Seguindo a tradición castrexa do noroeste, o castro de Elviña comezaría sendo un pequeno poboado limitado a esta cima do monte. Un espazo único, sen divisións internas, pero ben delimitado e protexido por unha muralla. Trataríase dun sistema defensivo simple, que sería reutilizado en épocas posteriores para a construción da muralla de pedra que hoxe aínda vemos.
A Croa
A acrópole ou croa do castro, é o espazo máis antigo, sitúase na parte máis alta do outeiro. Os materiais demostran que puido estar habitado mesmo antes do século IV a.C. Posúe, unha posición moi útil para a súa defensa e de dominio sobre os camiños.
Nela soamente aparecen vivendas ovais de orixe indíxena, e unha de planta circular na que apareceu un anel de ouro e un coitelo. Na acrópole non hai vivendas de planta mixta ou rectangular. Tamén se atoparon nela evidencias de construcións aínda máis antigas, realizadas con materiais perecedoiros (terra, madeira...), polo que non se conservan. De todas as maneiras, sabemos que estiveron alí porque son perceptibles a través do estudo estratigráfico.
Vivendas de palla e barro
As últimas escavacións documentaron a existencia do primeiro recinto fortificado de Elviña e de restos de estruturas perecedoiras, erixidas na acrópole con palla e barro. O "pallabarro" é unha técnica construtiva que mestura palla con barro. Estas son as estruturas máis antigas do castro, de polo menos un século antes da construción das máis antigas conservadas, as vivendas circulares de granito.
Tamén se atoparon materiais cerámicos claramente prerromanos que falan dunha ocupación anterior á transición da Primeira á Segunda Idade do Ferro, na que se empezaron a construír en pedra as estruturas deste tipo de poboados.
Croa
FASES DE OCUPACIÓN
A partir dos resultado de diferentes excavacións tense calculado un período de ocupación do castro dende o século III a. C. ata o século VI d.C.; cando o castro foi abandonado definitivamente. Crese que a súa poboación foise trasladando de forma progresiva a Brigantium.
Primeira terraza
Segunda terraza
A primeira terraza
As condicións da terraza do sur e sueste do castro, co sol do mediodía e a resgardo do vento mareiro do Atlántico, converten esta zona na de maior concentración de construcións domésticas do xacemento.
Con unha pendente moi marcada, está acondicionada para crear unha terraza artificial que foi a máis escavada do castro. Nela descubrimos un complexo de vivendas, no que se atopan, entre outras construcións, o alxibe, a casa da Exedra, o templo fálico e a casa do tesouro. Por ela cruza o camiño creado para as visitas guiadas.
A segunda terraza
A terraza máis pequena discorre ao oeste e sur, por debaixo da acrópole, e está delimitada por unha muralla de 1,5 metros de espesor. Na parte máis oriental únese coa muralla sur da acrópole, e pénsase que foi levantada nunha fase avanzada, aproveitando unha estrutura anterior.
Nela atópase un acceso de carácter monumental á acrópole: a coñecida como entrada suroeste está formada por unha rampla pavimentada e dous torreóns que a flanquean.
Do mesmo xeito que a maior parte do castro, esta zona aínda non foi totalmente escavada e descoñecemos que pode albergar no seu interior.
A casa da Exedra
O templo fálico
A casa da Exedra é a edificación máis coñecida do castro e a que presenta unha maior complexidade construtiva, pois reflicte os cambios que sufriu o poboado ao longo dos séculos.
En orixe, no espazo no que se sitúa existirían dúas construcións circulares de época castrexa, seccionadas en época romana por outra rectangular e esta á súa vez dividida posteriormente en estancias interiores. Crese que unha destas estancias estivo abovedada e que se puido utilizar como forno, adega ou almacén.
Descoñecemos cal sería a entrada orixinal da casa e a súa funcionalidade, pero todo parece indicar que pasou a converterse nun edificio público, posiblemente con carácter comercial ou de reunión para a realización de transaccións económicas.
O Templo do Ídolo Fálico é unha construción ovalada de gran tamaño e de planta mixta, con paredes de arista e de remate redondeado, denominada así por Francisco Luengo, quen atopou no interior unha pedra grande coa fronte traballada representando a figura dun falo personificado.
Trátase de construcións de diferente cronoloxía e tipología: a máis antiga e de planta oval e ten orixe indíxena e a posterior rectangular da época romana. No interior hai bancos corridos adosados aos muros, que eran de uso comunitario. No centro atopouse o ídolo fálico.
A casa do tesouro
Pozo
Á beira do alxibe, na primeira terraza, álzanse os cimentos da vivenda na que apareceu enterrado o Tesouro de Elviña, un dos conxuntos de ourivaría castrexa máis importantes do noroeste peninsular. A casa do tesouro é unha construción de planta cuadrangular que parece datar de época de Augusto ou de Tiberio e que mide 7,30 metros de longo por 9 metros de ancho. Ten un chan pavimentado e muros interiores revocados con barro, que aínda se conserva nalgunhas das xuntas.
O pozo é a única estrutura de almacenamento de auga conservada no castro, na zona sur da 2ª terraza. Ten 12 m. de longo e case 6 de fondo e ten dúas escaleiras enfrontadas que baixan ata a base. Aparte de ser utilizado como fonte, (segue manando auga na actualidade), foi usado como embalse.
Ademais do pozo ou alxibe, o castro de Elviña contaba cun segundo sistema de abastecemento unha fonte de auga, no interior do poboado, na primeira terraza, entre o templo fálico e a rampla de acceso á acrópole.