MARÍA REIMÓNDEZ

O club da calceta

O pasado mes de maio, a escritora María Raimondez acudiu ó IES Río Cabe para conversar cos alumnos e alumnas do instituto e tamén cos membros do club de lectura Balbordo a cerca dos seus ideais e dalgunhas das súas obras. Algúns de nós aproveitamos esa ocasión para facerlle unha pequena entrevista:

-Bos días. María, estamos encantados de terte hoxe entre nós. Imos comezar facéndoche algunhas preguntas. Sabemos que estiveches na India e en Etiopía onde fundaches unha ONG de teu. En que medida influíu na túa obra ?

- Nas miñas obras en xeral refíreste?.Pois eu creo que inflúe de forma fundamental en todas porque é a miña maneira de entender a vida e de entenderme a min mesma nela e iso aparece en tódalas obras. Hai algunhas nas que se manifesta máis como por exemplo no caso de Usha onde as zapatillas de deporte son un tema, digamos influído pero o resto están igualmente influídas porque por exemplo no Club da Calceta aínda que non apareza nin a India nin Etiopía pois é un libro que tira da miña experiencia das mulleres na India e sobre todo da actividade entre as mulleres. Está sempre aí aínda que non sexa complexo.

-Que tipo de traballo realizades nesta ONG?

-O traballo que facemos na India non se pode desvincular do traballo que facemos aquí. Cremos no desenvolvemento porque a pobreza é un problema político e polo tanto non se soluciona facendo traballo . Iso é algo que hai que facer porque aínda que existan necesidades inmediatas que hai que solventar pero o máis importante é o traballo aquí para cambiar a nosa mentalidade, as nosas formas de consumir, as nosas relacións cos pobos do sur e tamén nos propios países a maneira de traballar pois caracterízase por intentar que as comunidades sexan independentes, é dicir, os nosos proxectos teñen unha duración determinada de aproximadamente catro anos e neses catro anos imos poñendo as bases para que as comunidades poidan saír adiante independentemente das axudas. E tamén se caracterizan polo traballo dende o enfoque de xénero que quere dicir que non entendemos o desenvolvemento se o 50 % da poboación vive en situación de desigualdade. Polo que entendemos que primeiro hai que superar o problema da desigualdade de xénero para poder falar de desenvolvemento. E iso concrétase en actividades máis...

-Cal foi o motivo que te levou a meterte neste tipo de actividades?

-Eu creo que é unha maneira de entender ó mundo e de entenderme a min. Creo que é máis que evidente que vivimos rodeados de desigualdade e a maioría da xente observa e hai algunhas persoas que non nos sentimos contentas con iso. Creo que é unha cuestión de coherencia. Para min, a coherencia é a base da miña felicidade . Se son coherente son feliz entón pois como penso que non se pode permitir que a maior parte da poboación mundial viva en situacións de pobreza extrema creo que teño que facer algo para cambialo . Tiven a sorte de decatarme disto moi nova e de encamiñar a miña vida desa maneira.

- Como fixeches para entrar a colaborar nunha ONG cando tiñas 18 anos?

-Comecei a colaborar con asociacións antes. De feito cando tiña 16 anos, comecei axudando economicamente en temas que me preocupaban pois naquela época estaban en plena guerra coa Iugoslavia. Despois comecei a traballar con Axuda en Acción. Foi así como fun visitar un dos proxectos e segundo a organización decidín que non me gustaba por iso decidín fundar unha organización non gubernamental no ano 98 xunto con outras persoas.

- E con respecto á obra, nós vimos no teatro representación do Club da Calceta, e tamén nos deron uns libros para que lerámola obra. Nós temos preparadas unhas preguntas relacionadas. Ó principio do libro aparecen unhas noticias falando de mortes que non se sabe se son asasinatos ou accidentes porque hai diferentes opinións ó respecto. En realidade esas mortes débense a asasinatos ou a accidentes?

- Ben, pois como autora, nunca desvelo ese tipo de cousas. Porque creo que todo está nos libros. O libro ten pistas moi claras que din a qué se deben. O que pasa é que hai que lelo con moita atención.É dicir, normalmente a xente cando le un libro non o le moi concienzudamente, pero realmente todo acaba estando nos libros.

-Esto é un símbolo de que as persoas que fan accións moi malas en vida, nunca van a mellorar por outras vías e hai que “acabar” con elas así, ou é que surxiu de ese modo?

