Como é habitual nos castros galaicos, nas escavacións arqueolóxicas de Baroña atópanse restos abundantes de cerámica procedente de cacharros domésticos, polo xeral realizados con pastas groseiras cocidos tanto con lume oxidante como reductor que dan coloracións máis ou menos vermellas ou escuras.
Localizáronse tamén en Baroña abundantísimos restos de cunchas de moluscos e mariscos nas zonas coñecidos como cuncheiros, espazos onde se acumulan este tipo de restos, onde tamén aparecen espiñas e vértebras de peixes. Entre os restos dos cuncheiros tamén había restos de anzós e outros úteis necesarios para a actividade pesqueira e mariscadora. Mesturados cos restos mariños hai tamén evidencias de que se consumían bóvidos, cabras e ovellas, así como landras e froitos silvestres.
En Baroña hai evidencias de actividade mineira e metalúrxica con restos de fornos nos que se fundiron bronces, ferro e ouro.
Un dos achados máis destacados tivo lugar na campaña de escavacións de 1982 cando saíu á luz unha fermosa arracada de ouro e unha gran fíbula de bronce, hoxe depositadas no Museo do Castelo de Santo Antón da Coruña.
Arracada de ouro
Fíbula de longo travesaño en bronce