Solpor no Ara Solis
Os mitos e lendas da Costa da Morte sitúan o ara solis -o altar do sol- no promontorio do cabo Fisterra.
Conta a tradición que os romanos atoparon no lugar un altar ao sol construído alí polos fenicios e que o Apóstolo Santiago mandaríao destruír pouco despois.
Trataríase dun santuario precristián dedicado ao sol no extremo occidental da terra coñecida onde o astro rei se ocultaba cada tarde.
Relacionouse o significado deste altar, quizais o mundo dos mortos ou a illa da eterna mocidade, co inmemorial costume de moitos peregrinos de prolongar o Camiño de Santiago, unha vez chegados a Compostela, ata Fisterra.
A memoria deste altar aínda perdura nas lendas fisterrás e no nome da praza máis típica da antiga vila. Tamén se di que o cáliz e a hostia do escudo de Galicia, representación do Santo Grial, procede dunha cristianización do altar pagán, no que o cáliz simbolizaría o horizonte do mar, e a hostia, o sol no seu ocaso. Unha rocha en forma de mesa cadrada metida uns metros no mar, na punta do cabo, recibe tamén o nome de ara solis, talvez polo seu parecido coa mesa dun altar.
O monte Facho foi o retiro dunha muller bárbara chamada Orca Vella que tras unha longa vida adicada ás artes máxicas, aos roubos, a comer nenos e perseguir á xente, escolleu este lugar para acabar os seus días. Cavou unha tumba e xunto ao corpo dun pastor, ao que tiña encantado soterrouse. Aos berros do pastor acudiu a xente que non puido facer nada, debido ás serpes que saían do sarcófago.
A partir do S XIV, conta a lenda coma os pescadores da zona viron a un barco en dificultades no medio dunha tempestade sen poder avanzar, coma si estivese ancrado. Observaron como dende a embarcación arroxaban unha caixa ao mar e que tras verse librado da carga o barco puido seguir a súa viaxe.
Unha vez que a caixa chegou a terra, os mariñeiros abrírona e descubriron a imaxe do Santo Cristo, imaxe atribuída a Nicodemus, considerando que a súa vontade era quedarse nestas terras. Dende ese momento, despertou gran devoción e adquiriu fama en toda a rexión por fieis que visitan ao Santo Cristo, maiormente na Semana Santa.
Esta imaxe é dun impresionante realismo, destacando a súa profunda humanización: é de tamaño natural, dise que as unllas son dun home, que emite suores de morte e que lle crece o pelo e as unllas.
Entre os milagres cóntase o de converter ao cristianismo a uns moros que quixeron profanar a igrexa.