OBXECTIVO DO PROXECTO. COMO XURDIU TODO?

“Oficios en Miúdo” é un proxecto creado polo alumnado de 3º curso do grao de Mestre/a en Educación Infantil da Universidade de Santiago de Compostela. Xurdiu ante a idea de crear unha proposta educativa real que respondese ao traballo da comunicación e a expresión corporal, área de grande importancia no desenvolvemento integral da infancia.

Outro dos motivos que nos levaron á realización deste proxecto relaciónase coa posta en práctica dos coñecementos acadados até o momento no grao universitario. Deste xeito, considerarmos que levar a cabo un Aprendizaxe-Servizo traía beneficios para a nosa óptima formación por nacer e desenvolverse nun contexto concreto e real. Por outra banda, pensamos que todo isto podería enriquecer en gran medida ás crianzas, pois estaríamos a achegarlles actividades alternativas á súa rutina que teñan como principios o xogo e o desfrute en contextos educativos diversos.

Como temática, decantámonos polos oficios tradicionais da nosa terra, Galicia. A decisión baseouse na necesidade de dar a coñecer este patrimonio cultural que, en moitos casos, está quedando esquecido polos cambios nas formas de habitarmos o mundo na posmodernidade. Así, non só queremos facer alusión á importancia que tiveron antaño, senón tamén no presente e futuro do que gozan moitos dos oficios tradicionais.

Para a execución desta proposta, cabe resaltar que contamos coa colaboración da Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos (Teo), onde estamos a desenvolver semanalmente as sesións do proxecto (un total de 5).