MATERIAIS

As escavacións arqueolóxicas comezaron no ano 1971 e as investigacións continúan até a actualidade. Durante todos estes anos, acháronse no castro numerosas pezas que formaban parte da vida castrexa, e que están expostas no Museo do Castro.

Historia das escavacións

En 1972 Chamoso Lamas descobre restos de construcións de planta circular e cadrada. O material recollido xa parecía marcar a pauta do asentamento, abundando o de época romana.

En 1973 a escavación chegou á parte central da croa, onde as construcións predominantes son de planta cuadrangular e dispostas con certa organización entre elas. Continuou o achado de abundante cerámica de distintos tipos (entre eles, sigillata hispánica), machados de pedra puída, obxectos de bronce, dúas moedas de ouro de Arcadio (ademais de denarios de prata e semisses de bronce tardíos), contas de malaquita, e dous achados senlleiros: o machado de talón de bronce con catro anelas e un torques case xemelgo do aparecido en 1911.

Desde o ano 1975 até o 1978, os traballos arqueolóxicos consistiron fundamentalmente no peneirado da terra procedente das anteriores campañas de escavación, aínda que tamén se habilitaron algúns accesos á muralla. Entre os achados cómpre destacar un puñal de antenas e un taboleiro de xogo en pedra (tabula latrunculata).

Escavacións de 1972.

Puñal de antenas.

Desde o ano 1982, os traballos arqueolóxicos no castro de Viladonga diríxeos Felipe Arias Vilas. Nese ano fixéronse traballos de limpeza da croa e as murallas do castro, así como unha revisión e clasificación global dos materiais procedentes das escavacións dos anos setenta.

No ano 1983 escaváronse os muros testemuño de terra deixados por Chamoso Lamas, ampliándose a área escavada nalgunhas zonas e afondando noutras ata chegar ao solo natural para esgotar os niveis arqueoloxicamente fértiles. Isto permitiu aclarar moitos aspectos da ordenación interior do castro (deixando ver as “rúas” ou zonas de paso), así como das características das súas construcións, algo que ademais quedaría realzado coa nova limpeza e consolidación das áreas que o precisaban. Seguiron producíndose moitos e moi diversos achados, en xeral similares aos de anos anteriores.

En 1984 escavouse outro ángulo da croa, ata chegar ao solo ou rocha natural, o que permitiu descubrir varios pisos sucesivos nalgunhas vivendas, aínda que correspondentes ao mesmo nivel e momento cultural galaico-romano. Ademais dos traballos de limpeza e rozado do xacemento, iniciáronse os traballos de prospección arqueolóxica na comarca circundante e renovouse todo o levantamento topográfico do sitio.

A finais dos anos 80 e comezos dos 90, por mor da creación do museo, non se realizaron escavacións importantes, aínda que continuaron a aparecer materiais semellantes e tamén novas vías e camiños antigos.

Escavacións 1988.

Escavacións 1990.

No ano 1996 é cando a execución dos traballos arqueolóxicos acométense por primeira vez con persoal técnico alleo ao museo, algo que se ven facendo de xeito habitual desde entón ata agora.

O descubrimento máis significativo desta campaña foi comprobar a utilización do antecastro, polo menos parcialmente, como zona de habitación, coa localización, ademais, dun silo agrícola circular delimitado por un círculo de pedras, revestido de arxila no seu interior e coa presenza dalgunhas sementes de cereais, así como a aparición de pezas de cerámica, ferro e bronce.

Aínda que os labores de limpeza e consolidación puntual foron e son permanentes e habituais, ata 2003 non se volveron facer escavacións arqueolóxicas no castro, de novo na entrada á croa e no antecastro oeste para ampliar a información sobre estas zonas.

Nas campañas dos anos seguintes, 2006 a 2009, continuáronse os traballos (a cargo da empresa AXA Arqueoloxía) na entrada principal, no barrio leste da croa e, en menor medida, no antecastro oeste. Neste último completouse o coñecemento sobre algúns aspectos particulares das construcións exhumadas en anos anteriores. No sector do acceso leste ao castro foi posible completar e documentar un corredor arquitectónico monumental, recuperándose, en forma de rozas verticais nos paramentos da muralla, a pegada da porta que pechaba o paso ao interior do recinto, así como unha estrutura que deu un interesante conxunto de materiais como restos dun colgante en ouro, un alfinete en bronce e moitas moedas de bronce tardorromanas.

Escavacións 2008.

Escavacións 2016.

No ano 2008 continuaron os traballos no camiño de acceso dende o primeiro foso ata a croa, así como na parte interior do recinto a ambos lados da entrada polas roldas leste e sur.

Desde o 2008 até o ano 2017 continuaron os labores principalmente de conservación e acondicionamento, aínda que tamén se traballa na consolidación de estruturas ca escavadas.

Traballos de consolidación e restauración no ano 2016.

Estruturas consolidadas no ano 2016.