“Crónicas do Corazón de Celanova”
ESTUDO SOCIOLINGÜÍSTICO
Contorno:
O estudo sociolingüístico, sobre o uso da lingua galega no noso contorno, realizado polo equipo de Normalización e Dinamización lingüística do centro, constata a progresiva substitución lingüística do galego polo castelán e o desinterese ante esta situación.
O contexto social é proclive ao uso do castelán porque cada vez hai máis poboación que retorna ( maioritariamente de Venezuela) falando castelán.
Con todo cómpre destacar os seguintes puntos:
- É receptivo a calquera proposta e colabora activamente no que o centro propón.
- Ten pouca información das actividades que realiza o centro e por iso decidimos facer os xornais para mostrarllas.
Profesorado:
O claustro de profesores manifesta un uso preferente do galego en todas as situacións académicas e extraescolares.
Alumnado:
Os alumnos relaciónanse entre eles maioritariamente en castelán. Cada vez son menos os que teñen o galego como lingua materna.
Situación lingüística do centro:
O Centro usa sempre a lingua galega nas actividades complementarias e en todos os actos que organiza así como tamén nas comunicacións internas (cartelería, correos...) e nas externas a través de Tokapp, Instagram e na páxina Web e Blogs do Centro, igualmente na páxina de Normalización Lingüística.
Maniféstase por parte do sector dos pais/nais un menor uso do galego cando se relacionan en sociedade e nas reunións que estes manteñen cos titores dos seus representados.
INTRODUCIÓN :
A inicios de curso, no primeiro claustro, decidimos que iamos facer un xornal.
Cada curso trataría unha sección diferente pero sempre relacionada con temas de interese para o alumnado e que implicase á familia e ó contorno.
En cada aula preguntouse ao alumnado que sección lles interesaría tratar e despois de obter esta información en todos os cursos, empezamos a organizar o xornal.
O traballo quedou organizado do seguinte xeito:
1.- Infantil : tratarán noticias manipulativas (xogar coas emocións) con titulares feitos con relevo.
2.- Primaria : teatralizarán noticias.
3.- ESO : traballarán a parte experimental do xornal: buscar, comprobar e comentar as noticias. Unha vez feita esa parte experimentan coas noticias e a través da radio do centro difunde o xornal.
O E.N.D.L deste centro supervisa actividades como: o Magosto, O Parquevibras, O 25N (que neste curso elaborouse un vídeo contra a violencia de xénero en colaboración coa Deputación provincial), o Entroido, o 8 de marzo, a visita á Casa dos Poetas, a visita á Biblioteca Municipal, a Biblioteca no Patio, a vendima do Colexio, o Nadal tradicional, a radio a través de podcast en directo, o Día da Muller e da nena na Ciencia, a Semana da Prensa, a Semana das Letras Galegas, o Día do Libro e na Biblioteca do centro foméntase a lectura en galego, así como todas as actividades relacionadas con ela.
OBXECTIVOS ESPECÍFICOS PARA TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA E O CONTORNO
Contorno:
Dinamizar a comunicación entre a comunidade escolar e as entidades colaboradoras: Concello, Centro Comarcal Terra de Celanova(Mancomunidade) Asociación Cultural Gutier Menéndez de Vilanova .
Favorecer a capacidade de comunicación entre o alumnado e os informadores.
Difundir o xornal entre o ANPA e todas as entidades colaboradoras.
Dar a coñecer o xornal a través da radio do centro.
Profesorado:
· Fomentar e reforzar o traballo en equipo.
· Potenciar as capacidades de investigación do alumnado.
· Implantar o uso do galego no ámbito das TICs para recopilar datos e información relevante para o xornal.
· Implicar a toda a comunidade educativa no desenvolvemento do xornal.
· Crear decorados para a dramatización das noticias.
· Facilitar o material para facer a parte experimental das noticias.
Alumnado:
· Coñecer vocabulario propio do mundo xornalístico.
· Fomentar e reforzar o traballo en equipo.
· Potenciar as capacidades de investigación.
· Comprender e interpretar as noticias.
