Participan na fase final un total de 133 estudantes de toda Galicia, en 4 categorías, de Infantil a Bacharelato, que recitaron poemas de Rosalía e Manuel María, o escritor ao que este ano se dedican as Letras Galegas

Outeiro amañeceu frío, con neve nos arredores e mainas folerpas a caer sobre a Casa de Hortas. Mais axiña a calor da poesía fixo derreter a neve e os falares da Coruña, de Sada, de Arousa e de Rianxo, de Lugo, de Vilalba, de Cervo, de Bande e de Celeiro... e así até o medio cento de centros de ensino que encheron o auditorio da Casa Museo Manuel María.

Gañaron, na categoría 1 (Infantil, 1º e 2º de Primaria), o CPI de Xanceda (Mesía) cun recitado colectivo do poema O lobo de Manuel María; na categoría 2 (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) Lucía Ónega Santos, do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, co recitado do poema Galiza de Manuel María; na categoría 3 Irea Ferreiro López, do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa co poema Por que? de Rosalía; e na categoría 4 (Bacharelato) María Camilla Beltrán Guzmán, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, co poema Verbas á miña nai de Manuel María.

Do noso colexio participou Jessica Fernández de 5º curso que o fixo moi ben e recibiu moitos parabéns. Tamén estaba prevista a participación de Daniela Escudeiro que non puido chegar por mor da neve. Moito ánimo sempre nos quedará a seguinte convocatoria que xa está anunciada.

Son varias as propostas que levaremos a cabo este ano:

  • Participación no concurso que convoca a Fundación Manuel María: ROSALÍA SEMPRE VIVA. Despois da selección realizada no colexio irán a participar: Daniela Escudeiro de 4º curso e Jessica Fernández de 5º curso.

  • Elaboración dunha tarxeta postal con versos e debuxos alusivos que enviaremos ás casas a través do servizo de correos para ser recibida como agasallo conmemorativo. Actividade promovida pola AELG.

  • Os nenos e nenas de infantil están a elaborar murais e marcapáxinas.

  • O día 24 faremos unha homenaxe todos xuntos no Salón de Actos na que haberá recitados, dramatizacións e remataremos visualizando e cantando co vídeo conmemorativo da canción de Uxía Senlle "Rosalía pequeniña", con imaxes realizadas polos nenos e nenas de infantil e as voces dos nenos e nenas do colexio.

VÍDEOS CONMEMORATIVOS

Como colofón ás actividades realizadas nos últimos días sobre Rosalía, todos os nenos e nenas do colexio, xunto cos profesores e profesoras, fixemos un pequeno Festival no que houbo presentacións, dramatización, recitados e cantamos a canción Rosalía Pequeniña.

No seguinte vídeo podemos ver as actuacións: