Castelo da Rocha Forte

A Rocha Forte foi unha das fortalezas máis emblemáticas da Compostela medieval.

Construída no século XIII por orde de Xoán Arias, este castelo foi unha das principais residencias arcebispais ata a súa destrución en 1467, no marco da Gran Guerra Irmandiña.

Denominación: A Rocha Forte; Castelo dos Churruchaos

Tipoloxía: Xacemento medieval.

Cronoloxía: 1240 - 1467.

Etiquetas: Castelo; Fortaleza; Ben de Interese Cultural.

Localización: A Rocha Vella, Conxo.

Coordenadas: 42°51′39″N 8°34′23″W.

Propiedade: Privada.

Historia

-Fundación e primeiros anos:

O castelo da Rocha Forte foi construido por orde do arcebispo compostelán Xoán Arias como pazo, fortaleza e centro de percepción de rentas do Xiro da Rocha nalgún momento da primeira metade do século XIII (o máis probable é que cara o 1240), se ben a primeira referencia escrita da súa existencia atópase nun documento do ano 1253, unha sentenza emitida polo monarca Afonso X o Sabio debido a unha querela entre o propio Xoán Arias e o Concello de Santiago.

Tras un breve período de tempo iniciado en 1280 no que Afonso X se apoderou do castelo, en 1317 ténse constancia de que o Papa Xoán XXII, no seu marco de actuación para levar a cabo unha maior centralización administrativa, elixiu a Berenguel de Landoira como arcebispo de Compostela. O novo prelado contou co apoio real e pontificio, o que lle permitiría ser o primeiro arcebispo, dende Xoán Arias, coa capacidade para tomar o control do señorío e da Igrexa de Compostela.

-A revolta urbana:

Estes feitos coinciden no tempo cun momento no que os burgueses da cidade de Santiago procuraban escapar do control feudal da Igrexa e converterse en cidade de reguengo (ou realengo), polo que o novo arcebispo non só non foi ben recibido, senón que asistiu ao inicio dunha gran revolta urbana. Así, cando Berenguel chegou a Santiago no 1318, atopou as portas pechadas, polo que tivo que refuxiarse no castelo da Rocha Forte.

A revolta durou aproximadamente tres anos, durante os cales o castelo serviu como centro de operacións das forzas de Berenguel. Os sublevados atacarían o castelo liderados polo cabaleiro Afonso Suárez de Deza, da familia dos Churruchaos. O primeiro asedio ao castelo tivo lugar en febreiro de 1319.

Finalmente, a revolta acabaría de maneira sanguinaria. Tras meses de enfrontamentos, o 16 de setembro de 1320, unha embaixada de burgueses en representación do Concello de Santiago acudiu á Rocha Forte para negociar a paz co arcebispo, e, unha vez intramuros, varios homes do arcebispo asasinaron a Afonso Suárez de Deza e outros once líderes da revolta urbana, conseguindo restituir o poder arcebispal en Compostela.

-Guerra civil e invasión inglesa:

Xa na segunda metade do século XIV, o castelo da Rocha Forte convertiuse en escenario da guerra civil castelá, e sería tomado continuamente polos dous bandos que se disputaban a coroa: o de Henrique de Trastámara e o de Pedro I.

Durante o conflito, o arcebispo Suero Gómez de Toledo foi asasinado na praza do Obradoiro cando chegaba da Rocha e na presencia do rei Pedro I, que segundo se di observaba desde as torres da catedral. A súa violenta morte tivo que ver co conflicto político que estaba a sufrir a Coroa de Castela, posto que o arcebispo apoiara a Henrique II nas súas aspiracións polo trono. Despois deste cruento episodio, a fortaleza volvería a mans da Igrexa grazas aos partidarios de Henrique de Trastámara, que devolverían o poder ao novo prelado, Rodrigo de Moscoso.

Tras unha década de guerra, a morte de Pedro I a mans do seu propio irmán puxo fin temporalmente aos conflitos. Emporiso, quince anos despois, Galicia foi invadida polo Duque de Lancaster, esposo da filla de Pedro I, Constanza, nun intento por repoñer a liña do defunto monarca. Algúns documentos indican que houbo un novo asedio ao castelo. Durante a invasión, o entón arcebispo García Manrique foi desterrado, e tanto a cidade de Compostela como o castelo da Rocha Forte convertéronse en parte da corte do pretendente inglés ao trono castelán.

Finalmente, as tropas do Duque de Lancaster retiráronse en 1388 tras a firma do Tratado de Bayona, poñendo punto e final á guerra.

-Os Irmandiños:

Unha vez máis, Rocha Forte volvería tomar relevancia durante a segunda metade do século XV. Para entón, o arcebispo compostelán era Rodrigo de Luna, e os abusos señoriais, tan extendidos por toda Galicia (as chamadas malfetrías), propiciaron o aumento dunha concienciación popular en prol dunha xustiza antiseñorial. Así, en 1458, a cidade de Santiago, en alianza con algúns nobres, formou unha Irmandade co obxectivo de defender as liberdades públicas fronte as accións dos homes do arcebispo.

