Imaxes 2021 -2022

Novo mural homenaxe a Manuel Colmeiro

O novo mural  homenaxea a Manuel Colmeiro. Inspirado nas súas obras Lavandeiras e Bodegón dos anos sesenta, demostración  do seu especial talento para combinar vangarda e tradición, é obra dos tamén artistas silledenses David Bibián e Vanessa Morais. Colaborou na súa implementación alumnado do centro. Cristaliza así, xunto a pirámide central do noso patio, un novo tributo á figura ao eximio pintor silledense que outorga nome a noso centro.

Programa Meteoescolas

O noso instituto participa no plan proxecta “Meteoescolas”. Un dos profesores que dirixe ao alumnado, Pablo Eiras, explica en que consiste:

"O centro participou no Plan Proxecta co programa de “Meteoescolas”. Neste programa a Xunta dotou ao centro dunha estación meteorolóxica para a toma, recollida e interpretación de datos climatolóxicos que colocamos no aparcadoiro do IES. O alumnado participante no programa fixo as tarefas de recollida, procesado e interpretación dos datos obtidos.

Estas tarefas coa estación aportada pola Xunta, presentan a dificultade de consultar os datos mediante a observación in situ da pantalla da que dispón. Por este motivo, decidimos facer unha estación meteorolóxica que captara os datos de temperatura e humidade e que os transmitira directamente en tempo real a través de internet.

Para iso empregamos hardware e software de Arduino,  facendo varios proxectos similares con diversos sensores e tipos de pantallas para apreciar diferentes funcionalidades. Finalmente, a través dunha placa con conexión wifi enviar os datos así obtidos pódense consultar a través da seguinte ligazón: https://thingspeak.com/channels/1753928 O resume do conxunto das actividades deste plan proxecta atópanse subidos no blogue: https://meteocolmeiro.blogspot".

Novo espazo polivalente

Contamos cun novo espazo polivalente no instituto. Trátese dunha zona cuberta, condición moi apropiada para desenvolver actividades na nosa comunidade.

Despedida de auxiliar de conversa

Construción de bolsas de frío instantáneo

Xornada de acollida de primaria

Despedimos á nosa auxiliar de conversa Autum Vaught. Ademais, visitounos a doutora Beatriz Crujeiras do departamento de didácticas aplicadas, da área de didáctica das ciencias experimentais da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Dirixiu ao alumnado nunha experiencia no laboratorio de química consistente no deseño de bolsas de frío instantáneo. Por outra banda, celebramos a xornada de acollida dos alumnos de 6º de primaria que pasarán a ser os nosos estudantes de 1º ESO no vindeiro curso escolar.

Saída ao observatorio de Forcarei

Graduación  de 2º BAC

Alumnado do voluntariado de biblioteca e do Club de Lectura de Ciencias visitou o Observatorio Astronómico de Forcarei acompañado polas nosas compañeiras Marta Aguirre (física e química e coordinadora do club) e Norma Rodríguez (lingua española e encargada de biblioteca). Por outra parte, celebrouse o acto de graduación de 2º BAC.

Paneis con lendas do Trasdeza

Alumnado explica o seu traballo sobre lendas do Trasdeza no CEIP da Bandeira

Saída de Edu-excelencia

Colocáronse os cartaces froito do programa de investigación sobre mitoloxía do Trasdeza (enlace a vídeo). O seu director, o noso compañeiro Xoán Carlos García Porral, cóntanos en que consistiu:

"Neste curso 2021-22, dentro do programa EDUexcelencia, un grupo de alumnas e alumnos do IES Pintor Colmeiro (Ana e Pablo Molinos Villaverde, Sabela Arincón Martínez, Mencía Gutiérrez Frade, Elena Rivas Seoane, Lía Suárez Ripoll, Samuel Rodríguez Taboada, Iker Peña Penalta, Matín Riádigos Mariño, Zoe Rivas López, Noelia García Liñares e Noelia Amil Fernández) realizamos un traballo de recompilación e fixación en distintos soportes (documentos de word, power-point’s, mapa web, vídeos e kahoot’s) das lendas e da mitoloxía das terras de Silleda. En colaboración co Departamento de Lingua e Literatura Galega e coa axuda doutros profesores, démoslle continuidade ao traballo recollida e posta en valor do patrimonio inmaterial trasdezao, que xa empezou hai un par de anos coa fixación da microtoponimia na aplicación Galicia Nomeada. Despois do labor realizado ata o de agora, son 200 as lendas e relatos recollidos e fixados nun mapa (Mapa da Mitoloxía de Trasdeza) elaborado empregando o Google Maps, e ao que se pode acceder libremente no blogue As Ferreiras – Silleda (http://silledaasferreiras.blogspot.com/)".

Este grupo acudiu ao CEIP de Bandeira a explicar o seu traballo e realizou unha saída ao Ourense, visitando a catedral, o castro de San Cibrán de Las e o roteiro de Santa Mariñas de Augas Santas.

Line dance

Recomendacións de lecturas para o verán

Alumnado no Estalmat-Galicia

A nosa auxiliar de conversa deste curso, Autumn Vaught, aprendeu ao alumnado de 2º ESO o popular baile do sur dos EEUU coñecido como “Line dance”, (enlace a apartado de vídeo).  O equipo de biblioteca canalizou as recomendacións de lecturas para o verán feitas por profesores e alumnado. Por outra banda, o pasado día sábado día 4 de xuño, 333 mozas e mozos de Ourense, Vigo, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela acudiron ás probas para a décimo quinta edición de Estalmat-Galicia (https://www.estalmatgalicia.com). Como nos conta a nosa compañeira e profesora de matemáticas Nadiuska Alemparte: “alumnado de 1º de ESO - Julieta, Sandra, Tania, Santi e  Pablo- tivo a iniciativa de acudir ás probas, motivo polo que é pertinente darlles os nosos parabéns polo seu interese por afrontar novos retos e experiencias. Continúan así a iniciativa do seu compañeiro Diego Lois, agora en 2º ESO, participante na edición do ano pasado. Os resultados coñeceranse a finais de xuño”. (Foto: La  Voz de Galicia).

Alumnas do centro premiadas no  concurso “Petiscos de ciencia. I Concurso universitario de vídeos sobre ciencia en galego”

As nosas alumnas Rosalía Agra, Noelia García e Eugenia Saavedra veñen de quedar finalistas do concurso “Petiscos de ciencia. I Concurso universitario de vídeos sobre ciencia en galego”, grazas aos seus traballos supervisados e dirixidos polos nosos compañeiros Marta Aguirre, Begoña González e Fermín Cambeiro. Esta convocatoria está organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC. Pódense ver os seus vídeos na nosa sección ao respecto, así como máis información en “Comunidade”.

É unha boa noticia que recoñece o traballo das nosas estudantes e o bo facer do noso profesorado tanto na súa labor de formación como de titorización. As devanditas alumnas acudiron a Lugo para recibir o seu diploma o pasado vinte  de maio. 

Mobilidade a Brilon, Renania do Norte-Westfalia, Alemaña, do alumnado que participa no programa internacional Erasmus K229 "Refuge" 

Grazas á evolución favorable da pandemia,  o alumnado que participa no programa internacional Erasmus K229 "Refuge" baixo a temática dos movementos migratorios e os refuxiados, puido finalmente facer a súa primeira mobilidade efectiva logo de varios encontros que, forzados polas circunstancias,  acaeceron de xeito telemático. Dous dos alumnos participantes, Zoe Rivas e Pablo Mulinos, contan a súa experiencia:

