Casa da Troia



A Casa da Troia é un museo romántico que recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela A casa da Troia. Nela aloxábanse o personaxe principal, Xerardo Rodríguez, e os seus compañeiros de estudos.

Nome: Museo Casa da Troia

Tipo: Museos; Pensións históricas

Datas (Fundación): S. XIX

Fundador: Xenerosa Carollo

Sede: Casa da Troia

Dirección: Rúa da Troia, 5

Coordenadas: 42°52'53.3"N+8°32'35.7"W

Páxina Web: http://lacasadelatroya.gal/

Teléfono: 981 585 159

Historia

Dende o ano 1886 ata 1906 funcionou como hospedería de estudantes. A súa dona orixinaria foi Xenerosa Carollo, a propietaria da pensión na que se desenvolve a novela. Nos anos sucesivos, viviron nela varias familias ata a década de 1960, cando se pechou a causa do seu estado de deterioración.

O edificio, situado no casco antigo da cidade, construíuse a mediados do século XVIII e ocupa unha parcela de 60 metros cadrados. Amais, posúe unha superficie visitable de 180 metros cadrados.

A rehabilitación

O 24 de marzo de 1966, no programa de radio da Cadena SER Ustedes son formidables, -presentado por Alberto Oliveras e adicado á recadación de fondos para causas sociais-, reuníronse 500.000 pesetas para adquirir a vella hospedería estudantil da Troia e rehabilitala. A emisión do programa comezou ás once da noite e ás doce e media xa se conseguiran tódolos cartos.

Deste xeito, o Concello de Santiago adquiríu a casa pero a restauración non se levou a cabo ata principios dos anos noventa, cando xa non quedaba nada da decoración orixinal. Por isto, a casa baleirouse e acomodouse de xeito que recreara o ambiente de 1885 e a distribución dos pisos conforme ao relatado na novela.

Finalmente, a Casa da Troia abríu as súas portas como museo o 27 de febreiro de 1993, en parte, grazas ao esforzo do mecenas Benigno Amor Rodríguez, que adicou boa parte da súa vida a cumprilo seu soño e restaurala Casa que inspirara á novela.

O museo

A finalidade do Museo da Casa da Troia é intentar rememorar unha pensión de estudantes de finais do século XIX e por iso as súas estancias foron redecoradas con este fin.

Na planta baixa, ubícase a recepción, unha antiga zona de paso tanto para as persoas como tamén para os cabalos que baixaban ás cortes. A continuación, no primeiro andar atópase o antigo salón-comedor, tamén habilitado como lugar de estudo, e noutra época lugar de ensaio da Tuna Compostelá; mais tamén a sala de respecto, é dicir, unha pequena estancia empregada durante as visitas dos familiares dos estudantes.

No segundo andar están os dormitorios, un colectivo e outro individual, ao cal se tiña dereito se se pagaba unha peseta máis. Esta habitación é a que estaba ocupada na novela polo protagonista, Xerardo Roquer.

No ático localízase a cociña, situada na zona alta da casa para aproveitar mellor a luz natural do día e facilitar o desaloxo rápido do fume da lareira; ademais, tamén hai un pequeno dormitorio, que na novela pertencía a Dona Xenerosa, a patroa.

O sótano, que antigamente se usaba como corte dos cabalos, está dedicado ás tunas universitarias, de feito que poden admirarse diversos instrumentos musicais, becas, capas, trofeos, ou fotografías da estudantina. Asimesmo, tamén se conservaron as peculiares escaleiras que facilitaban o paso dos cabalos, sendo un dos poucos exemplos que aínda se manteñen na cidade compostelá.

Ademais, a casa tamén está ambientada con mobles e útiles da época. A maior parte do mobiliario foi adquirido polo fundador do museo, Benigno Amor Rodríguez, á familia de Xacobo Gil Villanueva, reitor da Universidade de Santiago a finais do século XIX que na novela reflíctese no personaxe de Don Servando. Tamén cabe sinalar o instrumental médico cedido pola familia Vaamonde. Asimesmo, consérvanse fotografías, cadros e obxectos diversos que pertenceron a algunhas das persoas reais que inspiraron ós personaxes que aparecen no libro.

O museo dispón dunha biblioteca histórica, que se compón de exemplares de distintas edicións da novela, así como de publicacións de autores relacionados coa obra de Pérez Lugín como Valle-Inclán, Camilo Bargiela, Manuel Casás, Enrique Labarta… e outras obras de temática compostelá.

Na actualidade, a Casa da Troia está integrada na rede de museos de Galicia e abre varios meses ao ano, principalmente durante o verán.

O 31 de outubro de 2008 o museo pechouse ao público e o 15 de xullo de 2010, en pleno ano Xacobeo, volveu abrir as súas portas grazas á promoción da Asociación de Antigos Tunos Composteláns.

Casa da Troia. Interior

Bibliografía:

Recursos:

  • Amor, Benigno; Álvarez, Aser [Antiguos Tunos Compostelanos]. (2018, maio, 19). Documental "A Compostela de la Casa de la Troya" [Arquivo de video]. Recuperado de https://youtu.be/P_W1mKa2Y_Q

  • Escola de Imaxe e Son de A Coruña . [Vía Láctea ]. (2014, febreiro, 11 ). Docudrama sobre La Casa de la Troya [Archivo de video]. Recuperado de https://youtu.be/b2E1M2GrVqw

Enlaces a datos, catálogos e redes sociais