Monte da Almáciga

O Monte da Almáciga é un parque urbano compostelán, situado no núcleo do barrio co mesmo nome.

Atopándose entre as rúas de Betanzos, O Pino, Touro e Teo, a Almáciga atendeu a un dos máis soados acontecementos da historia da Galicia medieval.

Denominación: Parque do Monte da Almáciga

Tipoloxía: Espazo natural.

Cronoloxía: 1990 -

Etiquetas: Parque.

Localización: Barrio da Almáciga.

Coordenadas: 42°53′12″N 8°32′11″W.

Propiedade: Pública.

Estamos a falar dun espazo de lecer cunha superficie superior aos 35.000 m2 cun deseño aberto, que respecta a topografía do terreo e aproveita os seus recurso naturais para crear distintos ambientes. Por exemplo, unha fonte de auga xa existente foi empregada coma parte do estanque.

Nel podemos atopar numerosas especies vexetais, tanto arbóreas coma arbustos, e mesturas propias da zona, coma carballos e bidueiros, con outras máis exóticas coma o ginkgo (Nogueira Xaponesa). Na linde do parque, atópase o Colexio Público Apóstolo Santiago e a Escola Municipal de Música. Na zona alta do recinto aséntase unha escultura realizada por Silverio Rivas que ten o título de ``Proa a Enciño´´. O parque conta ademais con amplas zonas de céspede cubetas de abundante vexetación, áreas de descanso con bancos, sendas peonís e zona de xogos. No parque podemos atopar: magnolios, cedros do Himalaia, carballos, tileiros, moreiras brancas, abeto de Douglas e chopo prateado, ademais de contar cun estanque, que aproveita a pendente natural do terreo e a fonte, e un miradoiro.

O parque da Almáciga xurdiu na década dos 90, polo incremento do número de vivendas no barrio e pola necesidade de garantir un desenvolvemento urbano sostible coa creación de espazos verdes. Ata os anos 90 a zona era coñecida coma Monte da Almáciga, estando constituída por terras de pastoreo e cultivo, polo que era un lugar de traballo e tamén de esparexemento e lecer, ademais do lugar de celebración por excelencia das cacharelas das festas de San Xoán. A verde ladeira pasou a formar parte da rede de xardíns e parques de Santiago de Compostela. Ocupa ademais un lugar sinalado na historia de Santiago e ate de Galiza, pois no século XV ocorreu aquí a coñecida coma ``Batalla da Almáciga´´, na que os exércitos Irmandiños foron derrotados polo exército señorial encabezado polo Arcebispo Fonseca.

Os Irmandiños

O levantamento Irmandiño comezou en 1465, por parte dos habitantes das cidades, dos labregos e de parte do baixo clero, para defenderse fronte aos abusos dos señores feudais e o poder eclesiástico. Dous anos despois, co apoio e colaboración de tres poderosos señores feudais (Diego de Lemos, Afonso de Lanzós e Pedro Osorio) este movemento revolucionario comezou o Gran Levantamento, atacando e derrubando fortalezas de donos das terras, moitos deles fuxidos a Castela, Portugal ou Asturias. Incluso durante un breve período de calma, os Irmandiños instauraron en Europa un sistema de goberno de carácter civil exercido polo pobo. Os señores galegos dende terras castelás e portuguesas, comezaron a aliarse e reunir os homes e medios necesarios para recuperar o seu dominio. Durante 1469 os exércitos de Fonseca, Madruga e Pimentel, avanzaron polo territorio galego ate reunirse en Santiago de Compostela, capital da Irmandade e defendida por Pedro Osorio. Logo duns meses, a Batalla de Almáciga acabou co período de resistencia, rematando esta experiencia de grande custo humano.


Bibliografía:

  • ``Monte da Almáciga. Santiago de Compostela´´, Parques de Santiago de Compostela 2, Concello de Santiago de Compostela (ed.), Setembro, 2009

``Proa a Enciño´´, Silverio Rivas, 1992