 Como algúns xa saberedes, un grupo de seis alumnos e dúas profesoras do Colmeiro, María Nión e Laura López, estivemos recentemente pasando unha semana en Brilon, Renania do Norte-Westfalia, Alemaña. Durante estes días estivemos realizando diversas actividades con outros alumnos procedentes de Italia, Romanía e, evidentemente, Alemaña. Este proxecto ten como finalidade concienciar sobre a situación dos refuxiados que se producen na fuxida dos múltiples conflitos activos a día de hoxe no mundo. Ata hai uns meses, o maior exemplo disto en Europa fora a crise migratoria do 2015 pero, dende hai uns meses cara aquí, temos especialmente presente a guerra ruso-ucraína, sobre a cal estivemos traballando en varias das xornadas no centro de acollida. Ademais deste traballo, tivemos tempo para coñecer o lugar e, como non podía ser doutro xeito, socializar cos demais grupos de alumnos, dos cales teremos sempre un especial bo recordo dos nosos grandes amigos os napolitanos, cos que compartimos a maior parte do tempo. En nome de nós os seis, Anna, Irene, Lucía, Mateo, Pablo e Zoe, agradecemos a compaña - e a paciencia-  de María e de Laura durante viaxe e estadía, e agardamos cos brazos abertos a visita dos nosos compañeiros á Galiza.

A modo de posdata: unha enorme aperta aos amigos do kebab de Brilon, onde nos deron a cea nun par de ocasións. Querémolos moitísimo!

 “Na busca do tesouro do Rei Sabio”: xincana organizada polo alumnado de 2º de ESO na materia de lingua castelá e literatura

A nosa compañeira, e supervisora da actividade, cóntanos o seu desenvolvemento:

Con motivo do VIII centenario do nacemento de Afonso X “o Sabio”, os alumnos e as alumnas de 2º de ESO dos desdobres 1 e 2 fixeron un traballo de investigación sobre a súa figura e obra na materia de lingua castelá e literatura. A partir deste traballo, elaboraron unha exposición e un xogo de probas vinculadas ao contido de cada panel: A figura do rei, Picatrix, Lapidario, El libro de los animales que caçan, El libro del axedrez, dados e tablas. A busca do tesouro tivo lugar o 12 de maio e foi dirixida aos alumnos do desdobre 3, contando con probas diversas que requiriron coñecementos sobre xadrez, bioloxía, enxeño e orientación, así como destrezas no manexo de libros e onde atopalos.

Baile tradicional

O departamento de educación física preparou un baile tradicional con alumnado de 3º e 2º ESO. Guiou o seu traballo a nosa compañeira María Patiño.

Saída a Ferrol e Fragas do Eume

Roteiro da Esmorga

O alumnado de 3º ESO participante no “Proxecto Terra” tivo a oportunidade de achegarse á cidade de Ferrol e as Fragas do Eume. Por outra banda, os estudantes de 4º ESO viaxaron ata Ourense e Allariz para realizar in situ o chamado “Roteiro da Emorga”.

Hackathon de EpdLab na Bandeira

Por fin puido celebrarse o hackathon de EpdLab, que este ano tivo lugar en Bandeira. Neste programa participa alumnado de 1º ESO do noso centro canda outros institutos de Galicia. Pódense ver máis detalles no enlace da nosa sección Comunidade”.

Saída á illa de Sálvora e ao acuario de O Grove

Semana do libro

A Illa de Sálvora e o acuario da vila de O Grove foron os destinos da viaxe de estudos que convocou ao alumnado de 2º ESO. A súa vez, o equipo de biblioteca puxo en marcha un intercambio de libros coincidindo coa Semana do Libro.

Alumnos na Fundación Roberto Rivas

Visita a MeteoGalicia

Obradoiros de eduación afectiva

O alumnado de FPB1 Servizos Comerciais acudiu á Fundación Roberto Rivas de Silleda para participar nun taller de Creatividade. Ademais, alumnos e alumnas de 3º e 2º ESO realizaron unha visita a MeteoGalicia en Santiago de Compostela dentro da actividade “Meteoescolas” enmarcada dentro dos Plan Proxecta. Así mesmo, iniciáronse os obradoiros de educación afectiva-sexual dirixidos a alumnado de 4º ESO a cargo da Cruz Vermella e de Quérote +.

Premios da Xincana de Científic@s Galeg@s e de Piluciencias organizados polo dep. de física e química

Día de Portugal e da Lusofonía

Entregáronse os premios dos concursos organizados polo departamento de física e química. Por unha banda, os correspondentes á  “Xincana de científicos/as galegos/as do ano”, dirixida a alumnado de 2º da ESO e articulada a través da exposición da Real Academia Galega de Ciencias que tivo lugar no centro. Neste enlace pode verse a presentación elaborada para á devandita xincana. Por outra, tamén foron galardoadas as alumnas da convocatoria “Piluciencias”, consistente na realización de pequenos vídeos de temática científica. Parabéns a todos/as!

