Empecemos a traballar. formación técnica para persoas usuarias da Fusquenlla 

A Fusquenlla ofrece ao longo do ano cursos de capacitación técnica obrigatoria para aquelas persoas que queiran utilizar o centro, que non se limita unicamente á veciñanza dos catro concellos promotores e dos que acaban de sumarse ao proxecto, senón que está aberto a calquera persoa interesada.  

Trátase de cursos de 28 horas de duración con contidos teóricos e prácticos que abordan principalmente a hixiene e manipulación de alimentos e as técnicas de conservación, ademais do manexo con seguridade de todo o equipamento co que contan as instalacións. 

Até o momento lévanse impartido tres accións formativas -ás que asistiron máis de 50 persoas- co seguinte temario: 

• Hixiene e manipulación de alimentos. 

• Limpeza e desinfección do espazo de traballo. 

• Prevención de riscos laborais específicos do sector. 

• Manexo do equipamento e instalacións. 

• Manexo de ferramentas informáticas para a produción de conservas. 

• Trazabilidade. Documentación e cumprimento de normas. 

• Elaboración de custos do uso das instalacións.

• Transformación de produtos hortofrutícolas. 

Para poder utilizar as instalacións esíxese a asistencia a polo menos ao 90% das horas de cada módulo.  Ademais tamén é necesario que as persoas participantes superen con suficiencia todos e cada un dos apartados formativos para poder ser admitidas despois como usuarias da Fusquenlla.

Alén dos cursos de capacitación principal tamén se ofrecen xornadas de menor duración -unhas 5 horas- para formar a persoas acompañantes. Neste caso abórdanse temas básicos de hixiene e seguridade de cara a que poidan axudar nos procesos, sempre baixo a supervisión das produtoras e produtores principais que superasen o curso longo. 

A Fusquenlla está preparando novas accións formativas. Podes deixar os teus datos no seguinte formulario en liña. Tan pronto como se vaian convocando os cursos iráselles dándo entrada ás solicitudes recibidas.