Plinio o Vello, na súa obra Naturalis historia, recolle que se coñecían como “Insulae Siccae”. Este nome débese a que se encontran máis abaixo das Corticata (Cortegada) e Aunios (Ons). Séculos máis tarde, nun documento oficial do rei Ordoño II aparecen como Sias, nome polo cal se coñecerán durante a Idade Media. Coa chegada do século XVII o seu nome cambia e en varias cartas náuticas aparecen como Çias. Finalmente, a principios do século XIX, outorgaráselles o nome actual, perdendo o seseo orixinal.
Os primeiros asentamentos datan da Idade de Bronce, o poboado de Hortas (500-100a.C.) na aba do Monte Faro. Polas illas pasaron os romanos que as chamaron “Illas dos deuses”, deixando restos como un anel de ouro datado no século II, así como ánforas e cerámica e diversos útiles que se expoñen actualmente no Museo de Pontevedra. A lenda sitúa a Xulio César nas illas, perseguindo aos pobos herminios de Portugal.
Os ataques normandos provocaron as idas e vidas dos monxes de diversas ordes. Os Beneditinos ocupáronas no século XI e despois de abandonalas, regresaron no século XIII. No século XIV instaláronse nelas os franciscanos. A Orde de Cluny tamén pasou por alí. Destas sucesivas instalacións quedaron como proba os mosteiros de San Estevo, este agora sé do Centro de Interpretación na illa de Faro e o de San Martiño, na illa deste nome;
Estas illas sufriron os ataques de piratas e tamén de armadas invasoras (como por exemplo a armada inglesa, comandada por Francis Drake), que as utilizaban como base de operacións. Esta situación provocará o despoboamento do arquipélago a partir do século XVIII.
A salgadura entrou en declive pola competencia das conserveiras da costa, e a poboación foi decaendo. No século XX nos anos 60 as illas fican despoboadas definitivamente, ata que comezou a despuntar o turismo. A partir dos 70 e 80 comeza a xente a acudir ao arquipélago para desfrutar das praias, do sol e da natureza.
Consérvanse algunhas casas dos antigos poboadores, restos de fábricas de salgadura, unha capela dedicada á Virxe do Carme (1963) e un pequeno altar na illa do Sur. E baixo o mar hai variedade de restos arqueolóxicos, dende pezas prehistóricas, galeóns da Idade Moderna, submarinos alemáns da II Guerra Mundial ou barcos naufragados.
The Guardian, xornal británico, escolleu a praia de Rodas, na illa de Monteagudo, como a mellor do mundo no 2007. Atópase na illa do Faro, en forma de cuncha, é aberta e ventosa, as augas son tranquilas e a súa area é branca e fina.
E
Praia de Rodas
A illa de San Martiño conserva ruínas dunha fábrica de salgadura e dun muíño de auga, ten unha costa con moitos cantís e matogueiras e no illote Boeiro aniñan aves mariñas. Hai bastantes lugares de interese e espazos naturais para admirar a paisaxe, os máis accesibles e recomendables para seren visitados son Faro de Cíes, Faro da Porta, Faro de Monteagudo, Pedra da Campa ou Alto do Príncipe.
Faro da Porta
Reserva da diversidade mariña do Atlántico galego, non está permitida a pesca deportiva e submarina e só se permite o mergullo tras unha autorización correspondente. Na illa de Faro existe un camping de capacidade e tempo de estancia limitada, pero que permite ampliar a visita.
O coñecido como “Lago de Cíes” é un ecosistema singular situado entre as illas de Monteagudo e do Faro, pechado por un dique artificial a un lado e a praia de Rodas polo outro.
A mediados do século XIX constrúese o primeiro faro na Illa de O Medio (Illa de O Faro). Daquela instálanse nas illas algunhas familias que se dedican á pesca e á gandaría ovina e caprina. Desta época datan as fábricas de salgadura, o Faro de Cíes e unha taberna nas proximidades do lago, utilizado ademais como viveiro de lagostas