LENDAS

Hai algunhas lendas e curiosidades que rodean o castro de Viladonga. Algunhas delas foron recollidas no Boletín do Museo do Castro de Vilandonga a través do Proxecto de recuperación da tradición oral na contorna de Viladonga, outras aparecen publicadas en webs como Galicia Encantada, aínda que tamén as podemos atopar espalladas por distintos xornais e publicacións de escolas e centros de secundaria.

A LENDA DO BURATO

Contan que certo día andaba un veciño arando coas vacas no lugar das Traves cando observou que un dos animais se afundía e que mesmo o tragaba o terra. Houbo que sacar a vaca daquel buraco.

Din que a curiosidade picou aos chairegos de Vilalonga e que andaron un cacho polo furado que descubriu a vaca, mais que pillaron medo e que fuxiron. De feito, aquel buraco daba a unha canle pola que aseguran que baixaban os mouros e os fenicios buscar auga. E sábese que desde a Fonte de Arriba de Viladonga parte unha calzada moi ben empedrada, e que a fonte mesma se remonta a tan remota época.

O caso foi que a furada acabou tapándose, mais aínda se nota, e que é coma o túnel do tren. E saben os labregos de por alí, que cando as agras estaban a centeo había tiras nas que non medraba o froito debido aos pasadizos que percorrían o chan.