2.Por que programar?

A tecnoloxía ten cada vez máis presenza na nosa vida cotiá, é por iso que cremos que todos os nenos e nenas merecen unha oportunidade para se converter en creadores en lugar de consumidores desa tecnoloxía. Aprender a programar, aprender a codificar implica aprender o seu funcionamento e o lugar que a tecnoloxía ocupa no mundo moderno.

Queremos que os nenos e nenas das nosas aulas aprendan a programar para expresarse, para comprender mellor os contidos científicos e tecnolóxicos, para perder o medo a crear e compartir e para que todos teñan as mesmas oportunidades de acceder a unha alfabetización propia do século XXI.

Non se tratará de aprender a programar por aprender a programar senon de programar para aprender. Porque o verdadeiramente importante é que mentres están no proceso de codificar, están a adquirir habilidades e competencias moi importantes para a súa vida: aprendendo a descompoñer problemas grandes e complexos en outros máis pequenos, a ter unha mente máis lóxica, a desenvolver o pensamento abstracto e computacional, a estimular capacidades verbais e traballo colaborativo... pero sobre todo fomentará a creatividade, xa que sabendo codificar serán quen de xerar os seus propios contidos dixitais.

Queremos facer especial fincapé en que a programación informática no só é para nenos! Porque a pesares da enorme evolución do papel profesional da muller no mundo do Dereito, da Medicina, da Política... só unha minoría de rapazas decide cursar estudos STEM, ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, disciplinas moi solicitadas e lucrativas que son o principal motor da economía do século XXI. A nosa pretensión é crear un espazo seguro co fin de loitar contra as desigualdades de xénero e contra os estereotipos sociais. A intelixencia é algo que debe ser alimentado, que axuda a nivelar o campo de xogo e que significa que as nenas teñen tanto potencial para aprender a prosperar nestas disciplinas como os nenos.