-A ver, eu non creo que haxa en moitos casos persoas “boas” e persoas “malas”, eu creo que o que en realidade hai son maneiras diferentes de concibir a sociedade, unhas positivas e outras negativas. E no caso da situación das mulleres, da desigualdade de xénero, eu creo que as cuestións son máis sociais, e despois os comportamentos individuais responden a un modelo de sociedade. E o mellor ó que manifestan esas noticias é que hai tantas formas de violencia contra as mulleres. Moi sutís. Unha violencia estructural, que é realmente do que fala o libro, de non deixar ser como se quere ser, de impoñer uns patróns e unhas maneiras de estar... Que realmente son moi difíciles de personificar, e que por iso é tan complicado loitar contra elas. Son cousas que aprendemos a tolerar, e contra as que realmente é necesario rebelarse. Son situacións de violencia que aceptamos diariamente, e nin sequera moitas veces as conceptualizamos como tal, aínda que as padezamos. Ademais considéranse como normais, e hai poñer en dúbida esa normalidade e entender que eses comportamentos son comportamentos violentos cara as mulleres. Aínda que non sexa maltrato físico. Dar unha labazada por exemplo, que é o que se considera violencia, en realidade é o final dun proceso, que empeza por cousas pequenas.

-Identifícaste en algún aspecto con algunha das mulleres protagonistas da novela?

-Pois non. Creo que todas son moi distintas a min. Todas saen da miña cabeza, claro, pero despois, en cousas concretas, non están baseadas en experiencias miñas. Sempre aparecen aspectos que coinciden, situacións da vida... E loxicamente todas están baseadas nunha realidade, (xente que coñeces, cousas que sabes, cousas que ves...), pero non directamente baseadas en min. Algunhas personaxes sonme máis próximas, ou máis afastadas; por idade ou por circunstancias da vida, etc. Todas foron interesantes, porque precisamente as personaxes que están máis afastadas de min son as que me dan máis xogo ó traballar, como escritora. Porque ó fin e ó cabo, iso é o interesante. Escribir sobre min mesma xa non é unha ficción. Teño escrito libros nos que falo de min mesma, pero realmente cando quero novelar algo, non me atopo tan interesante. Creo que o interesante precisamente é crear personaxes complexos, coa súa propia vida.

-Cal será o teu próximo proxecto? Tes algo en mente?

-Pois o meu próximo proxecto sae este mes, xa está na imprenta. Non sei a data exacta, pero sairá a semana que vén máis ou menos. Chámase Pirata, e abrín un blog xa, un blog intrigante: pirata.bloggaliza.org. Se entrades alí seguramente vos preguntaredes que que é iso, pero esa é a intención... Do libro non quero desvelar moita información porque ten unha certa intriga que non quero adiantar... Pero é un libro ambientado no século dezaoito, que está baseado en personaxes reais, e o que me interesaba con el é investigar a identidade de xénero. Entón, sumando piratería e identidade de xénero, sae unha cousa moi rara, pero teredes que lelo para saber que saíu da mestura.

-Ante todo decláraste feminista, quen ten dereito a declararse feminista.

-Eu creo que tódalas persoas que crean nos dereitos humanos e no seu cumprimento teñen por forza que ser feministas, porque a sociedade na que vivimos incumpre os dereitos humanos das mulleres en moitísimas situacións. O Feminismo é unha forma crítica de entender a sociedade, e unha maneira de buscar alternativas á forma de relacionarnos e á maneira de constituírnos como persoas. Tamén intenta flexibilizar as relacións entre homes e mulleres e lograr que a xente poida exercer os seus dereitos independentemente das súas características físicas. Para min os feminismos son as correntes que máis cambiaron a sociedade, pero aínda así seguen sendo correntes “descoñecidas”, é dicir, non se estudian nin nos colexios nin nos institutos. En cambio si que se estudian outras correntes filosóficas como o marxismo ou outras que tiveron moito menos impacto, e non os feminismos que conseguiron entre outras cousas, moitos dereitos para o 50 % da humanidade. E isto é algo que forma parte do propio sistema sexista, ó non recoñecer o traballo e os coñecementos das mulleres. E por iso sigo sendo feminista e creo que todo o mundo debería ser feminista.

-Vale, agrácecémosche que nos adicases este tempo sabendo o ocupada que estás sempre. Foi un pracer charlar contigo. Sería estupendo que puideses volver nalgunha outra ocasión.

-De nada, grazas a vós.

Entrevista realizada por Alejandra, Emma y Lucía, 1º BAC B, 2009