Continúa a actividade “DONAS DE SI: Que galiciana é?” dentro dos Plan Proxecta nos que participa o centro. O seu obxectivo é contribuír na divulgación da memoria histórica feminina de Galicia, outorgando visibilidade ás mulleres nadas en Galicia ou que desempeñan ou desempeñaron a súa labor en Galicia no ámbito científico-tecnolóxico e histórico-literario. Participan varios departamentos: matemáticas, física e química, xeografía e historia, lingua castelá e literatura e debuxo. Neste muro virtual poden apreciarse os traballos que estiveron expostos no vestíbulo do centro hai unhas semanas.

O departamento de francés realizou unha exposición dos traballos dos alumnos e das alumnas co gallo do 25 de abril, Día Nacional de Portugal, e do 5 de maio, Día da Lusofonía.

Charla sobre óptica

Encontro con escritoras

Visita Muncyt

O departamento de Física e química xestionou unha charla sobre óptica impartida polo profesor da USC Benito Vázquez e organizou unha visita ao Museo de Ciencia e Tecnoloxía na cidade de A Coruña con alumnado de 4º ESO. Ademais, alumnado do centro acudiu á Aula de Cultura do Concello de Silleda a un encontro coas escritoras Ledicia Costas e Arantza Portabales. Esta actividade enmárcase dentro do programa “Mi pueblo lee” no que participa o Concello de Silleda canda outras localidades do estado español. Alumnas e alumnos do instituto tiveron a oportunidade de formular preguntas e asinar os seus exemplares.

Recent change in English

Química na cociña

Mitoloxía no Trasdeza

Continúan as charlas do programa A Ponte da Universidade de Santiago de Compostela que buscan conectar ao alumnado coa realidade universitaria. Neste caso tiveron lugar "Recent change in English", a cargo da doutora Belén Méndez Naya, e "Gastronomía molecular: reaccións químicas na cociña", impartida polo profesor Félix Freire Iribarne. Por outra banda, alumnado que participa no proxecto “Mitoloxía do Trasdeza” explicou o seu traballo en diversas aulas do centro. Dirixido polo noso compañeiro Xoán Carlos García Porral, este programa de “excelencia” recolle, transcribe e clasifica mitos da bisbarra levando a cabo presentacións e actividades tipo “kahoot”.

Charla de "Eduemprende"

Nova exposición de "Donas de si"

Exposición da RAGC

O alumnado recibiu un relatorio dentro programa da Consellería de Educación “Eduemprende”. Este programa busca promover o espírito emprendedor como motor de innovación e crecemento da economía. Foi organizado polos departamentos de Economía e Ciclo Superior de Comercio. Por outra parte, e seguindo adiante co plan proxecta “Donas de si” que lidera a nosa compañeira Marta Aguirre e no que participa profesorado de diversos departamentos, realizouse cos estudantes do centro unha nova exposición, esta vez dedicada a mulleres galegas destacadas en eidos como o xornalismo, a musicoloxía, a interpretación teatral, a pedagoxía ou a escritura, entre outras disciplinas. Asemade, a Real Academia Galega de Ciencias cedeu durante uns días a súa exposición sobre científicos/as galegos/as. Xestionada grazas aos nosos compañeiros do departamento de Física e química,  profesorado do centro puido traballar con ela e sacar bo proveito e novos coñecementos para os alumnos.

Proxecto Terra

Saída a Lugo

Teatro: "A señora de Forcadela"

Tivo lugar no noso centro a actividade “Eu son inspector@ urbanístic@. Coida do territorio, coida do teu”, dentro do “Proxecto Terra” no que participan estudantes de 3º ESO. Mentres, o alumnado de Cultura clásica realizou unha saída á cidade Lugo na que visitou, entre outros lugares, a Domus do Mitreo e o Museo Provincial, asistindo así mesmo pola tarde á representación da comedia “Anfitrión” de Plauto, dentro do Festival de Teatro Greco-latino. Por outra banda, o alumnado de 2º e 4º ESO acudiu á aula da cultura do concello á representación da obra “A señora de Forcadela”, posta en escena pola compañía “Os Quinquilláns”. É unha actividade que sen enmarca dentro do programa da Deputación de Pontevedra “O Pasado por Vir”.

