unha lingua ou outra, se cantas más coñecemento das linguas teñamos máis cultura posuímos? Non podemos renunciar a un idioma por outro, neste caso do castelán ou do inglés polo galego, porque non hai motivo ningún, non ten porque ter medo da perda dun idioma se todos se falan; o que si está totalmente fora de lugar e estou totalmente en desacordo é co centralismo ou totalitarismo nun idioma, iso fai dano á cultura e non é bo para ninguén. Temos que falar moitas linguas, que iso é moi produtivo e bo.

Por MARÍA CARBALLO, 1º BAC