URBANISMO E ARQUITECTURA

O urbanismo do castro é sinxelo e está adaptado ao terreo, aproveitando recursos da zona. O castro posúe dúas portas, a Leste e a Oeste, sendo a principal a Leste. Consta tamén de dúas vías principais que se cruzan e dun terceiro camiño paralelo á muralla principal. A partir destes eixos vertebrais dispóñense as vivendas a modo de barrios, con espazos entre elas que permiten a circulación.

As vivendas estaban en orixe realizadas na súa maioría en pedra local e lousa, agrupadas en unidades habitacionais que alternan as formas circulares máis tradicionais e as formas rectangulares xa máis evolucionadas. As cubertas estarían elaboradas a base de pólas e palla ou terra compacta e enlousados, levantándose sobre o nivel do chan para evitar a entrada da auga. Pódense apreciar tamén escaleiras baixas que conducen cara ao interior, ao mesmo tempo que restos de lareiras e fornos feitos en pedra.

Ademais das vivendas, hai constancia doutras edificacións como por exemplo obradoiros de artesáns, debido aos restos encontrados no seu interior. Debido tamén á particular disposición dalgunhas edificacións pódense pensar na existencia de construcións de tipo social como lugares de reunión ou de culto.