URBANISMO E ARQUITECTURA

No urbanismo do castro diferéncianse claramente dúas áreas: as defensas do istmo e o conxunto das construcións domésticas .

As defensas instaladas no istmo están conformadas por un ancho foxo duns 4 metros de ancho e 3 de fondo ao que segue unha muralla formada por dous paramentos paralelos de mampostería que se rechea con cachotería e area seguindo o esquema construtivo característico das defensas castrexas.

Talvez esta muralla estivo unida á muralla que circunda o poboado e que hoxe está perdida polo efecto da erosión mariña.

A muralla que rodea as construcións dométicas, hoxe bastante restaurada, presenta a mesma estrutura que a do istmo, é dicir, está formada por dous paramentos paralelos que enchen o espazo interior con pedras e terra e que, nunha das zonas, aparece reforzada cun terceiro muro.

O acceso á zona das construcións realízase a través dunha porta de entrada en rampla que dá acceso ao poboado dividio en dúas zonas nas que son visibles os restos dunhas 20 construcións.

Acceso en rampla entre as murallas

Escaleiras de acceso a un dos sectores do castro

Entrado no castro, á nosa esquerda pódense ver os restos de construcións de planta ovalada e circular típicas dos castros do noroeste peninsular e tamén algunhas empotradas na muralla que aproveitan un dos seus lados.

Ao sector da dereita éntrase a través dunhas escaleiras moi ben conservadas e nesta zona poden verse igualmente os fondos de construcións de plana ovalada e circular, as plantas características dos castros que non sufriron os efectos do urbanismo de influencia romana.

As dimensións destas construcións domésticas son as habituais, aínda que algunhas das ovaladas superan lixeiramente os valores medios.

Na zona máis elevada da península pódense ver restos moi arrasados de fondos de cabanas similares ás restantes do xacemento.