Cadea de coidados.

Miro por ti, miras por min


Como nos coidamos?

Ademais dos centros de saúde, docentes e asistenciais, ademais das familias, son importantes as redes de apoio social (amizades, veciñas e veciños...). E tamén as redes sociais virtuais, que tan importantes son para o noso alumnado e que resultaron vitais para elas e eles durante o período do confinamento. O obxectivo dos proxectos encadrados neste bloque é responder á pregunta "como nos coidamos?".


A materia de Educación Física (1º e 4º ESO) abordou a cuestión da saúde física e mental e a súa relación co exercicio físico e a alimentación saudable, ademais de incidir nos hábitos de hixiene relacionados coa Covid19. O resultado final foron videotitoriais elaborados polo alumnado con consellos de autocoidado e prevención en tempos de pandemia.

Nas materias de Lingua Castelá e Cultura Audiovisual (1º BACH) traballamos sobre o autocoidado dixital nas redes sociais. Comezamos no primeiro trimestre traballando sobre a desinformación (fake news). Os medios de comunicación son canles habituais para dar a coñecer os acontecementos, feitos ou opinións de interese xeral, pero as novas tecnoloxías habilitaron outras canles, como as novas redes informáticas, os xornais dixitais... Para abrir os ollos de maneira crítica ante esta sobrecarga de información partimos da charla TED de Clara Jiménez (Maldita.es) e logo o alumnado de 1º BACH grabou as súas propias charlas TED centrándose nalgún aspecto concreto da desinformación. Estas charlas figuran na sección de Recursos Dixitais do blog da biblioteca O Sobreiral das Palabras.

No segundo trimestre partimos da información que nos achega a web de Pantallas Amigas (dedicada á promoción do uso seguro e saudable de internet e outras TIC, así como ao fomento da cidadanía dixital responsable na infancia e adolescencia) para escribir textos argumentativos sobre diferentes aspectos do autocoidado dixital: grooming, sexting, ciberviolencia, robo de identidade dixital, porno vinganza, tecnoadición, nomofobia... Estes textos figuran no apartado de Recursos Dixitais do blog da biblioteca O Sobreiral das Palabras.

No terceiro trimestre, contamos coa colaboración da nosa compañeira Lucía Cons que, na materia de Cultura Audiovisual, incidiu na formación relativa ao uso seguro e responsable das novas tecnoloxías. Toda esta información serviu para que o alumnado de bacharelato puidese visitar as aulas da ESO mantendo conversas sobre autocoidado dixital. Repartíronse en grupos de tres ou catro persoas e cada un destes grupos impartiu unha charla de formación en cadansúa titoría da ESO. Acudiron a practicamente todos os grupos de 1º, 2º e 3º ESO. O resultado ou ben a avaliación dalgunhas destas experiencias quedou recollido por medio de audios ou vídeos.


Tamén nas materias de Igualdade de Xénero de 2º ESO e no Ámbito Sociolingüístico de 4º ESO regresou Priscila para impartir un obradoiro titulado "hackeo ao machismo" co obxectivo de incidir no autocoidado dixital. Todo o aprendido nos obradoiros deixounos como resultado o mural "Sermos ceibes" nas paredes do instituto e unha reflexión sobre estereotipos a través dos memes creados polo alumnado.

Nas materias de Inglés, Lingua Galega e Fundamentos da Arte (1º Bacharelato) abordaron a tradución do libro Milk and Honey (Rupi Kaur) de inglés ao galego e acompañárono de ilustracións, imitando os debuxos cos que ela mesma acompaña a súa poesía. É unha obra que fala de resiliencia, de como afrontar e superar as perdas, os abusos e tamén as ideas preconcibidas sobre as mulleres. Rupi Kaur é unha referente do pensamento feminista entre a xente nova.


En Lingua galega e literatura (1º ESO) traballouse o tema dos autocoidados en relación coa captación de sectas de manipulación e presión, relacionado con outras adicións ideolóxicas, situacións de dependencia interpersoal (relacións tóxicas familiares, sociais e de parella, presión de grupo en procesos de socialización, especialmente escolar, etc). Para introducir ao alumnado, o profesor elaborou un texto introdutorio con diversas facetas das técnicas de manipulación. Aproveitou o texto para practicar a colocación do pronome átono nas oracións, cuestións de ortografía e morfosintaxe, e para tocar aspectos de etimoloxía e léxico: secta, gaslighting, apartheid, disonancia cognitiva, teoría da ra no caldeiro, lavado de cerebro, proselitismo ideolóxico.