No marco das actividades do Proxecto de Vida Activa e Deportiva, o alumnado participou recentemente nunha charla sobre alimentación saudable 🥗e mindful eating🧘, na que se puxo o foco non só en que comemos, senón tamén en como o facemos, impartida por Belén Buján Lorenzo, con estudos en Dietética e Nutrición e Enxeñería Agrícola, e ademais veciña de Lamas (Trabancas), porque... Vai de parroquias!
Ao longo da sesión falouse da composición dos alimentos e do que nos achega cada grupo, así como da importancia da microbiota intestinal 🦠para o noso benestar físico e emocional. Incidiuse na importancia de que o noso prato sexa colorido🍽️ e haxa nel alimentos variados. Ademais, falamos sobre a etiquetaxe dos alimentos, un aspecto fundamental para non deixarnos levar por publicidades enganosas, que nos atraen con alimentos saudables que, en realidade, non o son tanto.
A parte teórica completouse con dúas prácticas moi significativas. Nunha delas, realizouse un exercicio de mindfulness eating no que, a través dun anaco de mazá🍏, o alumnado explorou a alimentación utilizando todos os sentidos, aprendendo a comer con atención plena e sen présas. Na segunda actividade reflexionouse sobre a cantidade de azucre que inxerimos habitualmente nas merendas, aprendendo a interpretar a etiquetaxe e poñendo terróns de azucre, tomando conciencia dos seus efectos na saúde e da importancia de facer eleccións máis equilibradas🟰.
Pola tarde, foi a quenda das familias. Na súa sesión, fixeron un repaso dos contidos da mañá e tamén abordaron os beneficios da Dieta Atlántica, repensaron os almorzos e merendas e analizaron os disruptores endócrinos, moi presentes nos nosos fogares.
👈Compartímosvos a presentación para que tomedes nota.
Unha experiencia moi enriquecedora que esperemos que axude a adquirir hábitos máis conscientes e saudables para o día a día.
Agradecer ❤️ a Belén a súa disposición para colaborar connosco e por facelo dunha forma tan dinámica e produtiva para todos/as. E grazas tamén, polo agasallo que nos trouxo, El mundo secreto de la microbiota... será que quere volver darnos unha charla, e desta volta sobre microbiota? Que non se fale máis!
Cada 30 de xaneiro celebramos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz🕊️, unha data que nos convida a reflexionar sobre importancia de aprender a convivir🤝, a respectarnos 🤗e a resolver os conflitos dende o diálogo🗣️ e a comprensión🫂. A paz non é só a ausencia de violencia, senón unha actitude diaria que se constrúe nas pequenas accións, nas palabras que escollemos e na maneira en que nos relacionamos coas demais persoas.
Ao longo destes días, o alumnado participou na creación e intercambio de mensaxes 💌de paz, fomentando o diálogo, a empatía e o coidado mutuo🫂. Ademais, esta iniciativa quixo ir máis alá das aulas, implicando tamén ás familias e á veciñanza, para espallar entre todas e todos un mesmo desexo: vivir nunha contorna máis xusta, amable e pacífica. Porque cada pequena mensaxe conta, e xuntas poden marcar a diferenza.
O alumando fixo dúas mensaxes de paz, unha para a Comunidade Educativa e outra para unha/un alumna/o do cole. Debido a situación meteorolóxica non puidemos sair polas rúas repartir as mensaxes e deixámolas no cole para que as colleran cando viñeran. As outras deixámolas nun buzón e repartímolas o xoves. Cadaquén tivo unha mensaxe especial e emotiva.♥️
As flores radioactivas foi tamén a primeira lectura para 6º. Un libro con moita intriga ata o final que... decepcionou un pouco! O alumnado esperaba un final con máis acción, aínda que souperon sacar a parte positiva.
Destacaron a valentía de Alba, a personalidade de Roi e a actitude das autoridades.
Hoxe tivemos unha nova reunión do noso club de lectura na nosa biblio 💬📖.
Nesta ocasión lemos o ensaio As tolas que non o eran, de Carmen Valiña.
Un libro intenso e tedioso na lectura, pero necesario. Convídanos a reflexionar sobre a historia de moitas mulleres que foron consideradas “tolas” por seren diferentes, por rebelarse, por buscar liberdade, por non cumprir co rol de muller daquela época. Mulleres esquecidas, pechadas durante anos con diagnósticos inxustos, incompletos e sustentados na opinión de veciños e familiares que representaban para eles unha vergoña social. Nun tempo no que a saúde mental era tabú e o control social marcaba as súas vidas.
A lectura axudounos a mirar ao pasado para comprender mellor o presente, e no que fixemos un exercicio necesario de memoria, xustiza e conciencia crítica. Reconstruímos e empatizamos con experiencias marcadas pola dor, a incomprensión e a inxustiza, e puxemos en valor aquelas de resistencia. A conclusión foi a mesma, seguir traballando por unha sociedade máis xusta e igualitaria 🟰.
Ler xuntas tamén é aprender, compartir e medrar como comunidade educativa.
Hoxe o alumnado de 5º achegouse á biblioteca para falar sobre o libro As flores radioactivas de Agustín Fernández Paz.
Unha historia baseada en feitos reais que representa unha crítica social ante problemas medioambientais de gran impacto. O misterio 🫢dunha flores radioactivas achadas no atlántico trae preocupado á veciñanza, xente do mar e autoridades.
A través da valentía de Alba, unha xoven rapariga, descubrimos o valor do compromiso coa contorna e o medio ambiente, en contraposición aos amosados polas autoridades, que remata descubrindo o verdadeiro poder desas flores ☮️.
🌍Hoxe celebrouse a 1º reunión do Comité Ambiental do noso colexio. Un grupo de alumnos/as🤗 de todos os niveis cuxo obxectivo é protexer, recuperar e coidar o medio ambiente, a través de sinxelas accións e importantes campañas de concienciación.
Para comezar, tomou posesión cada membro, asignándolle a súa medalla🏅 identificativa e intransferible.
A continuación, comentamos cales debían ser os obxectivos🎯 deste Comité dentro do centro e sairon propostas ben interesantes: plantar árbores 🌳no recuncho verde do patio, como evitar a presenza de lixo sura🚮 no patio, poñer enredaderas nas vallas do centro, coidar mellor os tapers para que nos duren máis tempo... e así moitas máis! Foi unha primeira toma de contacto moi satisfactoria, e o mellor é que xa estamos agardando a seguinte reunión! 😄
O alumnado de 3º e 4º descubriu onte cal será a nova lectura para a próxima reunión do club... As flores radioactivas! E fíxoo a través dun intrigante e perigoso xogo de pistas.
Agardamos que lles guste!
Ollade se o o 1º libro do club de lectura de 3º e 4º non foi un éxito que algún alumnado ata repetiu as receitas do libro na casa!
Neste caso Belén, de 4º de primaria, fixo coa súa familia o delicioso brownie. As imaxes falan por si soas 🤤
1ª reunión do club de lectura de 3º e 4º
Á voltas das vacacións de Nadal, o 13 de xaneiro, tivemos a nosa primeira reunión do club de lectura con 3º e 4º, arredor do libro de Escarlatina, a cociñeira defunta.🩻
Un libro📗 cheo de tensión e cunha historia verdadeiramente emocionante e tenra.
Como non podía ser doutro xeito, decidimos empezar a nosa xuntanza poñendo as mans na masa 🧑🍳e preparando unha das receitas máis deliciosas que nos inspirou a lectura: un brownie irresistible que fixo as delicias de todos e todas.
Preparámonos como profesionais, delantal e gorro incluídos. Lavamos as mans, xuntamos os ingredientes e comezamos! O proceso foi longo e tedioso, pero o resultado... INCRIBLE! Mirade se non estaba bo, que quedaron as cuncas limpiñas de todo! Estas/estes lambóns non se puideron resistir a probar a masa antes de metelo ao forno.
Co arrecendo do chocolate aínda no aire e nas mans, sentamos para facer o comentario do libro, compartindo opinións e impresións, as personaxes e as súas aventuras.
En xeral, destacaron a valentía de Román, por acceder a viaxar ao Infranmundo para volver á vida a Escarlatina, sabendo que de saír mal, el tamén quedaría no mundo dos mortos. A maldade de Amanito, a carreira definitiva ou o reencontro co seu avó, foron os temas máis comentados.
Así comezou este club de lectura, combinando libros, cociña e ganas de compartir, unha mestura perfecta para gozar de la lectura dun xeito divertido.
Próxima lectura e data para o club de lectura das familias!
O 9 de decembro, celebramos a primeira reunión do Club de Lectura da Comunidade Educativa arredor do libro As rapazas de Xan de Manuel Iglesias Turnes, unha xuntanza moi especial que marcou un fermoso comezo para esta nova andaina compartida arredor dos libros.
Tivemos a gran sorte de contar coa presenza do autor, algo que foi todo un luxo para o grupo. Grazas á súa participación puidemos descubrir moitas cousas novas do libro: detalles da historia, das personaxes e, sobre todo, do contexto no que foi escrito. Esta experiencia axudounos a comprender mellor a obra e a mirala con outros ollos, confirmando que os libros, cando coñecemos o contexto no que naceron, aínda son máis fermosos e significativos.