Visita ao "CIQUS"

Despedida de Captain

Charla "O internet das cousas"

Alumnado de física e química visitou o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUUS) da Universidade de Santiago. A profesora Rebeca Díaz Redondo da Escola de Enxeñaría e Telecomunicación de Vigo impartiu a charla titulada “O internet das cousas”. Despedimos ao noso alumno procedente de Tailandia Captain Suksrisomboon.

Gañadores do concurso Entroido 2022

1º ESO B

2º ESO des 1

4º ESO B

Parabéns a todos e todas pola súa implicación neste formato tan singular

Entroido 2022

Á espera da definitiva normalización da situación, voltamos celebrar o Entroido de maneira especial, coa chamada diaria do Meco, realizado polo alumnado de Ciclo Superior de Comercio, e un lugar específico para todo aquel ou aquela que quixese retratarse.

Persoaxes do Entroido galego

A nosa compañeira e profesora de plástica Ana Belén González Dobarro dirixiu o traballo dos seus alumnos e alumnas encamiñado a facer ilustracións do Entroido máis tradicional da nosa terra. Madamas e galáns, cobres, peliqueiros, boteiros, volantes, pantallas, triteiros engalanaron o noso vestíbulo estes días. Parabéns por tan notable traballo.

Retratándose con Rosalía

Alumnas no Stephen Hawkings

As nosas alumnas Noelia García Liñares e Eugenia .Saavedra acudiron ao certame Stephen Hawkings en Santiago de Compostela defendendo a súa proposta “Importancia do ión fluoruro na prevención de caries”. Fixeron un gran papel. Noutra orde de cousas, co gallo do día de Rosalía, puidemos “fotografarmos” coa escritora.

Charla sobre Molière do programa "A Ponte"

Encontro con Marta Carballo

Preparando o Entroido

Seguindo coas charlas do programa “A Ponte” da USC, acudiu ao noso centro o profesor Manuel García Martínez cun relatorio titulado "Molière, dramaturgo francés del siglo XVII. Un renovador do teatro”. Asemade, o equipo de biblioteca trouxo ao noso centro a Marta Carballo, autora do libro “Colores en el viento”, que compartiu sesións e foi entrevistada. Por outra banda, na disciplina de Educación Plástica e Visual, o alumnado realizou unhas fermosas ilustracións relacionadas coa celebración do Entroido como se pode ver nas fotos.

Relatorio de Mabel Loza

Mural do programa "Depo-ruarte"

Unha vez máis, grazas ao bo facer dos nosos compañeiros do departamento de física e química, visitounos a eminente investigadora Mabel Loza que falou ao alumnado sobre os últimos descubrimentos na loita contra o cancro. A investigadora da nome a un dos laboratorios do noso centro. Noutra orde de cousas, iniciouse a realización do mural dentro programa da Deputación de Pontevedra “Depo-ruarte”.

Obradoiro "Violencia Zero"

Acción escénica "Pel"

Dentro do programa “Violencia Zero”, auspiciado pola Deputación de Pontevedra, e ó abeiro da súa séptima edicíon, un grupo de alumnos participou nun obradoiro e posterior acción escénica de denuncia das actitudes machistas. Foron dirixidos pola actriz Beatriz Serén e contou coa presenza de representantes do Concello de Silleda e da propia deputación.

Día da nena e a muller na ciencia

Lecturas sobre mulleres científicas

Co gallo do día 11 de febreiro “Día da muller e a nena da ciencia”, e dentro do plan proxecta “Donas de si” que lidera a nosa compañeira Marta Aguirre, realizouse unha exposición para a visualización das mulleres científicas galegas, incorporando un pequeno xogo de identificación a partir de debuxos do propio alumnado. Dentro da mesma celebración, estudantes do Equipo de Biblioteca realizaron lecturas de biografías de mulleres científicas por diversas aulas do centro. Parabéns a todos/as!

