TROPA DE TRAPO

Tras rematar a actividade, chea de curiosidade, tiven que acercarme á parella e preguntarlles acerca do seu interesante traballo coma creadores de soños.

Pregunta- Tropa de trapo… por que ese nome?


Resposta (dos dous)- Bueno, escollemos este nome porque co feito de contar historias ós demais nos identificabamos con eses monecos de trapo que tempo atrás persoas coma nós, e incluso avós e pais, empregaban á hora de contarlles xogando un conto ós máis pequenos. Co noso alcume quixemos recoller unha das moitas cousas cheas de valores que hoxe en día xa non importan.

P- Como parella de contacontos, cando e como comeza a vosa historia?

R- (Rin) Buff… é un longo relato iso. Pois resumindo, todo empezou en Santiago, fai tres anos. Marta viña cun grupo de xente catalá a Santiago para aprender acerca deste mundo da interpretación e dos xogos cos contos. Alí coñeceume, e xunto co resto das persoas comezamos a actuar na rúa e a facer espectáculos. Logo xa se foi reducindo o grupo ata que finalmente, Marta e máis eu decidimos formar o noso propio número. Escollemos os nosos propios contos e logo engadimos o tema da música, e así ata agora.

P-  Falando da música, a vosa paixón por esta e polo feito de contar historias de onde vén?

Marta- En canto ó último, eu penso que é algo que tivemos dende sempre, o feito de que nos guste transmitir unha ensinanza a través da narración dun conto facendo este tipo de espectáculos é algo que nace contigo. En canto á música, iso é máis ben cousa de Brais… (Ri) 


Brais- (Ri) Si, bueno… tocar instrumentos, interpreta-la música é unha actividade na que sempre estiven activo; gústame moito. Os instrumentos, ademais, como dixemos a comezo do espectáculo, fabriqueinos eu mesmo a partir da reciclaxe, de obxectos que aparentemente nos servían para nada. Como puideches ver, na nosa actuación empreguei, por exemplo, o caixón flamenco, feito a partir de anacos vellos de madeira. Debo recoñecer que isto de construír instrumentos débese a que nunca puiden parar quieto, sempre tiven que andar a argallar algo… (rin).

P-   Como parella de contacontos, como funciona o voso traballo? Vos chaman?  Vos ofrecedes?

R- Ofrecémonos. Nós o que facemos é contactar pola nosa propia iniciativa con diversos colexios e demais centros de ensinanza, mostrámoslles o noso proxecto e logo, co decidido actuamos ou non. Principalmente chamamos a centros para adolescentes e adultos, xa que o noso número está feito para este tipo de público.

P- Falando agora do voso espectáculo, en relación cos contos, como os preparades? Son vosos ou recollidos?

R- Pois de todo un pouco. A maioría dos relatos dos nosos números son elaborados por nós pero a partires duns poucos cachiños de historias da vida real. Son contos que están recollidos a partir das moitas viaxes que realizamos e das moitas xentes que coñecemos e nos marcaron. Como mostra deste feito, o espectáculo de hoxe, como xa dixemos ó comezo da actividade, estivo dedicado a unha señora que coñecemos cando de súpeto a roda do coche no que iamos de viaxe pinchou, quedando atrancados entre Melide e Palas de Rei. Chovía moito, así que a muller convidounos a entrar na súa casa e a partir desa visita, sacamos diversidade de contos.

P- Entón, canto tempo vos pode levar elaborar un número?

R- Pois este en concreto levounos un ano aproximadamente. Leva moito traballo e tempo compoñer os contos, aínda que non só é iso, o acompañamento instrumental tamén hai que preparalo e coordinalo xunto coas historias no momento de realizar os espectáculos.

P- Que esperades obter, ou que buscades da vosa labor?

B-O noso obxectivo non é senón didáctico. Buscabamos a maneira de transmitir uns valores, e que mellor maneira de facelo que mediante os contos a través da ensinanza. Buscamos principalmente darlles ós rapaces os valores da escoita, da fala… do respecto e convivencia entre culturas… 

M- Ademais, referido a este último, como dixemos ó principio da actividade, Brais é galego e eu son catalá, de modo que as nosas propias vivencias xa reflicten o noso propósito. No noso caso, do mesmo modo que as nosas culturas conviven, a galega e a catalá, mediante os contos de Brais, de tradición galega, e os meu, de orixe árabe, establécese unha especie de comunicación entre ambas culturas.


P- Para finalizar, tedes un novo proxecto?

R- Si. O noso próximo espectáculo recollerá contos chamados sen medo, sobre a liberdade. Nel temos pensado facer algo máis profundo: a liberdade dende moitos puntos de vista. Ademais, ó igual que fixemos con este, nos nosos próximos espectáculos procuramos renovarnos ó máximo e contar experiencias novas.

-Grazas por todo e esperamos que volvades pronto.

R- A vós. Ata sempre.  

 

Comments