As dúas últimas semanas de xaneiro decoramos a entrada do centro cun mural que imitaba unha das obras de Bansky. Escollemos unha das pintadas que realizou nun muro de Gaza na que aparecen dous nenos xogando diante dun muro de pedra no que hai un buraco a través do que se pode ver unha illa.
O alumnado do terceiro ciclo traballou durante o segundo trimestre unha obra moi especial, exemplo de inclusión, escrita por un autor que coñecen moi ben: o director do centro, Manuel Felpeto. Trátase da terceira parte dunha saga titulada “Comando D”, na que se narran as aventuras de Hera, Pepe e Sofía. Cada libro desenvólvese nunha das illas atlánticas e, neste caso, o espazo protagonista é Ons.
Este curso, as e os maiores do cole convertéronse en mergulladores e mergulladoras das costas que rodean as Illas Atlánticas. É importante salientar que foron os propios nenos e nenas os que, tras a toma de medidas, a elaboración dos patróns e o corte das teas, coseron as súas propias capuchas do traxe de buceo, empregando a máquina coa que contamos no centro, grazas ao material de Polos Creativos. Ademais, na materia de Educación Plástica, construiron as súas propias bombas de osíxeno, reciclando botellas de plástico, e fixeron as aletas do seu traxe.
O alumnado do terceiro ciclo realizou, por grupos, unha serie de podcast seguindo a temática do PDI do centro. O título do certame era “Dialogando sobre as illas”.
Cabe destacar que os rapaces e rapazas levaron a cabo todo o proceso de elaboración do podcast de xeito autónomo; desde a creación do guión, ata a súa gravación e edición, empregando a radio do centro.
A finais de marzo, as nenas e nenos de 5º e 6º curso realizaron unha saída á Illa de San Simón, situada na Ría de Vigo. Malia non formar parte do Parque das Illas Atlánticas, é un dos tesouros da xeografía galega.
A través dunha visita guiada, divididos en tres grupos, os alumnos e alumnas do terceiro ciclo coñeceron a historia das diferentes construccións e partes da illa rematando, finalmente, cunha búsqueda do tesouro por San Simón e San Antón. De volta en Vigo, o autobús trasladounos á praia de Samil, onde puideron comer e desfrutar dun anaco de tempo libre.
O alumnado de Proxecto Competencial enfrontouse á tarefa de crear, en equipos, a súa propia navieira que ofertase viaxes a unha das catro illas que forman parte de Parque Natural. Primeiro buscaron información na rede sobre o destino escollido e logo crearon con ela unha presentación en Canva, para expoñela ante o resto da clase tras a súa preparación.