Cineclub, campeonato de xadrez, rocódromo, San Valentín

Reiniciáronse as sesións do cineclub a cargo do Equipo de Biblioteca. Así mesmo abordáronse as obras do novo rocódromo. Achégase o San Valentín e, por outra banda, un grupo de alumnos de 2º ESO tivo a feliz idea de crear nun club de xadrez, disputando un primeiro campionato durante os recreos. Parabéns a todos eles!

Saída á Coruña do alumnado CUALE

Charla do programa "A Ponte": "Las escritoras del Siglo de Oro"

O alumnos de CUALE realizaron unha visita á cidade da Coruña e á exposición de Peter Lindbergh, ámbalas dúas guiadas en lingua inglesa como corresponde ao seu programa de aprendizaxe e dentro dos estándares que marca o MCER. Por outra banda, iniciáronse as charlas do programa “A Ponte” da USC que busca poñer en contacto ao alumnado con realidades de estudos superiores. Esta vez foi a cargo da profesora Antía Tacón, sendo o título da charla “Las escritoras del Siglo de Oro”, levándose a cabo en ámbito telemático.

Actividade de Nadal

Concurso de decoración de aulas

Festival na Semana Verde

No centro realizáronse diferentes actividades co gallo das celebracións de fin de trimestre. Entre outras, "Agasalla un préstamo" por parte do Equipo de Biblioteca, "Concurso de Postais de Nadal" do EDL, intervención na entrada do centro con árbore piramidal e o apalpador a cargo do Ciclo Superior de Comercio e "Concurso de Decoración de Aulas". Finalmente, o día 21 tivo lugar un evento con actuacións diversas, entre eles a do noso recanteiro "Mixel" e a de Rodrigo Ramos, ex-alumno do centro cunha prometedora carreira musical. 

Charla "A factura da luz"

Charla de Elena Vázquez Cendón

Saída do grupo de voluntariado

Continúan as actividades no IES Pintor Colmeiro. O alumnado de 4º ESO de Economía recibiu unha charla sobre a factura da luz debido a que están a participar no concurso “A tarifa da luz” que convoca a Xunta de Galicia a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia. A decana da facultade de matemáticas de USC impartiu unha charla titulada “As matemáticas que pesquei na Ría de Pontevedra” dentro do II Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos” da Real Academia Galega de Ciencias. O alumnado do grupo de voluntariado realizou unha saída a Santiago de Compostela. Visitou a Biblioteca Xeral da Universidade, recibiu unha charla sobre o voluntariado no Casino e visitou a exposición Galicia Futura na Cidade da Cultura de Galicia.

Xornadas de dinamización e transformación do territorio

Intervención polo "thanksgiving day"

O alumnado de Ciclo Superior e de FPB asistiu o venres 19 de novembro pola mañá ao segundo dos “workshops” das “Xornadas de dinamización e transformación do territorio”, onde se lles amosaron tres iniciativas emprendedoras. Ao rematar puideron participar en tres obradoiros relacionados coa mobilidade, a industria e a biotecnoloxía.  Por outra banda, o alumnado de 2º ESO “deu as grazas” por moitas cousas  través dunha intervención no corredor das súas aulas como parte do seu traballo sobre o "Thanksgiving day".

Actividades con motivo do 25 N

O alumnado de 1º FPB distribuíu pulseiras feitas por eles mesmos. O equipo de Biblioteca realizou unha intervención nunha das nosas cristaleiras consistente na imaxe dunha árbore onde se podían ver as raíces que levan á violencia contra as mulleres. O departamento de plástica, a través de técnicas de origami, realizou unha colocación no vestíbulo  de bocas de papel que “falan” a través das palabras escritas dentro delas. Tamén realizáronse carteis por parte do EDL e Ciclos Formativos. Un grupo de alumnos e alumnas acudiu á obra de teatro #2pilgrims” por parte de compañía “Redrum Teatro” no Auditorio da Semana Verde.