Foi unha reunión moi enriquecedora, chea de reflexións, preguntas e diálogo, na que se puxo de manifesto o valor da lectura compartida. E deixamos pendente o roteiro pola Baña, onde está ambientado o libro.
Queremos rematar cun agradecemento especail ao autor pola súa xenerosidade e proximidade, e tamén ás familias pola implicación e participación. Agardamos con ilusión as vindeiras sesións do club e todo o que aínda está por descubrir entre as páxinas dos libros.
Esta data, 3 de decembro, recórdanos a importancia de construír espazos máis xustos, accesibles e inclusivos, onde todas as persoas, nenos e nenas, poidan participar e desenvolver as súas capacidades sen limitacións. No día de hoxe queremos poñer o foco na diversidade, no respecto e na empatía, porque a inclusión constrúese entre todas e todos, a través dos pequenos xestos cotiáns e das actitudes que fomentan a igualdade. Aproveitemos esta xornada para reflexionar, aprender e reafirmar o noso compromiso de facer do noso centro un lugar no que cada persoa se sinta valorada e acompañada.
Contamos desta volta coa presenza de Álex e Xosé, adestrador e xogador respectivamente do Dépor da Liga Genuine. A través da súa historia persoal descubrimos como, a pesar das diferenzas físicas ou psíquicas, podemos chegar a conseguir todos os soños que nos propoñamos.
Ademais, tamén nos puxemos na pel desas persoas, intentando realizar tarefas cotiás, a priori moi sinxelas, pero con algunha limitación física. É aí, cando valoramos as cousas que de verdade importan e nos sentimos afortunados.
Ao longo deste mes poderedes ir descubrindo, día a día, unha nova proposta lectora no noso calendario🗓️ de advento.
Adiantámosvos que hai suxestións moi diferentes e divertidas🔝: narrativa, poesía, teatro, novas das parroquias, refráns, cantigas populares, vídeos, xogos de pensamento computacional... e moito máis!
Estreamos nova proposta de lectura no cole🥳, os clubs de lectura!
E fixémolo dun xeito ben especial! Cun pequeno desafío🧑💻: un xogo de pistas que os levou, paso a paso, ata descubrir o libro co que abriremos o club. Entre enigmas, risas e algunha sorpresa polo camiño, o alumnado converteuse en detective 🔍por un día, demostrando que a lectura tamén pode comezar cun misterio por resolver. Así foi como chegamos ao noso título protagonista… queres saber cal é? 👉👉👉
Moi pronto as nosas mochilas viaxeiras 🎒estarán listas para emprender unha nova aventura polas parroquias🗺️da nosa vila. Cada mochila leva dentro unha pequena selección de libros e xogos pensados para compartir en familia. O obxectivo desta iniciativa é fornecer o gozo pola lectura e crear momentos especiais en familia arredor dos libros, facendo que a lectura viaxe con vós máis alá da escola.
Estades preparados/as para encher as vosas casas de experiencias, aventuras e diversión? 🚀
O 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres🙅, é unha data fundamental para reflexionar, visibilizar e actuar fronte a todas as formas de violencia machista. Esta xornada recórdanos que a igualdade real🟰 aínda é un obxectivo ‼️polo que temos que seguir loitando colectivamente, promovendo a educación en valores de respecto, empatía e xustiza social. É tamén unha oportunidade para renovar o noso compromiso 🤝como comunidade educativa na prevención, sensibilización e denuncia de calquera tipo de violencia exercida contra as mulleres.
Ao longo destes días desenvolvéronse diversas actividades destinadas a concienciar, promover o diálogo e implicar ao noso alumnado nunha reflexión profunda sobre a importancia do 25N. Fixemos obradoiros, lecturas e unha performance dunha artista xaponesa cos nosos zapatos.
Para que poidades ver parte do traballo realizado, deixámosvos unha pequena presentación que recolle os momentos máis destacados destas actividades.
Aquí poderedes ver o resumo de todos os traballos presentados!
Este ano quixemos celebrar o Día da Infancia 🗓️dun xeito especial e cheo de simbolismo. Desde o cole prepararmos os nosos sorrisos😄 e colgámolos nas árbores do parque do concello, convertendo o espazo público nun recordatorio vivo da alegría e da forza da infancia. Máis tarde, achegámonos para visitalos, recoñecernos neles e compartir ese momento tan emotivo. Aproveitamos tamén para manifestarnos📢, reivindicando os dereitos de todos os nenos e nenas e lembrando que a súa voz merece ser sempre escoitada.
