Coidados intensivos


Quen require dos coidados?

Evidentemente, todas e todos nós. Pero se houbese que priorizar, hai sectores da poboación máis vulnerables (por motivos de saúde, sociais, económicos…) e tamén etapas vitais como o principio ou o fin da vida, a infancia e a vellez. Focalizar os colectivos vulnerables pode ser un exercicio interesante para decatármonos de que ninguén é alleo a esta situación, de que todo o mundo é ou será posiblemente vulnerable nalgún momento da súa vida.

O proxecto Teño un amigo en Afaga (Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer) ofreceunos a posibilidade de intercambiar experiencias entre os seus usuarios e o noso alumnado que resultaron enormemente enriquecedoras para ambos grupos. Estes encontros tiveron lugar na materia de Valores de 2º ESO e no Ámbito Lingüístico e Social de 4º ESO. Tamén participou un grupo de cinco estudantes con Necesidades Educativas Especiais (NESP).

Debido aos protocolos COVID, as xuntanzas tiveron que celebrarse de maneira virtual a través de videoconferencias en Webex. Nelas falamos sobre temas previamente pactados para que os terapeutas puidesen traballalo con anterioridade coas persoas usuarias de Afaga e nós, pola nosa banda, facer o propio co noso alumnado. Foron precisas moitas reunións previas entre o profesorado participante neste proxecto e as terapeutas de Afaga para organizar os contidos dos encontros. Pero, desde logo, foi un esforzo que realmente pagou a pena.

1ª videoconferencia: Entrevista a Suso Andrea Reyes.

Foi precedida do traballo de sensibilización nas aulas sobre os distintos tipos de demencias, visionado da película Vivir dos veces, etc. Falamos sobre a súa profesión (que é unha vocación) e sobre como traballan coas persoas afectadas polo Alzheimer, que rutinas teñen e como as levan a cabo, como atenden ás persoas que asisten ao seu centro, que actividades fan, que protocolos seguen (e o complicado que foi adaptalos a esta nova realidade). Explicounos o gratificante que é o seu traballo como terapeuta. Respondeu unha chea de preguntas que o alumnado tiña preparadas.

Materiais empregados e creados:

  • Presentación demencias.

2ª videoconferencia: A Reconquista.

Chegou o momento de coñecer as persoas usuarias de Afaga. Contáronnos algo sobre a súa vida e logo compartimos con elas unha presentación sobre a festa da Reconquista, cantigas tradicionais, titoriais de baile e ensinámoslles uns cadernos de pasatempos que preparamos para elas coa temática da Reconquista como eixe central. Enviámosllos xunto cos titoriais de baile para que practiquen. Mesmo nos animamos a cantar "Ven bailar, Carmiña" e "A Rianxeira". Ademais, estreamos camisetas co logo deseñado por un dos alumnos que participa neste proxecto.

Materiais empregados e creados:


3ª videoconferencia: Traballos e sensorialidade.

As persoas usuarias de Afaga relatáronnos a que se dedicaron na súa vida laboral: algúns ao traballo e o coidado do fogar, das leiras, dos animais... outros de familias mariñeiras, empregados de Citröen... Nós presentámoslles un traballo que elaboramos con moito agarimo relacionado coa estimulación dos sentidos. Fixemos unha presentación de imaxes curiosas para adiviñar o que se ve. Continuamos cun xogo de adiviñar as cantigas tradicionais galegas que soaban. E rematamos todxs cantando. Finalmente presentámoslles unhas actividades para o traballo do olfacto e do tacto, que se lles levaron ao centro de día para que manipulasen cadaquén o seu caderno de estimulación sensorial no que tiñan que recoñecer diferentes olores ou descubrir a percepción tactil de varios materiais. Enviámoslles tamén videotitoriais para que practicasen algúns nudos mariñeiros.

Materiais empregados e creados:

4ª videoconferencia: Roteiro con nome de muller.

O alumnado de 4º A preparou un roteiro polas rúas viguesas con nomes de muller. E nese mesmo roteiro, incorporamos as rúas nas que viven as persoas que asisten ao centro de día. Por cada persoa, unha casiña, que lles levamos xunto cun mapa para que poidan localizalas e pegalas alí.

Materiais empregados e creados:

Charla Carlos Spuch: Afaga púxonos en contacto con Carlos Spuch, doutor en neurobioloxía e investigador senior do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e Coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias. O 30 de maio tivemos a sorte de recibir a súa visita ao noso IES para dar unha charla ao alumnado da materia de Anatomía Aplicada e de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de Bacharelato.

Entrevista na radio a Carlos Spuch: Despois da charla. Carlos Spuch visitou Onda Valadares e compartiu unha conversa cunha das nosas alumnas, Rosalía, no noso estudo. Falaron da súa carreira, do seu traballo, da creatividade, do labor de AFAGA...

Meteovaladares: O proxecto Meteovaladares xurdiu a partir da colaboración do alumnado do grupo de NESP (grupo de cinco estudantes) e Anxela, a súa profesora do Ámbito Científico-Tecnolóxico. Instalaron unha pequena estación meteorolóxica no noso instituto e cada semana recolleron os datos obtidos a partir do pluviómetro, termómetro, barómetro, hidrómetro e unha veleta. Refixeron a caseta xa existente na materia de Tecnoloxía. Con esa información (e máis algúns datos obtidos de Meteogalicia), cada venres, desde xaneiro ata xuño, gravaron un programa da radio en Onda Valadares, a radio do instituto, que lles faciamos chegar ás persoas usuarias de Afaga para que tivesen o parte do tempo semanal.