XESÚS MANUEL MARCOS

O BRINDO DE OURO
Dous alumnos de 4º da ESO falaron máis polo miúdo con Xesús Manuel Marcos. Unha vez rematada a charla que este escritor nos deu sobre o seu libro O brindo de ouro, Xavier e Héctor acompáñarano na mesa e fixéronlle diversas preguntas que agora vos amosamos.
 
P. ¿Que método usa para escribir? ¿Escribe un pouco a cotío ou pode pasar días á espera de que chegue a inspiración?
R. Escribo todos os días, uns máis ca outros. E escribo todos os días, porque o cerebro é coma un músculo e, como todo músculo, hai que exercitalo. Un bo exemplo disto é cando unha persoa vai ó ximnasio para exercitar e traballar os músculos do seu corpo.
 
P. ¿Cal é o seu libro preferido?
R. Esta é unha pregunta complicada. A verdade é que non teño ningún libro preferido, xa que co que máis me identifico é cos autores. O que si vos podo dicir é que me encantan autores como Kafka ou Nut Hadson, que escribiu unha das miñas novelas preferidas, Hambre, no século XV, aínda que segue sendo moi actual. Con respecto a autores galegos, o libro que máis me impresionou foi A esmorga, de Eduardo Blanco Amor.
 
P. ¿Que recordos ten da súa estancia no Río Cabe?
R. Os recordos que teño son todos bos. Os profesores portáronse moi ben comigo en xeral, aínda que algúns eran bastante duros e estritos. O que si é certo é que este centro axudoume a formarme psicolóxica e didacticamente. Para min un bon profesor é aquel que te aconsella e axuda en todo o necesario.
 
P. ¿De mozo era afeccionado á lectura?
R. Si, eu creo que todos os escritores foron afeccionados á lectura cando eran novos. Eu, por exemplo, empecei a ler tarde. Os meus pais tiñan un bar no Courel e o ambiente non era moi propicio. Recordo unha libraría que había nos Chaos, na que eu merquei os meus primeiros libros. E xa vos digo, lía de todo, incluso os tebeos de Mortadelo e Filemón.
 
P. ¿Cando comezou a escribir e por que?
R. Xurdiume a necesidade de escribir e pensei que me podería dedicar a isto profesionalmente, xa que a min sempre me gustou transmitir todo tipo de historias. De todos modos, estudei Dereito e traballo actualmente en Madrid.
 
P. ¿Que lle conta o seu irmán do noso centro?
R: Di que sodes moi bos alumnos, pero a verdade é que habitualmente non falamos do traballo, xa que a min non me interesa o seu nin a el o meu (risas entre o público). Aínda así,  penso que está moi contento neste centro.
 
P. Moitas das preguntas que tiñamos preparadas sobre O brindo de ouro xa quedaron contestadas na súa charla. Con todo, quedounos unha que lle presentamos agora. ¿Inspirouse en O señor dos aneis
R. Claramente si. Por suposto que me inspirei neste libro fabuloso. Lino cando tiña quince anos nunha soa fin de semana, xa que foi un deses libros que te engancha e non podes soltar. Agora intentei lelo outra vez, pero xa non o conseguín. Penso que xa non se adapta tanto á miña idade.









Comments