As primeiras escavacións sacaron á luz entre os restos materiais, numerosos fragmentos de cerámica castrexa e romana, destacando unha fíbula de bronce, unha moeda do emperador Tiberio e un fragmento de pulseira de ouro. Todo anunciaba a gran importancia histórica do castro. Campañas arqueolóxicas posteriores confirmaríano e darían orixe a diversos e sucesivos proxectos de crear un museo e un parque arqueolóxico.
Atopouse cerámica lisa, e decorada; de mesa e de almacenaxe.
Elementos de fiar, de moer ou de metalurxia como moldes e crisois.
Pezas de adorno: aneis, brazaletes, fíbulas, espirais, doas de vidro dourado...
A primeira peza do tesouro apareceu durante as escavacións de 1953, nun oco situado xusto á beira do lar que quedara ao descuberto tras levantar o pavimento. Entre abundantísimos anacos de cerámica e terra atopouse o fragmento dereito dunha diadema, cerrado como se o utilizasen como pulseira.
O resto das pezas do achado apareceron ao proseguir os traballos de limpeza do oco: o anaco esquerdo da diadema (tamén cerrado como unha pulseira), as contas e o colgante dun colar, incompleto e esmagado nalgunhas zonas.
Descoñécese o seu taller de orixe e está composto por unha diadema-cinto, un colar, unha posible gargantilla de ouro e unha conta de pasta vítrea. Formaría parte dun ou varios enxovais empregados en determinadas cerimonias, por parte dalgunha figura relevante dentro da comunidade, da que os especialistas non se poñen de acordo á hora de definir o seu sexo e función. Fálase dunha posible sacerdotisa que rendese culto ao sol ou dun home cunha posición política e social destacada.
As pezas presentan motivos decorativos xeométricos, trísceles, filigranas e mesmo varios patos soldados no caso da diadema, que ilustran o dominio dunha técnica depurada por parte dos anónimos ourives que as deseñaron e crearon.
Doas de vidro
Ídolo fálico
O castro de Elviña construirase dentro do período denominado como segunda Idade do Ferro do noroeste peninsular, que alcanzaría desde o século IV a.C. e chegaría ata inicio do século I d.C. Xa en época romana, os traballos con ferro desenvolveranse substancialmente, coa implementación de técnicas, obxectos e coñecementos.
Para esta fase é coñecida a actividade siderúrxica en varios castros, aumentando en consonancia a do bronce e ouro. No rexistro arqueolóxico téñense documentado restos de fundición, moldes e outros materiais de taller do ferreiro, que permiten certificar a produción destes metais, como é o caso de Elviña.
No castro foron atopadas distintas pezas de ferro, como cravos e picas, pezas de uso persoal e de vestido, así como ferramentas entre as que se atopa este fío de coitelo curvo.
Coitelo de ferro