Neste apartado estarán presentes os ditos e refráns propiamente galegos que o noso alumnado poda achegarnos. Así poderemos coñecer, entre todos, un pouquiño máis da cultura galega, unha das máis ricas en ditos populares que, como todos e todas sabedes, son orixe e fonte da nosa sabedoría milenaria.
Imos comezar a nosa colección de ditos e refráns con dous que atoparon dúas das nosas mellores detectives do Club de Sherlock Holmes.
Din así:
"A todo porco chégalle o seu San Martiño". O día de San Martiño é o 11 de novembro, cando xa comeza o frío, e celebrábase nel a matanza dos porcos. O refrán quere dicir que "a cada quen lle chega o seu momento" ou que "todo o mundo recibe ao final o seu merecido".
"Ovella que mea, bocado que perde". O papel explicaba o significado: que ás veces é mellor estar calado, porque se falas perdes oportunidades. Eu creo que ten que ver con ese que di: "En boca pechada non entran moscas", pero nunha versión máis enxebre.
O outro día, camiñaba eu polo corredor, preto de 6ºA, cando dun recuncho xurdiu unha sombra. Que susto levei! Pero ao final era outra detective do Club (outra das mellores) que me entregou un papeliño moi dobradiño e con moito misterio... Era o seguinte refrán:
"A quen Deus non lle dá fillos, o demo dálle sobriños". No mesmo papel está a explicación achegada pola nosa detective. Di así: "Significa que se non tés fillos, cando vas morrer veñen os sobriños á túa casa só para cobrar a herdanza." Abonda, eh!
Outro que me contou un amigo:
"Xente nova e leña verde, todo é fume". Quere dicir que a xente nova fala moito e fai moi pouco, e compáraa coa leña verde porque ao botala ao lume non te vai quentar, vaite afogar coa fumarada que forma. Vamos, que aos rapaces se lles vai a forza pola boca! Vaites, vaites!
Nos seguintes refráns axúdanos Fuco, o noso profe preferido de Galego (aínda que estea xa xubilosamente xubilado):
Coa fin de que sigades a completar esta sección, vouvos escribir algúns refráns que, polas súas características, teñen un aquel de graciosos.
"Mexan por un e hai que dicir que chove" Máis dunha vez foi empregado por Castelao para falar do "abuso" ou superioridade que se pretende ter sobre outras persoas.
"Se has bicar ao can no cu, non debes mirarlle o rabo" Refrán que ten que ver coa adulación. Vamos... con darlle "xabón a alguén".
"Máis valen dous bocados de vaca que sete de patacas" Referido ao mundo da alimentación e sobre aquilo que "sostén" mellor o corpo.
"O amigo leal e franco, ese é un merlo branco" Refrán que nos fala da amizade e da dificultade de atoparmos amigos de verdade.
"Preguntando vaise a Roma" Refrán que fala do importante que é a aprendizaxe e aprender preguntando. Aproveito para contarvos un chiste:
Éravos un amigo que agardaba por outro, pero o tempo pasaba e este non chegaba. Tanto, que xa levaba tres días! Agardando por el. Cando, por fin, apareceu. O primeiro reclama esa tardanza:
- Pero home! Tres días! Tres! Agardando por ti!
- Xa...pero é que me perdín.
- Pero meu! Ti non sabes que preguntando chegas a Roma?
-E de onde cres que veño?
Outros máis aínda:
"Ata o corenta de maio non te saques o saio" O sol aínda quenta pouco. A partir desa data comeza un novo período que non ha levar ao verán.
"Non hai mal que cen anos dure" Todos os problemas teñen solución.
"Ao feito peito" Tes que responsabilizarte dos teus actos ou decisións.
"Beber os ventos por alguén" Andar namorado.
"A cabalo regalado non lle mires o dente" Debemos ser agradecidos.
"A bo entendedor con poucas palabras abonda" Cando hai empatía (entendemento) entre as persoas todo é máis doado.
"Cóllese antes a un mentireiro ca un coxo" A verdade sempre por enriba de todas as cousas.
"Can ladrador pouco mordedor" Este refrán ten que ver coas aparencias. Moito aparentar para tan pouca coraxe. E sinónimo doutro que di "Moito ruído e poucas noces"
"Con pan e viño andamos o camiño" Con pouco xa abonda.
"Vale máis pouco pecar que moito confesar" Os demagogos ou farsantes son os que dan a nota sempre. Que hai moita xente que vive da aparencia, vamos!
"Vai a vella morrendo a aínda segue aprendendo" Formámonos durante toda a nosa vida. Aprendemos ata que a espichamos.
"O home reina e a muller goberna" Ás veces, o home presume do que non é.
"Auga de maio non fai dano" Para o campo a auga sempre é benvida.