PLAN PROXECTA-PROXECTO RÍOS

http://www.proxectorios.org/

Descrición:

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con diferentes organismos da administración autonómica dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan de xeito paralelo as competencias básicas e a educación en valores.

Trátase dun plan que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa favorecendo a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, o obxectivo central deste plan é construír modelos de mellora mediante proxectos que teñan un alto potencial de transferibilidade tanto no propio centro no que se orixinan como no resto da comunidade educativa galega, dándolle difusión en medios dixitais da Consellería como Redeiras e o espazo web de Innovación Educativa.

Descrición breve: Fomento da innovación educativa nos centros mediante programas externos que impulsen proxectos dirixidos ao desenvolvemento das competencias e da educación en valores mediante metodoloxías activas e cooperativas

Descrición:

Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental promovida por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, impulsado e coordinado por ADEGA, que pretende involucrar á cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais. Mediante a proposta de desenvolvemento por equipos interdisciplinares nos centros educativos galegos do proxecto "Adopta un río" preténdese desenvolver os valores relacionados coa conciencia de respecto e protección do medio ambiente. A través de charlas e saídas formativas proporcionaranse as ferramentas básicas que garantan a participación activa e colaborativa do alumnado. Os centros de ensino poden traballar esta iniciativa dentro dos distintos departamentos (elaboración de roteiros, deseño de blogs, limpezas de ríos, elaboración de material multimedia etc.) e incluílo no seu proxecto educativo e na súa programación xeral anual.

ASOCIACIÓN PARA A DEFENSA ECOLÓXICA DE GALICIA