1. Presentación

1.Que atoparás aquí?

Materias dixitais curriculares para a introdución da linguaxe de programación na Educación Primaria. Os contidos curriculares distribuiranse por niveis para cubrir as necesidades dos diferentes cursos a través de todas as áreas do Currículo.

Estes materiais están creados coas apps gratuitas Scratch Jr para 1º e 2º nivel, con Hopscotch para 3º e 4º nivel e co programa Scratch para 5º e 6º nivel.

ScratchJr é unha linguaxe gráfica de programación baseada no programa Scratch e rediseñado para atender as necesidades específicas de desenvolvementoe e aprendizaxe dos nenos e nenas dende a etapa de infantil ata o segundo curso de Primaria (idades 5 a 7 anos).

A creación de ScratchJr vén encher o baleiro existente para a creación dixital mediante a linguaxe de programación en idades temperás. Estas apps totalmente gratuitas ofrecen software tanto para que o alumnado cree historias interactivas e animadas, como para que os educadores apoiemos a súa adopción mediante o seu currículo e recursos en liña.

* Existe tamén unha aplicación ScratchJr para Chromebooks dispoñible na Chrome Web Store.

Hopscotch é unha app gratuíta para iPad deseñada para ensinar ás nenas e aos nenos os fundamentos da linguaxe de programación informática dun xeito lúdico e divertido. Ten unha interface moi visual e chea de cor coa que poden crear os seus propios videoxogos, arte interactiva e historias animadas.

Funciona arrastrando e soltando bloques de distintas cores en secuencias de comandos para así crear as nosas propias aplicacións e xogos sen ter que escribir os códigos cun teclado. Cando rematamos un script, simplemente prememos o botón "Xogar" e xa podemos ver o código en acción. Planean, proban, cometen erros ou non, reformulan, volven a aprender, en definitiva descobren que teñen o control da súa aprendizaxe.

Hopscotch conta cunha comunidade online en constante crecemento onde tanto alumnado coma profesores de todo o mundo poden compartir os seus proxectos e recursos. O propio equipo de Hopscotch propón ideas moi interesantes cada semana "idea of the week" ou distintos retos "challenges" para integrar a linguaxe de programación no currículo.

SCRATCH é unha linguaxe de programación orientada específicamente a nenos/as e adolescentes. Un concepto moi didáctico baseado na utilización de "bloques" que se unen para formar pequenos fragmentos de código "scripts" que permiten crear historias animadas, xogos, pezas musicais e artísticas...

SCRATCH permite engadir calquera creación artístico-dixital dun xeito moi sinxelo. Desta maneira podemos incorporar os nosos propios debuxos, os nosos propios elementos multimedia, etc.

Tamén podemos compartir as nosas creacións con outros "programadores" na mesma páxina web do proxecto SCRATCH, aprendendo das creacións doutros e poñendo a disposición dos demais os nosos proxectos de programación.

Aurora Jove e Begoña Codesal. Materiais licenza curso 2015-2016