Fonte de Cervantes

A Fonte de Cervantes sitúase na praza homónima de Santiago de Compostela. É froito das reformas de embelecemento da cidade a mediados do século XIX.

Denominación: Fonte de Cervantes

Tipoloxía: Elementos de ornamentación urbana.

Cronoloxía: 1842

Etiquetas: Fonte; Monumento.

Localización: Praza de Cervantes, s/n.

Coordenadas: 42°52′52″N 8°32′33″W

Propiedade: Pública.

Historia

A fonte sitúase na Praza de Cervantes, centro de encontro da cidade e rodeado da igrexa neoclasicista de San Bieito do Campo, a casa do consistorio, unha plazuela. Antes da fonte que vemos na actualidade, xa existía unha fonte que presidía a praza como se mostra en planos de época de Ferreyro.

A fonte actual é do ano 1842 e está dedicada á figura de Miguel de Cervantes. Elemento que serviu para a reafirmación patriótica no medio dunha crise económica e social. A construción da fonte deu o nome polo que se coñece á praza, pero anteriormente, coñecíase como Campo da Estrela ou Praza do Pan.

A autoría do arquitecto descoñécese pero sinálase a que puido ser realizada por Julián Pastor, arquitecto municipal aqueles anos. A fonte de Cervantes é a de maior altura de toda a cidade, uns 7 metros, que apenas deixa ver a faciana do escritor.

Actualmente, supón un eixo importante para a vida cotiá, comercial e identidade dos habitantes de Santiago de Compostela e de curiosidade para os visitantes.


Descrición

Trátase dunha fonte columnaria; o pilón de estilo dórico e con liñas sobrias elévase desde o centro da fonte. Está adornado por bajorrelevos xeométricos, tanto verticais como horizontais, que crean formas cadradas. A alta columna é a base do busto de Miguel de Cervantes, caracterizado con barba e expresión melancólica e vestindo colar de veludo. Existen catro canos, un por cada lado, por onde sae a auga. O material de construción é pedra, aínda que antes estaba recuberto de chumbo branco do que apenas quedan restos e que se asemellaba ao mármore.

Bibliografía:

BEIRAS GARCÍA, E. (2012). El arte del agua. Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad media al siglo XX. InÉditor: A Coruña., pp.195-204.

https://www.santiagoturismo.es/2013/10/plaza-de-cervantes.html (Consultado en 29-04-2019).

http://xacopedia.com/img/entries/CERVANTES-PLAZA-DE_01_MG_4128.jpg