A perpetración dos abusos por parte de señores e casteláns como o da Rocha Forte, Álvaro Sánchez Dávila, durante os sucesivos anos non fixeron senón radicalizar o movemento irmandiño, que viu nos castelos o símbolo do poder dos malfeitores. Isto explica que, xa para 1466, se constituíra unha Santa Irmandade que pronto declarou a guerra contra as inxustizas que se estaban a levar a cabo. É o que se coñece como a Gran Guerra Irmandiña, na que boa parte das fortalezas galegas foron destruídas ata os cimentos como símbolo da vitoria fronte aos señores.

Entre as filas dos Irmandiños figuraban labregos, parte da aristocracia urbana, fidalgos e algúns cabaleiros. Así, no ano 1467, as forzas irmandiñas lideradas por Pedro Osorio, xefe da Irmandade no señorío de Santiago (que morrería ás portas de Santiago na Batalla da Almáciga), sitiaron o castelo da Rocha Forte, derrubándoo por completo. Dende entón, da fortaleza só quedan as ruínas.


Estrutura

Merece a pena destacar varios aspectos do proceso constructivo.

En primeiro lugar, a Rocha Forte foi erguida sobre un afloramento ao carón dun regato, o cal suministraba auga dentro da fortaleza. O castelo, por tanto, contaba cunha complexa arquitectura hidráulica para dispoñer de auga de forma autónoma respecto ao exterior. Este era un factor fundamental, sobre todo en tempos de guerra, durante os que non se podía saír da fortaleza. A auga era necesaria para consumo humano e dos animais, e tamén en caso de incendio, xa que era unha das formas máis habituais para derrubar castelos.

O primeiro en construirse foi o recinto interior do castelo, de planta cuadrangular e cunhas aristas nas que se erixen catro torres circulares, unha en cada unha das esquinas, e tres torres cadradas, unha en cada un dos muros, agás no noroeste, no que se atopaba a entrada.

Nunha segunda fase construtiva erixiuse unha barbacá situada a moi pouca distancia da muralla da primeira fase. Discorre paralela á cerca interior e ensánchase conformando dous baluartes rectangulares na parte central de ámbolos dous lados. Na súa cara externa, a barbacá presenta unha lixeira inclinación coa intención de crear alambor (unha solución típica destas estruturas, destinadas a protexer a parte baixa da muralla principal dos ataques con enxeños balísticos). Na parte externa existen certas diferenzas nos paramentos, o cal invita a pensar na existencia de reparacións e reformas, algo normal nun castelo cunha vida militar tan intensa como o da Rocha Forte.

No interior do castelo temos constancia da existencia doutras dependencias, como as cortes dos cabalos, necesarias tanto pola súa función bélica como doméstica. Estas cortes estaban nun dos lados do patio de armas, situadas entre a torre da homenaxe e a porta de entrada ao castelo. Nesa zona habían de estar tamén as dependencias para os soldados, dos acuartelados no castelo e dos que acudían de reforzo en tempos de conflito. Esta área incluía unha cociña e un comedor. Probablemente, tamén existira un forno.

Por último, segundo as testemuñas do preito Tavera-Fonseca, unha das edificacións da fortaleza era unha capela dedicada a Santa Eufemia, mais no documento ninguén cita a súa localización exacta, nin as súas características, e só se menciona a súa relación cunha das torres do castelo. Os Gesta Berengarii indican que nesta capela foi onde tivo lugar o episodio no que Berenguel puxo fin á revolta compostelá de 1317-1320 co acoitelamento dos líderes da revolta dentro do castelo, cando ían negociar a paz co prelado.


Función

A principal función da Rocha Forte era a defensa. As Gesta Berengarii, coñecidas en galego como Feitos de Berenguel, permítennos saber como funcionaba o castelo durante a guerra. Así, na desputa entre o arcebispo e os cidadáns, aprendemos que esa guerra se baseaba principalmente no asedio a enclaves fortificados, ben sexan cidades ou vilas, fortalezas ou torres.

Na guerra, neses tempos, refugábanse as batallas a campo aberto e non foron a fórmula principal de dirimir desputas. No conflito compostelán de 1317, unhas veces é o arcebispo quen cerca a cidade e outras son os cidadáns os que asedian o seu castelo. A posición estratéxica da Rocha Forte permitía enviar tropas polo val do Sarela cara ao flanco oriental ou polo val do Sar, cara ao flanco occidental da cidade. Na revolta de 1317 queda clara a vocación que tiña a fortaleza como punto de control da cidade e de como podía dominar os seus principais accesos.

Porén, A Rocha tamén era importante por ser o centro do control administrativo do señorío, un lugar para o pagamento de impostos polas mercadorías que entraban en Compostela e un posto de vixilancia dos camiños cara aos portos de Padrón e Noia. Esta conexión mantida cos portos marítimos converteron á fortaleza nun importante epicentro do comercio para a mitra compostelá.

Bibliografía: