Post date: Oct 15, 2009 8:24:22 AM
- Como novidade, este ano diversifícase a oferta polas prazas da zona vella con máis obradoiros de baleirado de cabazas e de maquillaxe. - Haberá un desfile con saída da praza de Saco e Arce ata a praza Maior.
- O cartel gañador desta edición é de Moncho Barazeiro
A festividade do Samaín encherá de vida as prazas da zona vella da cidade este sábado 31 de outubro. As actividades están dirixidas aos máis cativos, pero a Concellería de Cultura quere implicar tamén a toda a familia. Comezarán ás 17:00 horas, con obradoiros de baleirado de cabazas -repartiranse un total de 700-, e rematarán cunha grande festa na Praza Maior con música e xogos para todos.
“O Samaín celébrase hai milleiros de anos en todo o territorio celta a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro con motivo do peche da tempada de colleitas e a chegada do inverno”, lembraba a concelleira de Cultura, Belén Iglesias. “Moitos coinciden en sinalalo coma a orixe das tradicións asociadas aos mortos, da que se derivan, entre outras, o Halloween anglosaxón, porque a tradición é a mesma: espantar os malos espíritos nas noites de transición entre o verán e o inverno”, dixo. Este 2015, e debido ao éxito de pasadas edicións, a Concellería ampliou significativamente o número de actividades.
Ás 12:00 horas haberá unha sesión de contacontos na praza de San Cosmede e Damián, e dende as 17:00 horas organízanse diferentes obradoiros nas prazas de Saco e Arce, praza da Imprenta e praza de Manuel Sueiro. A partir das 19:30 horas haberá un desfile de cabazas co seguinte percorrido: praza de Saco e Arce, praza Maior, rúa da Liberdade, praza de San Marcial, Hernán Cortés, praza das Damas e praza Maior, onde se celebrará a fin de festa.
Na rolda de prensa presentouse tamén o cartel para esta edición, obra do artista Moncho Barazeiro, elixido de entre as propostas presentadas a concurso.