Ademais, viñemos ao cole en pixama, un xesto simbólico para lembrar e visibilizar a realidade dos nenos e nenas en acollemento, que ás veces teñen que marchar da súa casa con moi pouco. Quixemos así amosar empatía e apoio, poñendo en valor a importancia de garantir o benestar e a protección de todos os menores.
O Día da Infancia🙇 é unha data especial para lembrar que nenos e nenas teñen dereito a medrar felices, escoitados e respectados. No noso cole quixemos celebralo poñendo o foco no benestar emocional😶🌫️, porque educar tamén é axudar a recoñecer, entender e expresar o que sentimos. Por iso, ao longo desta semana, cada curso traballou unha emoción diferente, descubrindo o seu significado, como se manifesta e de que maneira podemos xestionala de forma saudable. Os resultados foron moi diversos, enriquecedores.
Comezamos novembro, o Mes da Ciencia🧪 en galego nas bibliotecas cun encontro moi especial: unha charla a cargo de Sonia Villapol🧑🔬, neurocientífica galega que traballa en Houston, pero que leva sempre con orgullo as súas orixes na Pastoriza (Lugo). Nesta sesión guiounos nun fascinante percorrido polo cerebro humano🧠 e dos animais, explicando as súas principais partes, como funcionan e por que é tan importante coidalo. Falounos tamén das enfermidades😷 ás que se enfronta a investigación neurocientífica na actualidade, como reverter o alzheimer ou a demencia. E sorprendeunos con datos curiosos que amosaron o incrible potencial e a complexidade do noso cerebro. Un comezo inspirador para un mes dedicado a espertar a coñecer un pouco máis a importancia da ciencia nas nosas vidas.🧪
A Hora de Ler implica establecer unha rutina de lectura diaria. O alumnado mellora a súa capacidade de atención, enriquece o vocabulario, amplía o mundo imaxinario e fortalece as habilidades de comprensión. Pero... ollo!👀 Pode facerse de moitas formas! Non se trata unicamente de ler individualmente e en silencio.
Unha das propostas que iniciamos este mes é que a Hora de Ler dos venres se faga polo alumnado a través do equipo de son🎤 que chega a todas as aulas, para que sexa escoitada por todos os compañeiros e compañeiras. Toda unha experiencia enriquecedora, e se non que llo pregunten a Sara, Enzo e Cristian de 3º, os primeiros en inaugurar esta nova iniciativa que se irá estendendo ao resto de cursos e alumnado.
✅Unha forma máis de fomentar o hábito lector, promover o benestar emocional e conectar ao alumnado coa lectura.
Lecturas compartidas
Non hai ledicia máis grande para nós que amosarvos estas imaxes😀. A lectura 📖é un ben presente en cada recuncho do cole e as nenas e nenos, sábeno aproveitar moi ben!
Grandes e pequenos comparten🤝 momentos de aprendizaxe e contacto coa lectura.
Que nos dicides das máis pequenas? Son sempre as primeiras en coller un libro. A súa fase de prelectura implica iso, contacto cos libros, ollar os debuxos, imitar a lectura, imaxinar...💭
E xa cando un maior lles le, dobremente beneficioso! 👫Nos maiores xera autoestima, confianza, responsabilidade, paciencia... nos pequenos, ilusión, escoita activa, motivación pola lectura...
A nivel xeral, as lecturas internivel fomentan a convivencia🫂, o respecto, a empatía, a comprensión lectora, as habilidades sociais e unha longa serie de vantaxes que nos levan a seguir promovendo este tipo de accións, dentro e fóra do centro.
Se es veciño/a de Agolada, che gusta a lectura e tes ganas de vivir experiencias e compartir opinións arredor da lectura, participa!
Información sobre o club.
Un club de lectura consiste na organización dun grupo de persoas para realizar lecturas comúns e reunións onde se intercambian opinións, reflexións, debates sobre aspectos da lectura, entre outras actividades máis dinámicas. As/os participantes no club realizan as lecturas pola súa conta e o día da reunión intercámbianse pareceres.
Realizarase unha lectura e un encontro por mes. Os encontros poden ser na biblioteca, con autores/as, saídas a espazos onde se desenvolve a acción do libro, roteiros literarios, talleres creativos...
Lectura en papel ou ebook.
Por que é tan importante participar nun club de lectura?
🧠 Primeiro. Os beneficios da lectura son moi amplos, enumeramos os máis significativos para nós, a continuación: mellora a actividade cognitiva (atención, memoria, concentración), a expresión oral e escrita, as habilidades sociais e a regulación das propias emocións, fainos máis libres, convidándonos a analizar, cuestionar e comparar, e enriquecéndonos persoal e culturalmente. E, como diría Elvira Lindo, “ler fainos sentir menos solos no mundo”.
