O alumnado de 5º e 6º quixo ser partícipe da promoción do cole e presentalo ás novas familias que teñen a intención de matricular con nós aos seus fillos ou fillas. Unindo esforzos é máis doado lograr os obxectivos. Ocupáronse de editar un vídeo promocional e realizar a xornada de portas abertas.
No curso 2023-24 o 3ºCiclo (5º/6º de Primaria) continuou coa liña iniciada o curso anterior relacionada coa saúde e unha boa calidade de vida e decidiu centrar o seu traballo no horto escolar. Este proxecto está relacionado coa saúde, o coidado do medio e o consumo responsable.
No curso 2022-23 o 3ºCiclo (5º/6º de Primaria) decidiu concienciar á comunidade educativa da necesidade de iniciar e manter hábitos saudables de exercicio físico, alimentación, hixiene e relaxación (entre outros) para ter unha calidade de vida óptima.
Foron moitas as actividades de investigación e de motivación as que realizaron neste proxecto. Por exemplo, o coñecemento do entorno no outono. Empezando, en primeiro lugar, polo bosque do cole e saíndo despois aos montes próximos, descubriron a abundante presenza de cogumelos. Aprenderon a coñecelos con José Luis Cuba Crespo, experto micólogo, coa colaboración da Asociación AETNA, de Maniños. Coa colleita, realizaron unha exposición.
Realizaron tamén varios roteiros de sendeirismo. Non so gozaron das paisaxes que temos arredor de nós, senón que aprenderon a importancia de estar en contacto coa natureza e os beneficios que isto aporta á nosa saúde e benestar.
Participaron no programa Alimentes Digital, para realizar unha boa investigación sobre nutrición e alimentación saudable.
Para compartir todo canto investigaron sobre os hábitos saudables decidiron gravar un programa de Radio Mica.
E como produto final organizaron un circuito de vida saudable (Catro estacións) para todos os compañeiros e compañeiras do cole. Incluía alimentación saudable, hixiene, exercicio físico e relaxación.
Grazas ao programa Radio na Biblio, as nenas e os nenos de 5º e 6º, recibiron dous obradoiros de Pablo Portabales e Loreto Silvoso, grandes periodistas de Radio Voz, nos que aprenderon e practicaron técnicas radiofónicas.