O noso centro gaña o “II Certame Provincial de Regueifa” e a nosa alumna Rosalía Agra elixida entre os catro gañadores

O noso alumnado en escena participando

Animando

Recibindo os premios

A expedición completa

Os nosos participantes no certame

Os tres finalistas

Rosalía, unha das catro gañadoras

Premios: roscón e computadora portátil

Repartindo o roscón ao chegar ao centro

Abrindo o premio

Novo intercambio internacional no IES Pintor Colmeiro dentro do programa Erasmus "Refuge"

Semana da ciencia en galego

O alumnado que participa no programa internacional Erasmus K229 "Refuge" baixo a temática dos movementos migratorios e os refuxiados, participou nun novo intercambio virtual debido á situación pandémica cos centros de Alemaña, Romanía e Italia, tamén incluídos no programa. Este intercambio tivo lugar na Casa da Xuventude grazas ao apoio do Concello de Silleda.

Durante a Semana da Ciencia o departamento de Física e Química organizou unha xincana científica dirixida ao alumnado de 1º a 3º ESO. A actividade constaba dunha serie de dez preguntas para contestar no tempo de lecer en grupos de dúas persoas. Para iso, os estudantes debían buscar nos calendarios científicos escolares 2021 (realizados polo MICIN http://www.igm.ule-csic.es/calendario-cientifico)  colgados polo centro. Parabéns ás premiadas!

Obradoiro "Defensoras de dereitos"

Programa "Diccionarios de Ida e Volta" 

Francés polas rúas de Silleda

Continúan as actividades no noso centro. A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) realizou dous obradoiros. “Defensora de dereitos” para alumnado de 4º ESO xirou sobre a figura de María Cuc Choc, activista de guatemalteca defensora dos dereitos humanos. “Dicionarios de ida e volta”, para 4º e 1º ESO, amosou os camiños que compartimos con Venezuela, México, Honduras, Guinea Ecuatorial, Senegal ou Romanía, a partir das historias de persoas que naceron neses países e que agora viven con nós, en Galicia e en galego. Non é a primeira vez que AGARESO acude ao noso instituto e esperamos seguir contando coa súa presenza. Por outra banda, o noso compañeiro e profesor de francés Marcial Fernández continúa como tódolos anos coas súas saídas pola vila para aprendizaxe práctica do idioma.

Charla impartida polo noso ex-alumno Juan Calderón

Grazas aos bos oficios do Departamento de Física, voltou ao noso centro o noso ex-alumno Juan Calderón Bustillo, investigador de talla internacional no campo da física, participante en proxectos de investigación e como docente en universidades de diferentes lugares do mundo como Atlanta, Melbourne ou Hong Kong.   

Juan impartiu unha charla titulada "Observando agujeros negros con ondas gravitacionales". Así mesmo, atendeu con amabilidade ao noso alumnado, tanto respondendo ás súas preguntas como participando nunha entrevista videográfica levada a cabo polo alumnando que forma parte do programa de intercambio internacional Erasmus.

Concurso de cabazas

Obradoiro de cabazas

Concurso de ilustracións de terror

Concurso de microrelatos no Samaín

Nos derradeiros días de outubro, cando os días son cada vez máis pequenos, chega o tempo dos magostos, do Samaín, de Tódolos Santos, de Defuntos. EDL e Equipo de Biblioteca, coa colaboración do Ciclos Superior de Comercio na realización dun brillante expositor, organizaron diferentes actividades neste camiño que nos leva paseniñamente cara o solsticio de inverno.

Teatro no Foxo 

Primeira sesión do programa "Deporuarte" 

Obradoiro de Regueifa

Primeiras actividades do presente curso. O alumnado de 4º ESO acudiu a unha representación teatral ao aire libre no barrio do Foxo. A temática da obra xirou encolo da histórica viaxe a pé que fixeron sete galeguistas ourensáns en xullo de 1926. Por outra banda, un grupo de 1º de ESO comenzou a súa participación no programa "Deporuarte" cunha xornada de sensibilización sobre o clima. Ademais, os nosos estudantes de 2º ESO participaron nun obradoiro de regueifa, dentro dos que organiza a asociación "Oral de Galicia".