INVITAMOS A TODO O PROFESORADO DOS CENTROS EDUCATIVOS, ARTISTAS, COLECTIVOS, CONCELLOS, COLABORADORES E
MEDIOS DE COMUNICACIÓN
O vindeiro venres 10 de abril ás 19 horas no CENIMA de Foz
a Inauguración
da mostra plástica de mais de 30 artistas da Mariña como colofón dun ano de traballo para achegar a Arte Plástica á educación. Esta exposición é o epicentro dunha proposta que dende os Centros educativos da Mariña, ramifícase nunha rede que comeza na exposición de traballos dos/as alumnos/as, nos centros educativos e se estenderá nas mostras colectivas nos Concellos.
Máis de 1000 alumnos/as da Mariña visitarán a mostra do CENIMA de Foz guiados polos propios Artistas que ata o 30 de abril, día da clausura da Exposición, explicarán o proceso creativo propio ós rapaces e rapazas que realicen a visita. Cada alumno/a recibirá como agasallo un catálogo da mostra onde aparece reflexada a obra exposta e a explicación da mesma dos participantes.
Máis de 300 carteis e 2000 catálogos acompañan a idea de pechar no mes de abril a celebración da Semana das Artes Plásticas na Mariña.
A asociación cultural A Pomba do Arco vai organizar unha nova actividade entre os días 20 e 23 de abril ás 20.30 no Cenima de Foz.
Coincidindo coa exposición Artes Plásticas da Mariña, na que se recolle una boa chea de artistas mariñáns, e que se pode visitar no Cenima de Foz a Asociación Cultural A Pomba do Arco de Foz vai organizar unha serie de mesas debate na que se abordará, como tema principal, o estado actual da arte. Todas estas mesas debate terán lugar no Cenima de Foz entre os días 20 e 23 ás 20.30 horas.
Primeira charla: Arquitectura de nós.
O luns comezará esta actividade coa intervención de Xosé Manuel Casabella. O arquitecto de fama mundial e cunha extensa obra en Galicia vai abordar o tema do estado actual da arquitectura galega. Despois da charla iniciarase un interesante coloquio debate no que o público fará ao poñente as preguntas que considere oportunas e debaterase entre todos sobre o estado actual da arquitectura galega.
Segunda charla: Ensino e creación.
O martes, tamén ás 20.30, terá lugar no Cenima a segunda das charlas debate. Nesta ocasión abordarase o tema da educación da arte. Contaremos coa presenza na mesa dos profesores Pedro Cabarcos, Paz Quiroga e Xerardo López que nos ilustrarán sobre cales son os logros e os problemas cos que se ten que enfrontar o ensino de arte. Aparte dos tres citados profesores contaremos nesta charla coa presenza de dous alumnos do bacharelato de arte que nos darán a coñecer a súa visión sobre o mundo do ensino de arte.
Terceira charla: A arte que ven.
Tal e como o seu nome indica nesta charla contaremos coa presenza de novos creadores que nos falarán de como ven eles a arte e cales son as súas inquedanzas. Contaremos nesta mesa debate coa presenza de Lucía Vila, Martín Lestao, Cris Basanta e David Catá. Todos eles nos amosarán imaxes da súa obra explicando cal foi o seu proceso de creación. Con esta charla poderase comprobar como a arte mariñán lle espera un interesantísimo futuro.
Cuarta charla: Pensar a arte.
Nesta derradeira charla contaremos coa presenza de varios artistas mariñáns de recoñecida fama que nos falarán de cómo se enfrontan eles á difícil tarefa de crear arte. Veremos que é o que os motiva a crear e cales son os pasos que se deben dar para que unha idea se converta nunha obra de arte.
Nesta charla contaremos coa presenza de Celso Dourado, Daniel Caxigueiro, Juanel Ponte e Xoán Manuel Guerreiro.