· Implantar o uso do galego no ámbito das TICs para recopilar datos e información relevante para o xornal.
· Potenciar a capacidade de imaxinación.
· Impulsar a interpretación das noticias.
· Crear podcasts para dar a coñecer o traballo realizado por todo o alumnado en colaboración co profesorado e as entidades colaboradoras.
Centro:
· Divulgar os xornais na web,nos Blogs e nas páxinas de Instagram.
· Dinamizar a comunicación entre a comunidade escolar e as entidades colaboradoras(Concello, Centro Comarcal Terra de Celanova, Asociación Gutier Menéndez ).
· Materializar o xornal dixitalmente e impreso.
DESCRICIÓN DETALLADA DAS ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA PARA CADA UN DOS OBXECTIVOS PROPOSTOS
Contorno:
- Farán un traballo de divulgación dando a coñecer o proxecto do centro.
- Descubrir porque o traballo dos xornalistas é tan relevante dentro da sociedade.
- Valorar e comentar as noticias do xornal.
Profesorado:
- Deseñar, instruír e organizar aos alumnos en grupos de traballo.
- Establecer conexións entre os diferentes sectores do contorno Concello e Centro Comarcal Terra de Celanova e a Asociación Gutier Menéndez.
- Introducir o uso das técnicas xornalísticas.
- Facilitar todo tipo de material gráfico,visual, decoración , vestiario ao alumnado.
- Facer partícipes ao alumnado das técnicas radiofónicas.
Alumnado:
INFANTIL :
- No primeiro trimestre: os profesores explicáronlles información sobre o proxecto , adecuada á súa idade, ensináronlles fotos e portadas atractivas.
- No segundo trimestre: Nos talleres de manualidades están traballando noticias manipulativas para xogar coas emocións.
- No terceiro trimestre: as noticias que traballaron faranas con relevo ( algodón, corda, goma eva...).
PRIMARIA:
- No primeiro trimestre: os profesores impartiron información sobre a elaboración do xornal e cada curso escolleu as noticias que teatralizaría.
- No segundo trimestre: elexidas as noticias están cos ensaios e preparativos.
- No terceiro trimestre: cada curso escenificará as súas noticias para todo o centro.
ESO :
- No primeiro trimestre: buscaron, comprobaron e comentaron a autenticidade das noticias e crearanse vinilos para pegar nas paredes relacionados co xornal.
- No segundo trimestre: están facendo a parte experimental das noticias(xabóns, volcáns,traballamos o medio ambiente...)
- No terceiro trimestre: a través da radio do centro difundirán e publicitarán o xornal facendo entrevistas a alumnos e profesores de diferentes cursos.
Centro
- Exposición pública de todos os traballos resultantes.
- Divulgar por medios audiovisuais a realización das diferentes etapas do traballo.
- Publicitará o xornal e a radio do centro.
NIVEIS DE IMPLICACIÓN
Todo o profesorado,alumnado e persoal non docente do Centro participará no Proxecto e a ANPA colaborará nas actividades propostas, así mesmo o Concello de Celanova, a Mancomunidade e a Asociación Gutier Menéndez.
ORGANIZACIÓN
A idea parte do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e é asumida por todo o Claustro e a Comunidade Educativa, involucrando a todos os ciclos e niveis.
A organización básica formúlase como unha actividade dependente de todos os departamentos e equipos de ciclo, tendo repercusión en todas as áreas do Currículo.
Toda a comunidade educativa participará no xornal.
Crearase unha comisión reguladora do proxecto integrada por:
- Os xefes dos departamentos e os coordinadores dos equipos de ciclo e liderada polo coordinador do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística.
As principais funcións desta comisión son:
1. Regular a participación dos distintos sectores da Comunidade.
2. Decidir sobre a temporalización.
3. Programar e distribuír o traballo entre a Comunidade Educativa.
4. Propór ao Claustro, Consello Escolar e ás entidades colaboradoras os asuntos relacionados con infraestruturas e investimento.
TEMPORALIZACIÓN
Estímase que a total realización do proxecto levarase a cabo durante dous cursos académicos 2025-2026 e 2026-2027.