Como corresponde a un castro marítimo asentado nunha península, as construcións domésticas distribúense organizadas en varios grupos, protexidas dun posible ataque desde terra polas defensas situadas no istmo. Esta ubicación permitía aos seus ocupantes gozar dunha óptima posición para as actividades pesqueiras e marisqueiras e tamén agrarias nas terras situadas tras as liñas defensivas.
O castro estivo ocupado, fundamentalmente, entre o S. I a.C. e o S. I d. C.
As primeiras escavacións no castro de Baroña foron realizadas en 1933 por Sebastián González-García Paz. Posteriormente realizaron traballos arqueolóxicos José María Luengo (1969-1970), Francisco Calo Lourido e Teresa Soeiro (1980-1984), Francisco Calo en 1985 e Ánxel Concheiro en 1984, que realizou traballos de consolidación que, posteriormente, en 2012, se completaron con obras de rehabilitación.