HISTAGRA é un grupo especializado na investigación sobre a Historia agraria e política do mundo rural fundado pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 2006.
O seu campo de estudo céntrase fundamentalmente nos séculos XIX e XX.
Nome: Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural.
Sigla: HISTAGRA
Área de actividade: Grupo de investigación
Datas: 2006
Fundador: Universidade de Santiago de Compostela
Sede: Facultade de Xeografía e Historia
Dirección: Praza da Universidade, 1, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña
Coordenadas: 42º52'41"N 8º32'32"O
Páxina Web: https://histagra.usc.es/gl
HISTAGRA compónse de máis de 40 investigadores, todos eles altamente cualificados en diferentes disciplinas, como a Historia contemporánea, Historia económica, Antropoloxía social, Enxeñaría medioambiental ou mesmo Veterinaria. De entre todos eles, 27 son doutores e 20 investigadores en formación. Os seus coordinadores son Lourenzo Fernández Prieto e Ramón Villares, ambos os dous vinculados á USC, pero a agrupación tamén conta con numerosos colaboradores externos doutras universidades españolas, portuguesas e mesmo italianas.
A pesares de fundarse oficialmente no ano 2006, o certo é que a historia de HISTAGRA remóntase á década de 1980, e xa durante os seus primeiros anos de existencia desenvolveu un programa pioneiro no relativo á historia agraria e a política do mundo rural de España en xeral e de Galicia no particular.
Xa tras a súa fundación oficial, un dos seus principais focos de atención ten sido a historia e a memoria da Guerra Civil española e o réxime franquista na realidade galega, outorgando nos seus estudos un gran valor á historia oral e á "cartografía da represión", valéndose para iso da arqueoloxía de campo. Deste xeito naceu o seu Proxecto de Investigación Nomes e Voces, que busca poñer ao servizo da sociedade galega os nomes das vítimas da represión franquista mediante a elaboración dunha base de datos; recoller as voces dos que sufriron o cárcere, o exilio ou estiveron agochados; e botar luz sobre os lugares da represión (cunetas, cemiterios, montes, etc).
No ano 2016, HISTAGRA organizou unha serie de actividades no Concello de Santiago para conmemorar o 80 aniversario da Guerra Civil. Recibidos polo entón alcalde Martiño Noriega, o coordinador Fernández Prieto e o investigador Antonio Míguez levaron a cabo unha serie de exposicións, actividades e conferencias en centros de ensinanza, ciclos de cine e roteiros polos lugares da memoria da cidade, tratando de construír un novo relato sobre o conflito.
Actualmente, HISTAGRA está a levar a cabo unha serie de actuacións enmarcadas dentro do Plan Cuatrienal de Memoria Democrática de Galicia, que está a permitir a exhumación e análise forense de foxas comúns. Así, en novembro de 2021 levouse a cabo a exhumación da Foxa de Filgueira, e o pasado xaneiro de 2022 logrouse a identificación de tres persoas na foxa de Vilagarcía.
Tanto as conferencias como as publicacións ou novidades referentes ao grupo HISTAGRA poden consultarse abertamente na súa páxina web, que se atopa dispoñible en galego, castelán e inglés.
Bibliografía:
Eurom. (s.d.) Universidad de Santiago de Compostela - Histagra. Recuperado o 9 de febreiro de 2022 de https://europeanmemories.net/partners/universidad-de-santiago-de-compostela-histagra/
HISTAGRA. (s.d.). Liñas de investigación. Recuperado o 9 de febreiro de 2022 de https://histagra.usc.es/gl/recursos
La Voz de Galicia. (20 de decembro, 2015). Histagra rememora los 80 años de la Guerra Civil en clave local. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2015/12/20/histagra-rememora-80-anos-guerra-civil-clave-local/0003_201512S20C5994.htm
Nomes e Voces (s.d.) Presentación. Recuperado o 9 de febreiro de 2022 de http://www.nomesevoces.net/gl/presentacion/
Praza Pública. (12 de xaneiro, 2022). Investigadores coordinados polo grupo Histagra da USC logran identificar a tres das persoas fusiladas da foxa de Vilagarcía. https://praza.gal/movementos-sociais/investigadores-coordinados-polo-grupo-histagra-da-usc-logran-identificar-a-tres-das-persoas-fusiladas-da-foxa-de-vilagarcia