🤝Segundo. Crearemos lazos de comunicación, colaboración e enriquecemento mutuo escola-familia.
🪞Terceiro. Sodes o maior exemplo para as vosas fillas e fillos. “Os nenos aprenden do que somos, non do que lles dicimos” (Elvira Lindo), por iso vervos ler a vós e participar nestas iniciativas, sentará as bases para futuros lectores/as.
Actividades do Samaín 2025
Coa chegada do Samaín, a nosa biblioteca encheuse de misterio e maxia🪄. Contan por aí, que algunhas pantasmas 👻pasearon polos recunchos máis escondidos, fedellando entre libros e estantes. E é que quen podería resistirse a un lugar tan acolledor? Ata as pantasmas atoparon aquí, o seu recuncho favorito🫠.
Este Samaín, a nosa biblioteca transformouse por completo… 🌕🕸️ Entre bruxas, morcegos e cabazas, vestiuse cunha decoración de medo para dar a benvida a unha xornada chea de misterio.
Mais o máis sorprendente foi a chegada dunha personaxe do máis alá, que apareceu entre as estanterías. Contounos historias arrepiantes, e incluso cheas de humor, como O ano en que os pitos perderon a cabeza e A min non me comas. 👻📖
Foi unha mañá chea de emocións, sustos e moitas risas, na que descubrimos que ler tamén pode dar medo… do bo!
Na biblio hai todo tipo de libros, tamén de ioga!🧘 Por iso, realizamos unha sesión práctica na natureza🌳, aproveitando a contorna natural como espazo de calma e conexión. Esta experiencia permitiunos traballar a mellora da concentración, a relaxación🙂↕️ e a conciencia corporal, ao tempo que incorporamos o grounding, unha práctica que consiste en estar en contacto directo coa terra🍃, neste caso camiñando descalzas/os pola herba👣, para favorecer o equilibrio emocional💆, reducir o estrés e aumentar a sensación de benestar. A combinación de lectura, movemento consciente e natureza converteu a actividade nun momento único de aprendizaxe e desconexión positiva🌞.
O 24 de outubro, coincidindo co Día das Bibliotecas Escolares.
Despois de semanas de traballo e moita ilusión, a nosa biblioteca escolar reabre as súas portas totalmente renovada. A finalidade desta reforma era clara: crear un espazo confortable, atractivo e aberto a toda a comunidade educativa. Un lugar onde os libros e a lectura sexan o corazón da vida do centro.
A nova biblioteca quere ser moito máis ca unha sala chea de libros: é un punto de encontro, un espazo vivo onde o alumnado, o profesorado e as familias poidan gozar da lectura, investigar, crear e convivir.
Queremos que o alumnado descubra o pracer de ler, que as familias atopen aquí un lugar para compartir tempo, lecturas e historias, e que toda a comunidade educativa se sinta parte deste proxecto.
Presentamos o que será o noso proxecto anual: Vai de parroquias!. Unha viaxe colectiva para descubrir quen somos a través da nosa vila, das súas tradicións, do seu patrimonio e das xentes que, co seu traballo e sabedoría, construíron a nosa identidade cultural. Busca poñer en valor o noso pasado para fortalecer o noso presente, conectando o alumnado coa historia viva da súa contorna.
A xornada comezou co corte simbólico da cinta por parte de Pilar, antiga mestra do colexio. A continuación, membros da comunidade educativa compartiron unhas fermosas palabras sobre o valor da lectura e o papel da biblioteca na vida escolar. Tamén gozamos da intervención de Busto, quen nos fixo reflexionar sobre a importancia de ler, de descubrir novas historias e de facer da biblioteca un lugar vivo e aberto.
E, por suposto, presentouse a exposición fotográfica Vai de parroquias, unha oportunidade para redescubrir as nosa orixes, así como os diferentes recunchos temáticos da biblioteca, pensados para que cada usuario/a atope en cada momento o que precisa.
Para pechar o acto, todos fixemos as nosas promesas lectoras para este ano, comprometéndonos a seguir construíndo o pracer da lecuta e a facer da biblioteca un lugar cheo de vida, palabras e soños compartidos.
E na última sesión do día, fixemos un obradoiro de marcapáxinas de origami coas familias!
Animámoste a visitala, participar nas actividades, recomendar libros, achegar as túas ideas e facer da biblioteca un lugar cheo de xente e de ilusión. Porque unha biblioteca cobra sentido cando está viva, cando se enche de lectores e lectoras que a fan súa.