1.- Introdución
Dende o ano 2013, no CEIP Plurilingüe Os Casais temos implantado un proxecto de centro, Somosquen, sobre educación en valores e para o desenvolvemento. O seu obxectivo é desenvolver valores de responsabilidade e participación, de conciencia critica e actitudes transformadoras no noso alumnado.
Boa parte das actividades realizadas teñen un claro obxectivo de protección do medio ambiente na procura da sustentabilidade. Dende o seu inicio a guía fundamental do noso proxecto foron os ODM, revisados, actualizados e convertidos, a partires de 2015, en Obxectivos do Desenvolvemento Sustentable. A sustentabilidade é un reto cada vez mais urxente e, por iso, queremos que o noso colexio sexa unha escola verde.
Levamos anos reciclando: papel, pilas, tapóns, tóner, aceite... Pensamos que chegou a hora de dar un paso máis e empeñarnos en REDUCIR.
O plástico representa un dos maiores perigos para o medioambiente; tarda centos de anos en degradarse e se acumula nos océanos creando o gran problema de contaminación que todos coñecemos.
O obxectivo principal do proxecto Os Casais, cole verde é conseguir un recreo totalmente libre de residuos plásticos.
2.- Contribución do proxecto ao desenvolvemento das competencias.
Este, como o resto dos proxectos, potencia o desenvolvemento competencial do alumnado.
Conciencia e expresións culturais: Desenvolver técnicas dinámicas de aprendizaxe dirixido no proceso de sensibilización.
Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía: Aprender a diagnosticar o entorno, recoller datos, interpretalos e representalos graficamente.
Sentido da iniciativa e espírito emprendedor: O plan de acción a desenvolver será planificado en equipo e consensuado de maneira grupal.
Aprender a aprender: Desenvolver cambios nas actitudes, valores e comportamentos con relación ao medio ambiente.
Competencias sociais e cívicas: Ser protagonista das accións realizadas como cidadá responsable e de pleno dereito.
Competencia lingüística: Desenvolver habilidades para avaliar o traballo, tanto o propio coma o de outras persoas.
Competencia dixital: Utilizar as novas tecnoloxías para a busca de información, a comprensión e a difusión do traballo realizado.
3.- Obxectivos
o Fomentar actitudes responsables co medio ambiente en toda a comunidade escolar (alumnado, profesorado, familias e persoal non docente).
o Promover a participación activa na mellora do medio no noso entorno máis próximo.
o Incentivar a eliminación da utilización de plástico dun so uso da vida cotiá, de maneira especial nas merendas escolares.
o Fomentar as relacións interpersonais con outros centros escolares con intereses comúns nos procesos de transformación e cambio social.
o Valorar a infancia como axente capaz de participar na promoción do cambio social.
4.- Concrecións metodolóxicas
O proxecto será realizado ao longo de todo o curso escolar. Realizaremos tarefas diversas: algunhas actividades irán encamiñadas á sensibilización e outras serán de accións concretas.
Temos prevista, xunto coa Asociación Betula, unhas charlas sobre a contaminación dos ríos e unha saída para a limpeza do río de Baa, próximo ao noso centro.
Sumámonos ás iniciativas Fridays for Future e Teachers for Future , coas que realizaremos actos simbólicos en defensa do medio ambiente.
O noso reto é Recreos Residuos 0. O plan de traballo concreto está por determinar. O propio alumnado é o que ten a voz para a súa planificación, segundo o modelo SEM.
Na maior medida do posible, buscaremos que as actividades sigan unha metodoloxía lúdica, flexible, dinámica e participativa, así como flexible, interdisciplinaria, motivadora, incorporadora das TIC, vivencial, socioafectiva e baseada na aprendizaxe significativa por descubrimento.