A AFA "As Escoliñas" do CRA de Bergondo é a Asociación de Familias do alumnado que representa e dá voz ás familias das cinco escolas rurais que conforman o CRA de Bergondo. O noso obxectivo principal é colaborar activamente con toda a comunidade educativa para favorecer o desenvolvemento integral das nenas e nenos, así como a mellora continua das escolas.
Cremos nunha educación próxima, inclusiva e de calidade, onde a convivencia e a participación das familias na vida educativa das nosas fillas e fillos e a aprendizaxe a través de experiencias enriquecedoras dentro e fóra da aula sexan as protagonistas.
Entendemos a conciliación como un dereito e unha necesidade. Por iso, promovemos iniciativas e servizos que axuden a compatibilizar a vida familiar, laboral e escolar, como o impulso do servizo de comedor, o de actividades extraescolares e o de servizos de atención fóra do horario lectivo. Queremos ofrecer solucións reais e adaptadas ás necesidades das familias do CRA.
Desde a AFA traballamos para:
- Representar os intereses das familias ante o Consello Escolar e outras institucións.
- Promover actividades culturais, deportivas, de conciliación, de inclusión e de lecer educativo.
- Crear espazos de encontro e colaboración entre as distintas escolas.
- Fomentar valores de respecto, igualdade, inclusión e sostibilidade na nosa contorna educativa.
A AFA é de todas as familias. Máis alá da organización de actividades, queremos que sexa un espazo aberto onde poder compartir inquedanzas, propoñer ideas, buscar melloras para a educación das nosas fillas e fillos, e, sobre todo, participar como axentes activos no proceso educativo.
Animámosvos a participar, a formar parte da asociación, a achegar propostas e a sumarvos ás nosas iniciativas.
Xuntas podemos seguir construíndo unha escola viva, onde as nosas fillas e fillos medren felices, motivadas e con ilusión no seu día a día e no seu percorrido educativo.
Xunta Directiva:
Presidente/a: Irene Carmen íñiguez Ventero
Secretario/a: Sandra Pavón Gómez
Vicepresidente/a: Elena Prego Bustabad
Tesoureiro/a: Rodrigo Revuelta Roca
Vogais:
1- Iria Fafián Alonso
2- Isis Rey Darriba
3- Olalla Ma Rodriguez Franco
4- María Cupeiro Martínez
5- Borja Freire López